Unha Galicia irrelevante
Ríos, Xulio - lunes, 12 de enero de 2026
Dende os anos noventa, cando tralo fin da Guerra Fría a globalización experimentaba un forte impulso abríndose oportunidades para unha maior presenza internacional, Galicia acompañou ese proceso alentando, non sen eivas e contradicións, unha internacionalización en diferentes frontes. Reforzábase así un proceso que xa collera uns elementais azos coa participación no ámbito comunitario.
Dende a sociedade civil, primeiro promovendo o IGADI e outras estruturas de reflexión e dinamización de diversos intereses, tiven a oportunidade de participar en varios esforzos para dar forma a ese empeño de que Galicia non perdera o tren das mudanzas, comprendera o signo dos novos tempos e actuase en consecuencia.
Foi o caso do Libro branco da acción exterior de Galicia, o primeiro dunha comunidade autónoma no estado, publicado en 2005, e expresión dunha reflexión colectiva, transpartidaria e participativa sobre os nosos intereses exteriores. Que tivese o apoio entón da Xunta de Galicia foi interpretado lamentablemente por algúns como un demérito, revelador da dificultade crónica do noso país para interpretar a independencia, fomentala e valerse dela para avanzar.
En consecuencia, co bipartito veu despois outra reflexión sobre a Estratexia de Acción e Política Exterior de Galicia (Xunta de Galicia, 2007). Conducida polo ex presidente González Laxe á fronte dunha equipa de expertos no que tamén tiven a honra de participar, discorría conceptualmente no mesmo impulso.
Nos debates sobre a reforma do estatuto galego, finalmente malograda, houbo tamén certo espazo para incluir a acción exterior, cunha intervención expresa que se recolle no volume sobre O Terceiro Estatuto Galego (Tórculo, 2006), coordinado por Álvaro X. López Mira. Todo ese camiño andado tentei sintetizalo no volume Nós no Mundo. Unha política exterior para Galicia (Galaxia, 2010).
Era xa entón con Núñez Feijóo na presidencia da Xunta de Galicia. Un fin de época. Este consideraba a acción exterior unha extravagancia sen sentido. Nunca entendeu que se puidera desenvolver unha paradiplomacia centrada nos intereses específicos de Galicia e ao tempo leal coa diplomacia española e europea. Cousa que si entendía, con outras luces, o propio Manuel Fraga.
Nese contexto, é cando a Xunta de Galicia deixa de ser caixa de resonancia e reduce a acción exterior á mínima expresión. O Consello da Cultura Galega, presidido por Ramón Villares, na Reflexión estratéxica sobre a cultura galega (2011) invoca a importancia deste parámetro e con él colaboro para seguir tirando deste asunto entre temores institucionais de que poida desembocar en tensións co Executivo.
En 2013, dimito do CAEX, o Consello de Acción Exterior de Galicia, un organismo totalmente inoperante que segue na mesma.
Neste baleiro, o Eixo Atlántico retoma a reflexión dende o poder local, alentando en 2018 un Informe sobre a Política de Acción Exterior para Galicia, baixo a coordinación de José Luis Méndez Romeu, con quen tiven a oportunidade de incorporar algúns puntos de vista. Era aínda este enfoque debedor daquela orientación inicial caracterizada pola ambición.
Invoco esta traxectoria para achegar unha perspectiva da que socialmente se carece. Esa mesma evolución desdebuxadora de calquera acción exterior que se pretenda tal, permite afirmar que a presidencia de Alfonso Rueda é a máis liquidadora de todas. Escoitar as súas declaracións a propósito da participación de Galicia na UNESCO ou na OMT, articuladas a través das débedas argumentais do seu partido en Madrid e non pensando no país e na sociedade que representa, revelan un perfil totalmente terminal para a acción exterior de Galicia.
Nos mesmos días, Cataluña, a presidida por un socialista -non soberanista-, anuncia unha ambiciosa estratexia de acción exterior e asina memorandos de entendemento con Gales ou o País Vasco, para avanzar en colaboracións beneficiosas para todas as partes involucradas. Con Galicia xa non se conta.
Que nos perdemos?
Optar por manter un perfil moi baixo en materia de acción exterior ou simplemente anulalo, ten implicacións relevantes en varios planos. Para Galicia, renunciar a unha acción exterior non é unha simple carencia administrativa, é unha opción política que consolida a súa condición periférica, debilita a defensa dos seus intereses estratéxicos e empobrece a nosa proxección no mundo.
O dereito comparado amosa que a paradiplomacia -acción exterior subestatal- é unha ferramenta habitual e lexítima en estados compostos. Non utilizala supón autoexcluírse dun espazo no que outras sociedades (dende Flandres, Escocia, Baviera, ata Quebec) obteñen claros beneficios políticos e económicos. Non contar cunha acción exterior equivale a aceptar unha posición periférica, renunciando a instrumentos de influencia, defensa de intereses e construción de futuro. Nun mundo crecentemente interdependente, é unha carencia que afecta tanto á eficacia das políticas públicas como á propia autoestima política do territorio. No caso galego, a ausencia -ou a extrema debilidade- dunha acción exterior propia ten consecuencias aínda máis acusadas, pola nosa posición xeográfica, pola nosa estrutura económica e pola nosa identidade cultural diferenciada.
A acción exterior non é só representación, senón tamén intelixencia estratéxica, isto é, análise de tendencias globais, riscos e oportunidades. Sen ela, a comunidade queda máis exposta a decisións alleas e menos preparada para cambios xeopolíticos, económicos ou tecnolóxicos.
Non exercer acción exterior transmite a idea de que Galicia non se concibe a si mesma como suxeito, senón como territorio administrado. Isto ten efectos internos: limita a ambición política, empobrece o debate público e reduce a capacidade de pensar Galicia en termos de futuro e non só de xestión.
A ausencia dunha acción exterior merecedora de tal denominación limita a capacidade para darse a coñecer, explicar as nosas singularidades culturais, económicas ou lingüísticas e posicionarse en redes internacionais. Isto tradúcese nunha menor presenza en foros europeos, rexionais ou sectoriais onde se deciden prioridades que acaban tendo impacto directo no territorio. Galicia é unha das grandes periferias atlánticas da UE. Sen acción exterior, esa condición non se compensa con presenza política en Bruxelas nin con alianzas estratéxicas co Arco Atlántico, Portugal ou as rexións costeiras europeas. O resultado é unha doble marxinación, periférica respecto ao Estado e irrelevante no espazo europeo.
Sen instrumentos propios, Galicia queda en condición subsidiaria da diplomacia estatal, cuxas prioridades non sempre coinciden nin atenden a diversidade territorial. Isto é especialmente problemático en ámbitos como a política pesqueira, agraria, industrial, climática ou cultural, onde os intereses autonómicos poden ser específicos e mesmo diverxentes. Sectores centrais para Galicia -pesca, marisqueo, agro, forestal, enerxía eólica mariña, transporte marítimo- dependen fortemente de decisións europeas e internacionais. Sen unha acción exterior propia, Galicia non defende directamente os seus intereses, senón que confía nun Estado cunhas prioridades que adoitan estar orientadas a outros territorios e sectores.
Nun Estado descentralizado como o español, a Unión Europea converteuse nun espazo central de decisión. Non contar cunha acción exterior sólida implica perder influencia no proceso de formación das políticas europeas, quedar fóra das redes rexionais e reducir a capacidade de incidencia indirecta en Bruxelas. A acción exterior é clave para a captación de fondos europeos, a participación en programas de cooperación, innovación ou investigación, e o establecemento de alianzas estratéxicas con outras rexións. Renunciar a ela supón competir en clara desvantaxe fronte a comunidades que si desenvolven unha diplomacia territorial activa.
A cooperación transfronteiriza co norte de Portugal é unha das maiores oportunidades xeopolíticas de Galicia. Sen unha diplomacia territorial activa, ese espazo queda infrautilizado, limitado a proxectos técnicos e fondos, pero sen unha visión política de conxunto que permita construír un verdadeiro suxeito atlántico eurorexional. O estancamento é evidente.
Galicia conta cunha diáspora histórica e numerosa, especialmente en América e Europa. Sen unha acción exterior coherente, esa rede funciona de maneira dispersa e asistencial, non como un activo estratéxico para a proxección económica, cultural e política do país.
A acción exterior tamén cumpre unha función simbólica: recoñecer a comunidade como suxeito político con voz propia, aínda que sexa no marco constitucional. A súa ausencia contribúe a unha visión subalterna do territorio e dificulta a internacionalización da lingua, da cultura e do relato histórico propio. A acción exterior é unha ferramenta esencial para a internacionalización da lingua galega, a súa inserción nos espazos da lusofonía e a proxección cultural global. A súa ausencia reforza unha visión folclorizada ou doméstica da cultura galega e dificulta a construción dun relato propio no exterior.
Pero a Galicia do sentidiño opta pola autocontención, confundindo lealdade constitucional con invisibilidade política.
No Libro Branco de 2005 propoñiamos unha Alianza por Galicia no eido exterior. Cousa de todos. É á sociedade galega no seu conxunto a quen lle corresponde urxir do goberno galego un compromiso activo coa acción exterior, aos actores cívicos e políticos. Porque tamén a oposición debe predicar co exemplo se pensa doutra maneira, e debe incorporar o exterior na súa axenda política.

Ríos, Xulio