
Na mañá do 22 de decembro de 1992 (hai 33 anos), unha descuberta fortuíta cambiou para sempre a comprensión do pasado recente paraguaio. Nunha dependencia policial ás aforas de Asunción, descubríronse miles de documentos que rexistraban con minuciosidade o funcionamento do aparato represivo da ditadura de Alfredo Stroessner. Aqueles papeis (informes, fichas, fotografías, cartas e ordes) pasarían á historia como os Arquivos do Terror.
O descubrimento realizouno o avogado e educador Martín Almada, ex preso político do réxime, e coa axuda do xuíz José Agustín Fernández. Os documentos revelaron a existencia dun sistema de persecución sistemática contra opositores políticos, sindicalistas, estudantes e cidadáns de a pé, sometidos a detencións arbitrarias, torturas, desaparicións forzadas e exilios.
Máis alá do horror local, os arquivos aportaron probas clave sobre a Operación Cóndor, a coordinación represiva entre as ditaduras do Cono Sur durante as décadas de 1970 e 1980. Nas súas páxinas asoman nomes, datas e procedementos que demostraban a colaboración entre Paraguai, Arxentina, Chile, Uruguai, Brasil e Bolivia (co respaldo, de quen se non, de Estados Unidos) para secuestrar e eliminar disidentes máis alá das fronteiras nacionais.
O valor dos Arquivos do Terror foi inmediato e duradeiro. Serviron como evidencia xudicial en causas nacionais e internacionais por crimes de lesa humanidade, e contribuíron a rachar o pacto de silencio que durante anos protexeu ós responsables. Tamén permitiron a moitas familias reconstruír o destino dos seus seres queridos e reclamar verdade e xustiza.
Actualmente, os documentos consérvanse no Centro de Documentación e Arquivo para a Defensa dos Dereitos Humanos, dependente da Corte Suprema de Xustiza. En 2009, a UNESCO incorporounos ó programa Memoria do Mundo, recoñecendo a súa importancia universal como testemuña do terrorismo de Estado en América Latina.
A máis de tres décadas do seu achado, os Arquivos do Terror seguen interpelando á sociedade paraguaia. Son unha advertencia contra o esquecemento e unha ferramenta pedagóxica para as novas xeracións. Nun país onde a democracia aínda enfronta desafíos, estes papeis recordan que a memoria non é só un exercicio do pasado, senón unha condición indispensable para un futuro con xustiza e dereitos.