A feira política
Anda revolta a feira! A feira política, se entende. Que se corrupción, que se acosos laborais, que se acosos sexuais, que se o avance estratosférico da extrema dereita, que se os virachaquetas, que se unha trapallada detrás doutra. É dicir, unha feira. Ataques. Insultos. Ameazas. Chaqueteiros. Sorrisos falsos. Promesas rotas. E o paisano de a pé dándolle a razón a uns e ós outros. O paisano de a pé deixándose influenciar por xente que nin tan sequera coñecemos nin, moito menos, nos coñecen.

Ante todo iso, e logo dun tempo no que a influencia esvaece, claman ó ceo. E con razón. E os de Ourense berran moito, protestan moito. Sen decatarse de que, os seus, fixeron exactamente o mesmo: corrupción, acosos e chulería baixo a tutela do poder. Que, disto, en Ourense sabemos moito. É unha cidade pequena e coñecémonos todos. Somos os menos indicados para alzar demasiado a voz.
Sobre o avance da extrema dereita algúns confesan, e creo que con razón, que moita culpa (ou toda) é da esquerda, e mesmo das dereitas menos dereitas, por non ofrecer todo o que o cidadán de a pé precisa. Porén, aínda así, e por moita razón que teñan eses algúns, moito coidadiño cos avances da extrema dereita. Despois non vale botar as mans á cabeza. Visto o visto, ó mellor igual non tardamos moito en botalas.
Como anda revolta a feira! Como para coller unha vasoira de xestas (case mellor de codesos) e varrer a esgalla, a conciencia. Tamén un da extrema dereita quere desinfectar o Palacio de Congresos de Plasencia tras unha homenaxe a Robe Iniesta. Non andan con lerias. Da desinfección logo se pasa á liquidación. Tempo ó tempo.