"A Muralla" é un poema do senlleiro escritor, poeta e xornalista cubano Nicolás Guillén que coa música de Homero Aguiler se fixo canción popular nas voces do grupo Quilapayun e logo de Ana Belén. Este poema é unha poderosa metáfora sobre a resistencia á adversidade. "Alcemos una muralla que vaya desde la playa hasta el monte... allá por el horizonte". A nosa muralla, a que divide ao Arsenal da propia cidade de Ferrol, non é unha metáfora, leva aí levantada dende hai moito tempo (150 anos) como unha raia física insalvable. Logo de lle dar moitas voltas tomouse a decisión de derrubala dentro do proxecto de abrir Ferrol ao mar e, como estaba máis que previsto, esta decisión enfrontou a partidarios e detractores. O derrubo da muralla veno algúns como unha actitude antimilitarista, coma unha labazada á Armada cousa que a min paréceme esaxerada e fora de contexto. O muro ergueuse no seu tempo separando o militar do civil e arestora preténdese achegalos.

Máis que abrir Ferrol ao mar poderíamos dicir que se vai abrir Ferrol ao Arsenal, cousa que a min non me parece mal tendo en conta o papel que representou este no desenvolvemento dunha cidade que baseou a súa existencia na construción de buques de guerra e na súa base naval. É unha historia pechada por unha muralla que convén abrir á cidadanía.Tuc, Tuc, abre a muralla!
Lembren a transformación espectacular que experimentou Barcelona cando as olimpiadas abrindo a cidade ao mar. Claro que as comparacións son odiosas, pero si Barcelona como cidade mellorou substancialmente, por que non crer que a Ferrol lle vai suceder o mesmo? Non dubido que haxa cousas máis urxentes que solucionar nesta cidade naval, pero non creo que debamos rasgar a vestimenta polo derrubo dun muro cuxo papel non era outro que ocultar o que sucedía ao outro lado. Podemos imaxinar o resultado desta decisión, pero haberá que esperar a que o proxecto estea rematado e xa veremos se a cousa pagou a pena. "Marabilloso!" ou "Unha merda, xa o dicía eu!" son expresións que sen dúbida se escoitarán cando a obra estea rematada porque a verdade é que nunca chove a gusto de todos: somos imposibles na unanimidade.