Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 15 de enero de 2026
Cadaquén coa sús teima

Cada tolo coa súa. Uns falan da ecuación política na zona do Caribe, outros comentan a velocidade dun meteorito cruzando a tantos miles de quilómetros do planeta Terra e eu analizo o rastro que deixa a lesma cando cruza a carreira dos Agriños, en Baños de Molgas. Tamén hai quen estuda as estrelas sen mirar para elas. Como dicía aquel outro: de todo hai na viña do Señor. O Señor escribímolo en maiúscula para salientar a súa relixiosidade, a súa importancia.
Pingas de Orballo Cada un frite na súa manteiga. Uns corren detrás dunhas lavandeiras ou alindadoras, outros fan voar uns drons polos ceos ucraínos e eu ouleo coma os lobos nas noites máis negras. Quen di oulear, di berrar e que di berrar, di soltar todo o que preme no peito. Ás veces tamén me deito sobre as pingas de orballo que cobren os meus lameiros, principalmente o do Río Vello, tamén en Baños de Molgas.
Cada un anda á cabra cega. Uns queren xunguir a Netanyahu con Trump e a Putin con Kim Jong-un, outros queren asubiar toda unha banda sonora de Hans Zimmer para saber se se pode bailar e eu quero valorar a cuadratura do círculo sobre o taboleiro da esperanza. A esperanza é ese sentimento que fai crer que algo que se desexa pode chegar a realizarse. Será o tempo o que diga se se realizou ou non.
Cadaquén coa súa teima. Uns van en contra do nacionalismo catalán para, ó mesmo tempo, defender o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un nacionalista de moito carallo; outros alucinan con esa incongruencia e eu ríome dos primeiros, dos uns. Nunca tal contrasentido se desenvolveu por estes lares políticos.

Camiño dos Pireneos

Demo de can, non me deixa nin a sol nin a sombra. O meu can chámase Eusebio e eu chámome Adolfo. Adolfo Riós Tomé, para servir a Deus, a España e ó Rei. Patriota coma min non hai ninguén. Nin católico. Son católico apostólico romano. Percorrín Castela de punta a couce, de norte ó sur e de leste ó oeste. Acabei asentándome en Navarra, aínda que nacín en Galicia, xusto nunha aldea da Galicia profunda. Alí mesmo.
Eusebio apareceu na miña vida cando non o buscaba e xusto cando me acaba de desfacer do outro can que tivera, ó que lle chamaba Felisindo. Que ninguén colla o verbo desfacer en plan de matar, de liquidar; simplemente que llo regalei a un neno que mo pediu. Porque mo pediu de boas maneiras: "Señor, daríame vostede o can que está deitado na súa sombra?". O de señor chegoume ó corazón e o da sombra fíxome graza... o día estaba escuro como a noite. Mirei para o rapaz cun gran sorriso e díxenlle que o levase. O detalle estivo en que o can, Felisindo, seguiuno ó momento, sen cadeas, sen correas. O rapaz dixéralle: "Tití, vén". E o can foi, marchou con el.
Agora, Adolfo, o can que teño e me segue a todas partes, mírame cunha ollada de inocentiño e coas orellas gachas que mesmo está para unha foto e colgala no feisbuq. A verdade é que non teño feisbuq, pero quedaba actual e bonito dicilo. Agacheime e díxenlle ó oído que iamos cruzar os Pireneos. Puxémonos inmediatamente ó camiño. Eusebio seguindo sempre a miña sombra que, agora mesmo, non a facía por falta de sol. Porén, é igual; tamén queda bonito dicíndoo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES