Surrealista concepción do concerto escrito mentres se desenvolvía.
Moita xente da que hoxe anda polos corenta non entende O Nadal sen Harry Potter e John Williams que compuxo a icónica música para as tres primeiras películas de Harry Potter como son "Harry Potter e a pedra filosofal" ou "Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban".
Música máxica e marabillosa como se unha airexa soprase, como se o vento saíse dos violíns e algo de feitizo os envolvese, logo como se un corno celta soase ou o corno co que en Galiza se sopraba para chamar á xente que se acercase e viñese traballar á malla, con ese son, como de barco, enigmático, para dar continuidade aos violíns que se atopan no medio dun xogo de xilófono ou teclado que nos vai facendo subir os ánimos, cando o vento e a corda están chegando a utopía e de socato, un saxo, como se desentoase e todo se xunta para dicirnos que o mal está aquí, que o mal está presente, diante de nós.

Imos amodo, devagariño, saíndo dun silencio adorábel que nos conquista, para moi axiña andar as vasoiras polo ar nunha danza de vasoiras que son as vasoiras galegas feitas de xestas vencelladas a un pau que leva a xente escarranchada cabalgando o ar, logo as frautas travesas dando voltas e tamén nun estar quedo, entre ruídos de medo no orbe da consoancia e nun xuntoiro que nos eleva aos confíns do universo estrelado, con luces e estrelas que se erguen e descenden nun salterio de formas que traballan por existir nunha mesma chegada, que pode ser ou non ser, alí é onde nace un acorde de infinidade que vén xunto a nós con luces de cores e adornos de trompeta ata que se chega a unha conxunción dos astros representados polos instrumentos que se avivan e incluso se rompen incitándonos a un final que non chega, pero que se albisca e se entrevé.
Entran os coros de 28 picariñ@s e 28 moz@s. Unha variña máxica representada polo triángulo que soa e ecoa sacando delas sapos e cobras. Afinando a variña hai unha ringleira de magos aprendices, uns sacan estrelas brillantes do firmamento que se veñen pousar diante nosa, outros sacan pinchorras e seres do averno, pero todas as variñas máxicas están enmeigadas e son as mesmas figuras que sacaron os seus pais cando eran aprendices e agora a continuidade da raza maniféstase pola conxunción dos meigallos e dos devanceiros que xa estaban de volta percibindo o final.
Continuará
A Coruña, 19 de decembro de 2025