Desequilibrio
Gregorio Montes, Antonio - miércoles, 24 de diciembre de 2025
Dende hai tempo, estamos a vivir unha 'volta a España' desequilibrada. O deporte vese sobrepasado polos intereses económicos e de prestixio asociados. A cousa ven xestándose de lonxe, mais se o pasado ano unha pedra meteuse no mecanismo a conta dun equipo que militaba de pro israelí, este ano coido que a volta debera chamarse algo así como 'Volta ó Mediterráneo occidental'. Coas tres primeiras etapas coa paisaxe francesa como fondo, e aínda unha máis reducida ó pequeno territorio de Andorra, continúa logo saltando entre etapas de xeito que o lugar máis próximo a Finisterre polo que pasa está a uns 800 km por estrada dese final do camiño. Quizás teña que ver con que foron as etapas norteñas do ano pasado as que deixaron a impronta dunha volta pro israelí, forzando mesmo a un cambio de nome nas camisetas dos ciclistas do equipo que levaba a Israel no seu nome (porque tamén está no corazón do seu propietario e de alí parece que non saíu), e este ano próximo se queira afastar esa pantasma... E é que hai cousas que nin a lei mordaza, promulgada por un partido de dereitas e prorrogada sine die por un partido que dicía ser de esquerdas, dá parado.
Entre as etapas da volta á fin do verán e hoxe, sabemos que España, Irlanda e outros países non irán a ese concurso que se vía con gran audiencia no século pasado, Eurovisión. A razón, o ente supranacional, chiringuito ó uso que leva a organización, decidiu optar por Israel. E é que a máis dos cartos regados para mercar opinións e vontades, a influencia sionista ten brazos longos, e o goberno israelí hai anos que ten aberto o que chama 'oitava fronte': a batalla pola verdade. Non, non é que o diga eu, nin moito menos, senón alguén chamado Benjamin Netanyahu.
Pero a vida segue. Segue a duras penas en Gaza, e ó grande nunha axuda estadounidense para a 'defensa' israelí (coido que sería máis propio dicir 'para o ataque', pero descoñezo o por que de que o termo usado en xeral sexa ese) que só no ano 2024 ascendeu a uns 130 por contribuínte norteamericano, e a uns 4000 por contribuínte israelí -dubido que en xeral uns e outros teñan botado as contas correspondentes-. Un país, por certo, Israel, que ten unha renda per cápita superior nun 50 % á española, e só un 30 % inferior á norteamericana. Un país, Israel, do que xente ó tanto di que non podería sobrevivir sen o apoio dos EEUU, ó tempo que tamén di que lle fai un certo traballo sucio ó imperio en declive.
E mentres se mantén un desequilibrio neste tema entre verdade, evidencia e apoio a Israel, vese en diversas partes do mundo, particularmente no chamado occidente e en concreto do noso pequeno mundo europeo, un xurdir repetitivo dunha enfermidade contaxiosa inoculada a base de cartos en grandes doses nos medios e gobernos por grupos de presión, lobbys e adiñeirados sionistas: a gripe israelí. Manifestacións: suba de temperatura cando se cita o xenocidio, toses fortes por riba de calquera cousa que poña en cuestión a actuación de Israel, cara de placidez ou desentendemento cando aparecen imaxes de destrución en Gaza...

Gregorio Montes, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora