Na busca de Goliat
Deixo que pase a estrela de David para ir á busca e captura de Goliat. Como é grande confío en atopalo axiña. Mentres, penso na palabra do ano que escolleu a RAG, a Real Academia Galega: Xenocidio. Que significa a exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos. Sen máis comentarios.
Goliat é grande, pero o chambón non se deixa ver. Sigo busca que busca. "Os libros de por si non ten máis importancia que as rúas polas que paseaba, as cuncas das que bebía ou as sabas onde durmía.

O verdadeiro poder dos libros está nas palabras", di a escritora Alice Slater na súa novela "Morte dunha libreira". O poder das palabras é certo que vai máis alá das propias palabras.
Chamo a berros por Goliat e el nin caso. Empezo a desesperar. Case me dan ganas de suplicarlle a Trump que bombardee o lugar. Se llo pido sei que non se fai de rogar: ten a man lixeira e as ideas de guerrear, de entrar en guerra sen pestanexar. Seguro que el mesmo se sente tamén Goliat. E sabe que non haberá ningún David que o tombe ó chan.
Busco polos versículos bíblicos e nestes tampouco encontro o rastro do guerreiro e xigante Goliat. Empezo a sentir como perdo o tempo detrás dunha quimera, dunha ilusión que me deixou o paso da estrela de David. "Sempre estou co bando dos que poñen os mortos, non dos que matan", confesa Juan Gabriel Vásquez en "Os nomes de Feliza". Aquí confeso que fago o mesmo: sempre estiven á beira dos oprimidos, dos sometidos, dos asoballados. Voume con estes e deixo a Goliat que se enfronte a David.