É a premisa que semella imperar naqueles que se cren os máis poderosos, e coma tales, afeitos a faceren e desfaceren ao seu antollo saltándose todas a leis. O dereito internacional é papel mollado polas mexadas que sobre el fan os que cren teren o dereito a invadir países porque si, porque lles peta, sen que ninguén lles tusa. É a fachenda coa que se move o matón do patio do colexio que campa polo seu respecto porque non ten oposición.

Donald Trump constituíuse no sheriff do condado, paladín na defensa da liberdade dos pobos oprimidos, cousa que lle da licencia para entrar en territorios soberanos, derrocar gobernos, acabar cunha ditadura e instalar outra que defenda os intereses do seu feudo. Para os EE.UU. en xeral e para Donald Trump en particular hai ditaduras boas e malas, boas como as de Franco, Pinochet ou Videla e malas como as de Noriega, Hassan, ou Maduro. Con aquelas conviña ser condescendente e con estas implacable.
Para min Maduro non é unha persoa que en xeral desperte especial simpatía, non forma parte do club dos dirixentes demócratas, pero era o presidente, ditador si, dun país sobre o que Donald Trump non ten ningunha competencia. A Donald Tramp impórtalle un comino o dereito internacional, a democracia e a liberdade do pobo venezolano: interésalle o botín. E non tiña dereito a entrar a saco neste país, secuestrar ao seu presidente e a súa esposa para levalos aos EE.UU con ánimo de xulgalos acusándoos de narcoterroristas e membros de asociación criminal, pueril acusación cando está máis que demostrado que Venezuela non é nin de lonxe, un país que exporte drogas aos EE.UU en comparanza con outros países do cono sur de América. Na rolda de prensa que dou posteriormente ao secuestro de Maduro dende a súa mansión de Florida, aludiu varias veces ao quid da cuestión: o petróleo, base fundamental de esta despótica operación. Este é o concepto de democrácia que defende Donald Trump: quédomo polas boas ou polas malas. É esta a vía para facer "Make América great again"? A seguinte pregunta é: quen será o próximo? Xa apuntou que posiblemente Groenlandia. Sería preciso, por mero sentido común, pararlle os pes a este desmandado e histriónico narcisista.