Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Equivocándonos na esencia

Fernández, Ruth - lunes, 05 de enero de 2026
Mercamos compulsivamente. Buscamos encher a cesta, a do súper e a virtual, de cousas a miúdo tan innecesarias coma o colesterol que estes días de grandes comilonas se mete no noso corpo sen que lle deamos permiso. Pensamos que así seremos máis felices e, sabéndonos ó mesmo tempo equivocados, perpetuamos este erro cada Nadal, atrapados por unha sociedade consumista que nos traga sen xeito de fuxir.

Moitos mercan grandes agasallos pensando que así poden tamén comprar o amor desa persoa á que fan entrega do paquete elixido. Mercan o que cren que pode compensar ausencias e falta de tempo, aquel que non dedicaron á familia o resto do ano. Intentan co material arranxar o que só se pode facer coa conversa, cos agarimos, cos sorrisos, co amor. Equivócanse outra vez.

Cumprindo coa tradición, na maioría das casas brillan tamén as luces dende a primeira semana de decembro e o piñeiro loce engalanado no salón. Debaixo del moitos asagallos, algúns mercados xa no Black Friday. Todo listo dende moito antes do 25 de decembro. Pero noutros fogares non hai nada diso, ou hai moito menos. Non teñen acaso dereito ó Nadal? As axudas que se dan ós fogares con menos capacidade económica nestas datas deberían ser algo que se mantivese no tempo. Os bancos de alimentos, a entrega de xoguetes para os nenos en Reis... todo está moi ben, pero ás veces semella que se trata de medidas para limpar conciencias e non axuda real. A esencia do Nadal é a de compartir, de axudar, sentindo que non somos mellores por ter máis. Todos somos iguais e moitos precisan tan só de que nos acordemos deles, pero durante todo o ano. Non nos equivoquemos de novo.

Milleiros de luces led instaladas en cada recuncho do planeta fan brillar os nosos ollos e prenden a ilusión nos nosos corazóns. Pero esa luz que se acende debería seguir prendida o resto do ano, facéndonos mellores persoas en cada un dos nosos actos, non só como propósito de Aninovo.

Aínda que Vigo se anuncie como a capital do Nadal en España e estea tan fermosa, hai que dicir que a nosa urbe amurallada loce coas súas mellores galas este ano. Lugo covertiuse nestas nun espazo máxico, no que podemos ser nenos outra vez. Paseando pola cidade romana, o frío destas datas fíxome pensar nos que non teñen teito e teñen que sufrir a climatoloxía adversa. Debemos sentirnos afortunados e agradecidos por poder chegar ás nosas casas e ter ese calor de fogar que non só dá a calefacción, senón tamén a familia. E se hai un lugar no que ó chegar o mes de decembro a maxia do Nadal o enche todo... ese é Begonte, ó acenderse o seu Belén electrónico e mergullar a todos os que se achegan nun microcosmos único.

A tradición galega é a protagonista da posta en escena, cunha representación viva do que é a vida da aldea, que nos convida a viaxar ó pasado e coñecer a esencia rural da Terra Cha. Os personaxes do Belén de Begonte, independente do material do que estean feitos, volven á vida neste tempo de Nadal, permitindo lembrar os costumes antigos e o traballo no campo. Cada figura garda algún segredo, do tempo no que as mans que as artellaron decidiron a súa ubicación precisa, o seu papel dentro do conxunto. Parecen mecidas por unha man invisible, que as agarima cando teñen que poñerse a funcionar. A Galicia rural convírtese en protagonista, cunha escenografía que acolle o Nacemento co neno Xesús e que crea unha atmosfera especial para cativos e maiores.

Todos ficamos abraiados diante do magnífico espectáculo, vendo como a noite dá paso ó día, desfrutando da poética caída da neve que o cubre todo cun manto branco, como dende nenos queremos que aconteza no Nadal. Ó abandonar o lugar, cando remata a función e podemos dicir que se baixa o telón, levamos os vilancicos connosco, acompañándonos durante toda a xornada nos nosos oídos. Sentimos que desfrutamos cada vez da experiencia como se fose a primeira. Saímos emocionados, renovados, porque os recordos da infancia regresan. Esa é a esencia, volvéndonos nenos outra vez. Que fermoso espectáculo para grandes e pequenos! Porque o Belén de Begonte é para vivilo, non só para velo. Esa é a esencia. Hai que sentilo dentro.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES