Unha homenaxe aos bos e xenerosos
Cardalda, Theo - jueves, 22 de octubre de 2009
Os milleiros de persoas que o domingo 18 asistiron á manifestación en Santiago contra a política de agresión e regresiva da Xunta contra a lingua galega, aparte da súa connotación reivindicativa, tamén foi emocional. Digo emocional polo feito que, cada un de nós que apoiamos esta protesta indirectamente lle estabamos facendo unha homenaxe a tódolos galegos/as que conservaron o idioma durante moitos anos, falo dos nosos antergos, dos nosos avós que, contra vento e marea a seguiron falando aínda nos tempos máis escuros en especial naquela Longa Noite de Pedra.
Deixáronnos as súas herdanzas materiais, cousas que van e veñen e outras que se evaporan co tempo. Porén a herdanza que nos deixaron do idioma é a siña de identidade que nos conecta entre o presente e mailo pasado e grazas a eles aínda perdura.
Cando se usa a lingua como arma política, están a non respectar e ofendendo a dignidade dos nosos antepasados, non hai peor ofensa que a falta de respecto aos finados de tódalas xeracións pasadas que nos deixaron esta riqueza cultural do noso idioma.
A mágoa é ter que aturar a algúns demagogos/as que non representan a ninguén, creando unhas plataformas dun suposto bilingüismo que é unha careta que poñen na face cando lles peta, creándolles un complexo que teñen no seu maxín e lles fai odiar a lingua dos seus mesmos avós querendo devolvernos ás cavernas da marxinación; o bilingüismo sempre existiu, todos aqueles que falan galego, tamén falan castelán.
Non coñezo a ninguén que fale galego e que descoñeza o castelán. O que teñen que procurar estes manipuladores da realidade é que, axuden a coidar o castelán con milleiros de palabras anglosaxonas que da moita mágoa escoitalas. O perigo de que non sexan ler as futuras xeracións as cantigas de Alfonso X el Sabio, é no é demagoxia, atópase nesta grande manipulación política por parte de algúns renegados en contra do idioma galego. O que se intenta por parte desas asociacións é rematar coa nosa base cultural e siña de identidade, todo isto e máis que digan e sigan dicindo fédeme a casposo e rancio.
Castelao dicía: o idioma imposto non acadou matar o noso idioma natural; pero acadou degradalo O goberno da Xunta intenta matalo paseniño aliándose con esa Asociación Galicia Bilingüe que lidera Gloria Lago, que non sei aínda hoxe a quen representa, que supoño que xoga o seu xogo, facer que fai o que non fai, acadar a súa parcela de poder en base a ese movemento que lidera para finalmente integrarse na rede clientelar usando unha política trapalleira e perigosa.
Porén, se aínda somos galegos é pola nosa fala. Eses mesmos galegos estiveron o domingo en Santiago defendendo a cultura do idioma e homenaxeando aos bos e xenerosos que dormen o sono da eternidade, deixándonos a herdanza desta fermosa lingua.
Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte, desta maneira falaba Castelao.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora