DOMINGO II DESPOIS DE NADAL
A - domingo, 04 de enero de 2026
O próximo martes, día 6 deste mes de xaneiro é día santo, un día fermoso e cheo de ilusións como o é tódolos anos a entrañábel festa de Reis a pouco de comezar o novo ano. Hai só poucos días celebrabamos a festividade de "Santa María Nai de Deus" co que comezou este ano novo 2026. Por todo isto serei hoxe algo máis breve, porque o que importa non é o moito oír e falar, aínda que sexa de cousas tan marabillosas como as que celebramos, senón o moito darlle voltas no noso interior ás grandezas que Deus fixo e segue a facer connosco. Temos que lle abrir a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos por medio do seu Fillo, que é tal como nos di Xoán no texto do evanxeo de hoxe- a Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, a toda a humanidade.
Por medio desa palabra de Deus convertémonos en fillos de Deus Pai, a semellanza do seu fillo benquerido, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrármonos naquilo que é o esencial ou fundamental da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que non pode ser só teórica, senón sobre todo viva e práctica. Nestas festas que estamos a celebrar no tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é desde sempre o plan de Deus Pai connosco.
Paulo dínolo na súa carta ós Efesios da segunda Lectura. En Xesús -coméntanos el- estamos todos "benditos". Pois foi nel e "por medio" del, de Xesús, como Deus Pai nos "escolleu" e "predestinou" a todos nós, "antes da creación do mundo", para "sermos fillos adoptivos seus". Isto é algo que ningún pensamento humano podería sospeitar desde si mesmo se non nos fose revelado por medio de Xesús, aquel que coñece o seu Pai Deus como o fillo ""benquerido" que se relaciona con el de maneira infinitamente familiar e única.
Xa que este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e nos resulta polo tanto totalmente imposible poder entendelo e comprendelo, por iso se nos comunica a través do seu Fillo humanizado, feito home. Un neno, un coma nós, si que o podemos entender dalgunha maneira, porque participa da nosa común humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo esta Palabra tan divina coma o Pai que a pronuncia. Por iso é tan fondo, tan sublime e, por estraño que poida parecer, tan doado tamén de entender o que se nos di neste tan famoso comezo do evanxeo de Xoán que acabamos de proclamar e escoitar. Xesús é a "palabra" de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nola dirixe. Con iso quedamos todos nós automaticamente dignificados. Cando un grande -e non pode haber ninguén meirande ca Deus- lle dirixe a un a súa palabra, fica un ipso facto transformado. Entra un así nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un nada, un ninguén, á dignidade e grandeza de vérmonos convertidos en "fillos de Deus. Podemos dicir que en certo modo nacemos de novo. Xoán dinos que nacemos da vontade de Deus". Ó nacermos deste xeito divino, recibimos -continúa a proclamar Xoán- "o poder de sermos fillos de Deus". Non desvaloricemos esta grande mensaxe cristiá: "fillos de Deus". Non de idéntica maneira a como Xesús é fillo de Deus, mais somos verdadeiros e auténticos fillos seus.
Por iso, a gran mensaxe de Xesús como "Palabra" de Deus dirixida a nós e que nos converte en fillos seus, en fillos de Deus Pai, ten unha enorme capacidade vivificadora e iluminadora. Pois nesa palabra -dísenos alí- está a "vida". "Eu son -diranos Xesús- o camiño, a verdade e A VIDA". Unha vida que é, ó mesmo tempo, "luz dos homes", luz contra a que as tebras nada poden facer. "A Palabra dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma todo home que vén a este mundo". "Eu son diranos Xesús- a LUZ do mundo". Xesús, palabra de Deus Pai ó mundo, é para Xoán ese novo sol que dá vida e claridade fronte a morte e escuridade. Por todo isto, Xesús como "palabra" non é unha palabra oca, baleira, abstracta. É, polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con carne. "A Palabra fíxose carne", dísenos alí. Da mesma maneira que Deus Pai é en si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber como é Deus. Este é o resumo da reflexión de Xoán: "A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou".
Deámoslle grazas a Deus por el ter querido mostrársenos no seu fillo Xesús, aparecendo entre nós -tal como nos di Xoán- "cheo de graza e de verdade".
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia)

A