Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As achas da democracia (1)

Rubal, Pedro - viernes, 09 de enero de 2026
Entro nun café. Nunha mesa á que me dirixo están barullando uns cantos amigos. Un deles, busca cadeira para que me incorpore ao grupo, e dime que están facenda estelas da democracia. Imaxínome que polas estelas pode coñecerse ben a árbore, incluso a súa cerna; pero a metáfora que utiliza este amigo, referida á democracia, dubido que funcione ben, na democracia. Correndo este perigo, permítanme que intente eu ofrecerlles unhas estelas principalmente referidas aos gobernos considerados como democráticos.
Sen dúbida, os cidadáns desexan a democracia e manifestan o temor ás ditaduras, non só as verdadeiras, senón tamén ás camufladas nas múltiples aparencias democráticas, salvo patoloxías ideolóxicas. Por suposto, os que vivimos etapas ditatoriais seguramente que intensificamos os desexos dos sistemas democráticos, e se percibimos neles fugas nos comportamentos esperados, fuxindo da cerna moral que os debe caracterizar, non vacilamos en sacar as achas da democracia con varias razóns, case tantas como persoas, e non sempre adecuadas, que nos parece pertinente utilizar, descoñecendo a opinión dos estudosos da temática, que sempre lle da un valor xustificativo a ese desexo.
Parece, pois, conveniente consultar as opinións consideradas documentadas, expresadas en termos non vulgares, para que os desexos dos cidadáns, expresados nun faladoiro, podan someterse a un ensaio de racionalización que os invista de fundamento e xustifique esa preferencia democrática. Os cidadáns, en xeral, coinciden en acadar decisión política nun ordenamento institucional adecuado, que lles permita adquirir un poder de decisión nunha loita competitiva polos votos dos individuos dunha poboación. Máis claro. A democracia ven a ser un mecanismo que abre camiño aos cidadáns para que decidan quen gobernará.
Pero tamén hai que ter en conta que as masas das nosas sociedades son pouco fiables, xa que as decisións que toman os votantes tampouco soen ser moi previsibles, por isto é mester recorrer aos partidos e poñer a atención nos seus profesionais, a fin de garantir a estabilidade e eficacia que se espera dun sistema gobernativo, único recurso para superar a indiferenza política dunha parte da poboación, aínda que sexa pouco, ou a apatía nos comportamentos de moitos votantes, entregándose a irrisorios intereses.
Por conseguinte, se queremos unha democracia eficaz e realista, debemos aceptar que nos gobernen grupos políticos que rivalicen en vontade dun só grupo, aínda que se presenten como incontestables. Pero tamén hai que aceptar que, cando un partido ostenta a gobernación, algúns cidadáns teñan máis poder político que outros, porque as súas opinións contan, e a mesma desigualdade do status social determina a desigualdade de influencia nas decisións gobernamentais. Por isto, o sistema democrático debe ser eficaz no momento de decidir quen goberna, evitando os amaños marcadamente incoherentes, que desnaturalizan as decisións gobernamentais, borrando matices derivados do resultado das correspondente elección, que lexitimou o nomeamento do presidente do goberno.
Os gobernos son desexables, aínda que realicen os seus cometidos con criterios propios, se favorecen a participación dos cidadáns na toma de decisións sociais, que é o que fai preferentes as democracias, e sobre todo respectando a participación nos procedementos de toma de decisións que afecten as diversas estruturas (políticas, económicas, culturais, xudiciais, etc.) do Estado. E talvez habería que considerar que é á sociedade á que lle corresponde esa participación, non ao Estado. Xustamente por isto se cualifica de democrático o sistema de goberno que contén e favorece formas sociais de participación na toma de decisións.
Neste campo temático, hai algo que debe impregnar todos os comportamentos e decisións, a xustificación da esixencia dun fin moral, inescusablemente desexable, que todo goberno debe alentar. Isto identifícano os estudosos como o substrato dunha sociedade participante, que insta aos cidadáns a buscar consensos nos procesos de decisións gobernativas, e, na medida en que as consinta e autorice a cidadanía, estarán "autogobernándose", ou cando menos, mantendo un certo sentimento de control sobre os seus destinos. Xorden problemas, claro, porque a mera participación non implica necesario consentimento do resultado. Talvez, por exemplo, tendamos a percibir unha ligazón entre votar e consentir; pero isto tampouco está claro, xa que votar non significa consentir, e ,se distinguimos entre procedemento de decisión que utiliza un sistema de goberno e o propio goberno, resulta evidente que un goberno lexítimo non garante a bondade moral da política gobernamental: o procedemento de elección democrático non garante a política gobernamental da elección lexítima do goberno. Polo tanto, apoiarse na lexitimidade para xustificar decisións incoherentes no sistema de goberno, parece unha torpeza conceptual.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES