Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nadal do Señor

Cabada Castro, Manuel - jueves, 25 de diciembre de 2025
Poderiamos dicir que hoxe está de días aquel a quen queremos seguir os cristiáns, mais tamén calquera persoa de boa vontade que ama a practica canto amou e practicou Xesús, o Cristo, o Fillo de Deus, que nun día coma hoxe entrou na historia humana facéndose irmán noso. En tal sentido, Xesús está de aniversario, cumpre anos, por máis que habería que ter en conta que ó parecer Xesús historicamente nacería máis ou menos dous anos antes do comezo da que chamamos a era cristiá. En calquera caso, el continúa vivo. Pois finar, o que se di o finar definitivo, non lle afectou. De xeito que el segue a vivir. El dicía que era a Vida. E como podía morrer quen é a Vida mesma? E se segundo as nosas categorías finou, en realidade habería que dicir máis ben que o mataron. Por máis que, morrendo de tal maneira, se converteu para sempre en vida para el e para todos.

Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque finar, o que se di finar, tampouco nós finaremos, segundo a mensaxe que nos trae o Neno de Belén. Semellaría que na festa de Nadal non habería que falar de morte ou cousas así, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu acender vida en todos nós. A liturxia deste día faino alomenos indirectamente. Cando despois da comuñón recitemos a oración final, chamada pos-comuñón, diremos alí: "Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que el nos conceda tamén o don da inmortalidade".

Isto quere dicir que co nacemento de Xesús na nosa carne mortal quedou inoculada para sempre na nosa natureza algo así como a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó el colocar en Xesús a súa tenda entre nós -como se nos di no evanxeo de Xoán- ó se unir no seu Fillo á humanidade toda, fíxonos de feito participar da súa divindade. Polo seu nacemento fomos convertidos así en pequenos deuses inmortais...

Estas son as marabillas de Deus, porque -como lle dicía o anxo da Anunciación a María- "para Deus non hai imposibles". Naturalmente, isto non é un automatismo que se realiza sen máis en nós. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén se fai irmán noso e que nos converte en inmortais, é sempre unha angueira cotiá, que terá certamente boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús. De feito, acabamos de llo pedir a Deus Pai na primeira oración desta eucaristía da festa do Nadal así: "Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade". Agora ben, ¿que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que deberiamos pedir: a participación na divindade do Fillo de Deus? Pois significa algo que non deixa de ser verdadeiramente paradoxal. Cando Deus se encarna en Xesús, isto significa que temos aí diante, no Neno Xesús, un Deus humanizado. A nosa fe cristiá sostén que Xesús é verdadeiro ser humano e tamén verdadeiro Deus. En consecuencia, participar na divindade de Xesús é participar nesa divindade humanizada. E isto significa que se queremos ser verdadeiramente divinos, temos que ser verdadeiramente humanos.

Mais semella que non debe de ser tarefa doada iso de convertérmonos en verdadeiramente humanos cando Deus tivo que se facer el mesmo humano coma calquera de nós para así nos aprender a sermos así. Porque sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos a todos, sobre todo ás persoas que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper coas desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos que sofren e aledarse cos que se aledan. Todo isto está incluído na incríbel e universal mensaxe do Nadal do Señor. E queda aínda moito por facer para que os seres humanos nos parezamos de verdade ó Deus humanizado e próximo a toda a creación -obra súa- nos nosos modos de proceder. Pois dunha sociedade só se poderá dicir que é verdadeiramente así cando, á semellanza do que se nos anuncia no Nadal, pode haber nela fe e ilusión no futuro. Unha sociedade é verdadeiramente humana cando hai nela máis alegría, ilusión e traballo ca medo ou angustia por non atoparmos nela o lugar para desenvolvernos como é debido, cando estranxeiros, emigrantes e pobres son aceptados como irmáns de Xesús e irmáns nosos, cando todos cantos formamos parte da sociedade somos respectados nos nosos dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos e relixiosos.

En fin, unha sociedade é humana e, polo tanto, tamén divina cando se amosa sensíbel e aberta á palabra que Deus dirixe á humanidade toda no Neno de Nadal. Cando é capaz de celebrar agradecida esta festa de Nadal. Celebrémola, pois, agradecidos, sentíndonos unidos á humanidade toda, destinataria desta Palabra humano-divina que é o Neno de Belén. FELIZ NADAL!!!

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES