Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - jueves, 25 de diciembre de 2025
O Nadal
Non sei se vostedes déronse conta, pero xa estamos no Nadal. O meu bo amigo Balbino, a quen atopei hai dous días na rúa admirando as luces e os escaparates decorados dos comercios, confirmoumo. Porque a Balbino gústalle o Nadal, lémbralle aqueles anos máxicos e desgraciadamente tan distantes nos que celebraba estas festas coa ilusión que só un neno pode ter, esperando as reunións familiares para reencontrarse con persoas que non vira en todo un ano, gozando das vacacións escolares mentres xogaba cos seus amigos na rúa, vendo esas películas da tele -que por aquel entón era un invento novo do que aínda non nos cansáramos- nas que todas as historias terminaban ben e, sobre todo, agardando a chegada das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Grazas ao espírito festivo que xa se vive nestes días Balbino, sen que sirva de precedente, non me falou de política a pesar do revolto que anda todo nese ámbito por mor dos inacabables escándalos de corrupción, as detencións de personaxes que medraron á sombra do poder aínda que moitos non entendamos como puideron facelo, e polo desagradable e espiñento asunto das denuncias por acoso sexual, que tampouco parecen ter fin. Non, o outro día o meu amigo Balbino non me deu a lata con toda esa porcallada e, en lugar diso, preferiu lembrar como era o Nadal da súa infancia, cando non tiñamos a un alcalde en Vigo que pon luces en agosto para anunciar ao mundo que as festas empezan un mes antes da súa data natural, ou cando aínda non visitaba os nosos fogares o simpático gordiño do traxe vermello, ese que uns chaman Papá Noel e outros Santa Klaus.
Por aquel entón, contábame Balbino, as Pascuas empezaban de maneira oficial o día 22 de decembro, co tradicional sorteo da lotería. O día anterior comezaban as vacacións escolares e era xusto entón cando se poñían a árbore e o Belén nas casas. A iluminación festiva nas rúas acendíase unha ou, como moito, dúas semanas antes, e as compras de agasallos realizábanse durante as festas porque había tempo dabondo ata o 6 de xaneiro para ter todo preparado. Naqueles afastados días eran Melchor, Gaspar e Baltasar quen nos facían a honra de visitarnos para traernos xoguetes e algún que outro detalle para os adultos, non moitos porque o diñeiro non daba para tanto e aínda non se vivía este consumismo que nos consome na actualidade. Pero para nós estes agasallos eran un motivo de alegría maior que a que hoxe teñen os nenos que nin sequera dispoñen de tempo suficiente para abrir tódolos paquetes que reciben. Porque seica o Nadal, que era ante todo unha festa relixiosa e familiar, é hoxe a apoteose do consumismo totalmente allea á súa verdadeira razón de ser. Os cambios afectan a tódolos aspectos desta celebración: os abetos son substituídos por conos de luces aos que non se sabe por que razón seguen chamándoos "árbores"; xa case ninguén escoita as panxoliñas de toda a vida, no seu lugar a xente prefire a cancionciña de Mariah Carey e moitos pais cambian aos Reis Magos por Papá Noel... Aínda que tamén a este personaxe saíulle aquí, en Galicia, un sorprendente competidor, un carboeiro que se coa nos fogares para tocarlle o bandullo aos nenos e que por iso recibe o nome de "Apalpador". Parece ser que este individuo forma parte da tradición do Nadal de certas bisbarras da provincia de Lugo, pero os nacionalistas -que unicamente defenden que se conserven as tradicións cando se axustan ás súas ideas- tentan espallar as visitas do Apalpador a toda Galicia. O meu amigo Balbino coméntame, sorprendido por esta novidade, que nos seus paseos por Santiago puido ver varios tímpanos góticos dos séculos XIII e XIV onde aparecen representados os Reis Magos, tímpanos que pódense atopar na catedral compostelá e en moitas igrexas da cidade, pero aínda non atopou ningunha representación deste suxeito afeccionado a tocar o que non debe tocar, o amentado Apalpador, en ningún recuncho da vella Compostela.
Pero imos esquecernos destas cuestións polémicas porque, como dixemos ao comezo deste artigo, estamos en Nadal e tanto o meu amigo Balbino como eu mesmo desexámoslles unhas felices festas e un marabilloso ano 2026.

Curros Neira, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora