Parroquias:
1. Agüeira, San Xoán
1.1. Cruces misionais
Coordenadas U.T.M. X= 653.655 Y= 4.744.003
Trátase de dúas cruces misionais de madeira, de estrutura latina, e de sección cuadrangular -agás os seus remates- que se encontran no interior da igrexa parroquial, pegadas ao muro lateral dereito.
Segundo unha orde ascendente, a primeira, que é a máis chamativa polo seu traballo e pola maior cantidade de elementos que leva, foi restaurada no mes de setembro do ano 2016 polo fregués Pedro Doval Río. Os extremos de ambos os dous brazos están formados en cadanseu lado por unha moldura cóncava -caveto- sobre a que se superpoñen dúas pequenas molduras convexas, rematando nun pequeno arco apuntado. Así mesmo, os ángulos existentes na intersección de ámbos os dous brazos, amosan unha ornamentación xeométrica, estrelada, que remata en formas puntiagudas. En canto ás inscricións e ornatos tanto do brazo horizontal como do vertical son moi variados, amosándose a orde relixiosa, que celebrou a misión; a data; e, tamén, diversos elementos relacionados coa paixón de Cristo. Así na parte superior do brazo vertical aparece a inscrición INRI.Ao longo do brazo horizontal maniféstase a inscrición SANTA no brazo dereito; e MISIÓN no brazo esquerdo. Na parte media do brazo vertical maniféstase a inscrición P.P. Redentoristas, dun xeito ovalado. Na parte inferior do brazo vertical amósase a inscrición 1 / Octubre / 1940/ superposta. En canto aos ornatos de que vai provista distinguimos nos seus brazos os seguintes instrumentos da paixón: unhas tenaces, no remate do brazo horizontal dereito; un martelo, no remate do brazo horizontal

esquerdo; unha coroa de espiñas cun corazón no seu interior, que serve de sostén a unha esponxa, que amosa un símbolo cruciforme no medio, na intersección dos brazos vertical e horizontal; tres cravos, na parte superior do brazo vertical; unha hostia cunha cruz no seu interior e un cáliz por baixo da hostia na parte media do brazo vertical.
A segunda, tamén de madeira e de estrutura latina, amosa nos extremos de ambos os dous brazos unha pequena superficie paralelepípeda coas arestas superiores e inferiores rebaixadas, que serve de sostén a unha moldura convexa -bocel-. Ao igual que na primeira cruz os ángulos existentes na intersección de ambos os dous brazos, amosan unha ornamentación xeométrica, estrelada, que remata en formas puntiagudas. Con respecto ás inscricións, maniféstanse tanto no brazo horizontal como no vertical. Así, o brazo horizontal dereito, amosa a inscrición SANTA; o brazo horizontal esquerdo, MISIÓN. A parte media do brazo vertical, mostra as inscricións P.P.e JESUITAS, superpostas. A parte superior do brazo vertical, manifesta a inscrición INRI; a parte inferior do brazo vertical, a inscrición referida a data AÑO / 1960, superpostos.