Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ecoloxismo dende Kosmos a Galicia (lembrando a Gladys del Estal)

Rodríguez Fer, Claudio - miércoles, 14 de enero de 2026
A paciencia, a resiliencia, a implicación e a entrega xenerosa da loita ecoloxista por un mundo máis habitable e sostible é sen dúbida a causa da supervivencia dunha boa parte da natureza que gozamos e ata do aire que respiramos ou da auga que bebemos, pois nada disto existiría aceptablemente sen a oposición á depredación que os intereses económicos, políticos e militares inmediatos impoñerían ao planeta Terra e ao resto de Universo sen importarlles as consecuencias.
Dende que o xeógrafo e explorador alemán Humboldt postulara a principios do século XIX a interconexión holística da vida en natureza na súa marabillosa obra Kosmos, a ecoloxía como ciencia biolóxica e o ambientalismo protector do medio ambiente dela derivado non deixaron de desenvolverse. Paralelamente, xeógrafos anarquistas como o ruso Kropotkin e os franceses irmáns Reclus, postularon durante o mesmo século a harmonía entre o medio ambiente e o ser humano, considerando que a cooperación Ecoloxismo dende Kosmos a Galicia (lembrando a Gladys del Estal) dentro das especies e entre elas e a súa contorna é máis beneficiosa que a competición. E o utopista inglés William Morris, o insubmiso estadounidense Thoreau e o anarco-pacifista ruso Tolstói avogaron na mesma época por unha vida simple, autosuficiente e integrada no contorno natural, anticipando xa a sostibilidade autoxestionaria sen xerarquías nin explotacións preconizada polo ecoloxismo libertario.
Ademais, a fins do século XIX comezaron a levarse a cabo iniciativas conservacionistas estatais, como a da creación de parques nacionais en Estados Unidos e outras que se foron estendendo polo mundo, sobre todo a partir dos anos sesenta do século XX, cando o movemento verde despegou e se organizou en boa parte do planeta. Así, fundáronse asociacións mundiais non gobernamentais como World Wildlife Fund en 1961 ou Friends of the Earth en 1969, que se estenderon por numerosos estados. A bióloga mariña estadounidense Rachel Carson, autora do impactante ensaio Silent Spring, no que advertía sobre o perigo de envelenamento químico do medio ambiente, contribuíu á progresiva toma de conciencia de que o ser humano forma parte integral da natureza e de que por tanto non debe erixirse no seu amo explotador. Ademais, durante os anos setenta, a preocupación ecolóxica comezou a institucionalizarse internacionalmente tras a primeira conferencia mundial das Nacións Unidas sobre o medio ambiente celebrada en Estocolmo en 1972.
Nesta época comezaron a proliferar tamén as asociacións ecoloxistas locais e internacionais, así como os partidos políticos verdes, a miúdo coligados electoralmente en alianzas de esquerda. Carmen Blanco e mais eu simpatizamos dende o principio co ecofeminismo non violento e coa organización ecopacifista internacional Greenpeace, que utilizou a acción directa non violenta dende a súa fundación en 1971 en Vancouver, Canadá. E así mesmo colaboramos en Galicia en múltiples ocasións coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), fundada en 1974, e con outras organizacións ecoloxistas galegas posteriores. Noutros lugares cooperamos con Ecologistas en Acción, confederación de grupos ecoloxistas formada en 1998, en sintonía coa cal recitamos en Madrid na acción de Rebelión Poética, en apoio da procesada Rebelión Científica (promovida polo poeta Jorge Riechmann), que convocou a plataforma Voces del Extremo (coordinada polo tamén poeta Antonio Orihuela), en 2024.
Claro está que a loita ecoloxista esixiu e esixe extraordinarios sacrificios en todo o mundo, incluídos os da vida, pois son moitos os lugares, sobre todo de América Latina, onde defensores e defensoras da Terra pereceron e perecen asasinados a miúdo por depredadores sen escrúpulos. Non en van o poeta José Ángel Valente denunciou no século XX o xenocidio secular do pobo guaraní do Brasil no poema "Redoble por los kaiowá del Mato Grosso del Sur", no que sentenciou: "Quien esté ciego para verlo no merece / vivir". Mais o masacre dos indíxenas resistentes continuou no século XXI despois de escrito o poema, malia que, como deixou dito o poeta aos guaraní-kaiowá a propósito do seu ritual comunal, sexamos moitas as persoas que quixeramos "nacer a vuestro lado / en la tierra sin mal".
Esta represión ecocida foi exercida tamén con violencia na España franquista e posfranquista, como de feito puiden comprobar directamente na miña mocidade. O abuso máis grave que lembro daquel período é o exercido contra a ecoloxista Gladys Ecoloxismo dende Kosmos a Galicia (lembrando a Gladys del Estal) del Estal Ferreño, nacida en Caracas de pais republicanos exiliados, cos que regresara ao País Vasco, onde traballaba como informática. Efectivamente, cando se manifestaba cunha sentada contra a proxectada instalación dunha central nuclear en Tudela, foi abatida dun disparo na caluga efectuado a moi curta distancia por un garda civil o 3 de xuño de 1979. Mais malia as masivas mobilizacións de protesta ocasionadas polo asasinato, foi frustrante comprobar unha vez máis naquela tardofranquista democracia a vixencia da desinformación mediática e da farsa xudicial, infamia que servía de aviso cautelar, cando non de ameaza latente, a todas as persoas que daquela faciamos o mesmo que pacificamente fixera a inesquecible compañeira Gladys del Estal.
En Galicia, a histórica e pioneira oposición á presa hidroeléctrica de Castrelo de Miño en 1966 foi, sen dúbida, o principal antecedente das protestas ecoloxistas que se xeneralizarían a partir dos anos setenta. En efecto, a construción de tal encoro fluvial provocou a mobilización reivindicativa da xente labrega afectada polo asolagamento das súas terras fértiles e pola conseguinte ruína dun ecosistema único, así como a solidariedade con elas de intelectuais, políticos e estudantes opositores ao réxime franquista. O título do libro Castrelo de Miño, loita, represión, espolio, desastre ecolóxico, desastre humano, de Arturo Reguera, resume perfectamente o balance histórico do proceso en cuestión. Esta foi a primeira loita ecoloxista, por certo reprimida con cargas policiais, da que tiven noticia na adolescencia, concretamente a través dun comprometido profesor Xesús Alonso Montero e dun indignado escritor Ánxel Fole.
Durante a Transición, foron moitas as manifestacións ecoloxistas nas que Carmen Blanco e mais eu participamos xuntos, como por exemplo, na Coruña, en apoio do campesiñado que, durante 1976 e 1977, se viu espoliado nas Encrobas de Cerceda por parte dunha poderosa corporación industrial apoiada polo estado franquista, que finalmente destruíu o verde val para explotar unha mina a ceo aberto. Igualmente participamos en manifestacións contra a tan contestada planta de celulosa de eucalipto instalada en Pontevedra xa en 1963, así como contra as que se querían instalar noutros lugares de Galicia, como en Ponteceso, onde nos manifestamos o 28 de febreiro de 1976, ou en Quiroga, onde nos manifestamos o 18 de abril de 1976 e onde houbo detencións policiais, tras as que se impuxeron elevadas multas a manifestantes.
Así mesmo, o 10 de abril de 1977 participamos xunto a unhas oito mil persoas na marcha non autorizada entre Viveiro e Xove, concello este no que se pretendía instalar unha central nuclear (por certo, pode vérsenos manifestándonos nunha foto publicada daquela na revista Teima). Grazas a esta mobilización conseguiuse paralizar tal proxecto, pero, andando o tempo, tiven ocasión de coñecer os desastres provocados pola nuclearización en Bretaña, onde traballei e morei e de cuxo ecoloxismo, compartido alí primeiro con María Lopo e logo tamén con Olga Novo, fun e son sempre solidario.
Con especial violencia reprimiuse na Galicia posfranquista a manifestación e ocupación do areal de Baldaio, pertencente ao concello de Carballo, que estaba sendo esquilmado abusivamente e onde non se permitía faenar ás mariscadoras da zona, o 8 de maio de 1977. En efecto, a garda civil cargou alí con porras, culatas e disparos de bólas de goma e botes de fume contra a xente concentrada, provocando unha gran cantidade de feridas. No autobús de volta a Santiago de Compostela, onde daquela estabamos estudando Carmen Blanco e mais eu, escribín o poema “A culatazos”, incluído logo no meu primeiro libro, Poemas de amor sen morte, que evoca a batalla librada e que como aquela termina “a culatazos amor a culatazos / e a culatazos latexamos estoupando / e o amor se afirma firme a culatazos”.
Os desastres mariños acaecidos en Galicia provocaron tamén numerosas mobilizacións, das que participamos. O primeiro foi o accidente do superpetroleiro español Urquiola na entrada do porto da Coruña o 12 de maio de 1976, no que pereceu o capitán e cuxo vertido anegou as rías da Coruña, Betanzos, Ferrol e Ares, o que ocasionou graves perdas dos bancos de marisco e de toda a fauna mariña. Tal marea negra motivoume o poema “Onde vai o mar”, incluído tamén no meu primeiro libro, Poemas de amor sen morte, que remata evocando cun recalcitrante neoloxismo “a pesca / e a vida / sen vida / ou vendida / mancha esquecida / polo petromar”.
Mais, lamentablemente, non sería este o último desastre nas costas galegas, pois o cargueiro de bandeira panameña Cason encallou o 5 de decembro de 1987 na praia do Rostro, de Fisterra, onde faleceron 23 tripulantes chineses. Os produtos químicos inflamables e tóxicos que portaba motivaron evacuacións masivas en Fisterra, Cee e Corcubión, así como a custosísima paralización por folga da fábrica Alúmina-Aluminio de San Ciprián, a onde o Goberno decidiu trasladar provisionalmente os bidóns rescatados. Un lustro despois, o petroleiro grego Aegean Sea provocou outra catástrofe fronte á Torre de Hércules da Coruña o 3 de decembro de 1992, ocasionando unha fumareda que obrigou a evacuar o barrio de Durmideiras e unha marea negra que paralizou outra vez a actividade pesqueira e marisqueira das catro rías da Coruña, Betanzos, Ferrol e Ares durante anos.
E maior catástrofe aínda supuxo a ocasionada polo buque monocasco liberiano Prestige, con bandeira das Bahamas, que se partiu en dous e se afundiu o 19 de novembro de 2002, producindo unha marea negra de fuel que afectou gravemente o ecosistema mariño e pesqueiro de case todo o litoral galego, chegando incluso a outras costas de España e de Francia. Malia a colaboración dos miles de voluntarios que acudiron a limpar as praias, o chapapote esquilmou a fauna mariña e matou centos de miles de aves. Nesta ocasión, Carmen Blanco e mais eu colaboramos coa reivindicativa plataforma cidadá Nunca Máis, formada contra a pésima xestión política do desastre, en numerosas manifestacións protestatarias, recitais poéticos e publicacións diversas. Consecuentemente, no poema “Vente comigo”, do libro A muller sinfonía, clamei “polas dores batidas e cubertas de negro / como a Costa da Morte ata Fisterra”.
En paronomasia con Nunca Máis escribín o poema “Nunca Man”, incluído no meu libro A loita continúa e na colectánea Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra. Título e composición refírense ao alternativo artista natural Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle, en cuxo porto tiña feita unha instalación con material reciclado do mar que tiñamos visitado e que foi destruída pola marea negra. Man faleceu, en medio de tan devastadores acontecementos, o 28 de decembro de 2002, acaso porque o ecocidio ten moitas formas de matar: “Nunca Man, o alemán de Camelle, / o Tolo da Vida na Costa da Morte, / sempre a súa Vida inoportuna, / nunca a súa oportuna Morte”. Varios fragmentos desta composición foron musicados polo grupo de rock Ad Hoc da Corporación Semiótica Galega: “sempre o puro ecoloxista sen familia e sen roupa, / sen arrimo e con algas, sen compaña e con algas, / sen destino e con algas, sen orixe e con algas, / sen amor e con algas, sen máis recoñecemento / que o do misterio do ceo sobre a arte da terra…”
Pero os poderes políticos e económicos nunca aprenden o que non queren comprender e así chegouse en 2023 ao proxecto tan insostible como contaminante da macrofábrica de celulosa e fibras téxtiles dunha empresa portuguesa en Palas de Rei, que ameaza a biodiversidade, a agricultura, a pesca, o marisqueo e a saúde pública de Galicia dende o río Ulla á Ría de Arousa, e contra o que tantas persoas seguimos manifestándonos dende 2024.
Claro que esta non é a única ameaza sobre a Galicia do primeiro cuarto do século XXI, como pon en evidencia a que pesa sobre a contorna do monumental carballo de Cerracín, benquerida e grandiosa árbore senlleira de Galicia que visitei moitas veces coas mellores compañías e que cantei en tres poemas. Tal ecosistema está en perigo en dous concellos, Friol e Lugo, a causa do proxecto da instalación dunha granxa porcina na parroquia de Vilalbite, que contaminaría augas e aires, arruinando a boa habitabilidade humana, animal e vexetal da zona, como expuxen no artigo “O carballo de Cerracín, símbolo resistente da vida en natureza”: https://praza.gal/opinion/o-carballo-de-cerracin-simbolo-resistente-da-vida-en-natureza.
Por suposto, Galicia non é a única terra que padeceu e padece a lacra depredatoria. Proba ben próxima ofrécea o proxecto de plantas de biogás en Villardondiego e Pozoantiguo, na comarca zamorana del Alfoz de Toro, contra a que loita cabalmente a veciñanza afectada para evitar a ruína agrícola, a dependencia externa, a contaminación ambiental, o impacto paisaxístico e os riscos para a saúde que podería orixinar. Non é casual que un dos promotores da plataforma cidadá sexa o meu amigo Roberto Pérez Domínguez, exemplar libreiro da España baldeirada, que rexenta a referencial Librería Robespierre dando vida material e intelectual ao pequeno Pozoantiguo e arredores.
Mais non só a deturpación da auga, do aire e da terra poden converterse en ameazas para a supervivencia da vida no planeta, senón tamén a voracidade do lume, pois a irresponsable acción humana, o efecto invernadoiro provocado e o conseguinte quentamento global do planeta propiciaron cada vez máis incendios extremos, que se propagan a gran velocidade e que provocan consecuencias devastadoras. Galicia foi particularmente castigada por eles no século XXI, e así o lembrei no devandito poema "Vente comigo", de A muller sinfonía, "renacendo das cinzas nas Fragas do Eume". A poeta Olga Novo, nativa e habitante da montaña galega reiteradamente queimada e ameazada, estableceu con cabal claridade a alternativa na súa prosa poética "Caracol ou Lume": "A utopía fica, coma sempre, no ángulo morto, agardando pola harmonía que, un día, chegará".
Precisamente Olga Novo presentou en 2021 o meu recital ecopoético "A poesía das árbores da vida", centrado nas miñas musas arbóreas, no vizoso lugar abandonado de Lamas, pertencente a Cereixa, na súa Pobra do Brollón natal, onde recitei case toda a miña poesía con cortiza e clorofila: dende a fraga orixinaria de "Bosque de alba" ao espertar da consciencia ecolóxica de "A loita continúa", dende a harmonía natural da serie "Herbario" e do micropoema "Cerracín" á urbanización arbórea de "O parque" en Lugo blues, dende a erótica da natureza salvaxe de moita da miña poesía amorosa ao clamor da testemuña memorialista de "A árbore da vida" en Ámote vermella, concluíndo cun roteiro lírico polo bosque global vivido dende Galicia a Transilvania.
A propia Olga Novo iluminoume a min mesmo nos seus diversos estudos sobre a miña propia concepción poética da natureza, que segundo ela "entronca cunha conciencia ecoloxista e con toda unha cosmovisión que aposta pola vida libre natural". E así mesmo me iluminou a estudosa estadounidense Diana Conchado, inspirándose no "pensamento ecolóxico" de Timothy Morton, no prólogo á súa versión ao inglés dos meus New York, New Poems, limiar traducido ao galego pola lingüista romanesa Adina Ioana Vladu, onde falou de "ecoloxía urbana" e indicou que ditos poemas "desnaturalizan o concepto de separación á vez que destacan e celebran a nosa coexistencia compartida".
En fin, o meu "Manifesto ecopoético" resumiu canto puiden pensar e sentir a respecto da necesaria e imprescindible "paz natural da biodiversidade en equilibrio": "precisamos dun pensamento radicalmente ecolóxico / que nos lembre a interconexión da humanidade / cos demais seres animais, vexetais e minerais / da Terra e acaso do Universo infinito, / sen centros, sen periferias e sen fronteiras, / porque a existencia é sempre coexistencia / en permanente resistencia como o maquis". En suma "Depuremos a natureza dos poderes / e dos seus ávidos intereses mercantilistas / se queremos que viva".
Tal manifesto foi lido e publicado en galego no festival ecopoético contra o cambio climático "Alguén que respira" de Santiago de Compostela en 2023 e recitado e castelán na acción de rebelión ecopoética "Se agota el tiempo" de Madrid en 2024, pero tamén noutros lugares de Galicia e do mundo en 2025, dende Navia de Suarna a Santiago de Chile, mais sempre coa mesma divisa: "Clímax poético fronte a inferno climático".
"Do bosque profanado polo home letal" terminaba falando en Lugo blues o meu poema xuvenil “Bosque de alba”, porque á par que a miña fascinación pola natureza naceu tamén a miña conciencia ecoloxista, manifesta en poemas como "A loita continúa", onde ademais se homenaxeaba ás "formigas verdes", esas persoas que con paciencia e contumacia preservan o planeta con pequenos xestos de gran transcendencia ética e ecolóxica: “Dende o corazón puro e micetal / do amigo das algas e dos fentos / que medrou sentindo o bosque no seu peito / e a quen se lle queiman os pulmóns / cada vez que arde unha fraga, / que recicla, clasifica e reutiliza / como unha formiga horrorizada / pola agresión constante ao medio ambiente / e polo maltrato a tantos seres vivos, / contra toda ambición antiecolóxica, / contra todo divertimento cruel ou ecocida, / a formiga verde vai cambiando / o mundo pouco a pouco porque sempre, / como a chuvia, implacable para ela / a loita continúa”. Que así defendamos a nosa terra e a Terra, que así salvemos Galicia e o planeta.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES