Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Da República Literaria Galega (III): Galeusca 2009

Requeixo, Armando - miércoles, 21 de octubre de 2009
Lonxe do que se puidese pensar, a escrita literaria galega goza de boa saúde respecto do conxunto das literaturas nacionais do Estado. É certo que aínda queda moito por andar, que convivimos con sistemas en desenvolvemento crecente (o catalán, por exemplo) e mesmo compartimos espazo con outros máis consolidados (o castelán), pero tamén é verdade que as nosas letras abriron nos últimos tempos liñas de forza moi prometedoras (pénsese, poño por caso, na moi destacada presenza dos nosos textos en Internet ou na relevancia da nosa literatura infantoxuvenil, multipremiada e pluritraducida) e que van tendo, cada vez máis, unha vedraia tradición que fornece raiceiras para medrar.

Esa é a conclusión que pode tirarse das xornadas que a Federación Galeusca celebrou en Aránzazu, no guipuscoano concello de Oñati, entre o 9 e o 12 do presente mes. Ata alí desprazouse unha delegación de noso presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias (responsable máximo da Asociación de Escritores en Lingua Galega) da que tamén formaron parte Antía Otero e Mercedes Queixas (vicepresidenta e secretaria respectivamente da AELG), amais dos escritores de ficción, editores e críticos Fran Alonso, Marcos Calveiro, Francisco Castro, Laura Caveiro, Alfredo Ferreiro, Eva Moreda, Antón Riveiro Coello, Dores Tembrás e Rexina Vega.

A posta en común das problemáticas e os retos que as literaturas vasca, catalá e galega comparten serviu de punto de arranque para artellar ao seu redor un novo mapa de actuacións no marco da Federación Galeusca, que fará que nos vindeiros anos estas tres nacións camiñen da man na defensa, proxección e análise das súas escritas.

Neste sentido, é de salientar a importancia que dende a delegación galega se lle deu á presenza na Rede do noso idioma, pois semella evidente para os nosos escritores desprazados a Aránzazu que nos próximos anos asistiremos a unha reestruturación global do mercado literario na que os e-books, as plataformas dixitais de descarga e as versións on line dos xornais e revistas de referencia serán, velis nolis, a nosa realidade cotiá.

As autoras e autores galegos amosaron en Aránzazu, mais unha vez, que somos unha literatura orgullosa do noso pasado, implicada no noso presente e decidida na aposta polo seu futuro. Agora só queda que o resto da nosa sociedade lles conceda o seu favor e permita, así, que demostren o que algúns xa hai ben tempo sabemos: que temos unha literatura que pode mirar aos ollos á de calquera outra nación, mercé, entre outras cousas, a voces como as dos participantes este ano no Encontro Galeusca, xuntanza de referencia na que os nosos brillaron con luz propia.

Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES