Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembrando aos que nos acompañaron

Sampedro, Pilar - jueves, 12 de febrero de 2026
Sempre fomos perdendo persoas coas que coincidiamos no camiño, pero agora moito máis, ata o punto de que de vez en cando nos acordamos de alguén que hai tempo que non vemos e case non nos atrevemos a preguntar... por non levar algún susto.

Os anos traen estas consecuencias. Se nos referimos a reunións nas que todos e todas nós peinamos canas (a pesar de tintarnos) a perda faise máis evidente. A Plataforma de Pensionistas de Compostela reúnenos, mensualmente, nunha concentración que reivindica unhas pensións dignas. Pensei eu que era ben lembrar a todas as persoas que nos acompañaron nestes luns primeiros de mes no Obradoiro e que non poderán volver facelo. As persoas que se nos foron ao Alén. Quixera lembralos a todos pero Lembrando aos que nos acompañaron seguramente se nos perde algún, a memoria é fráxil. De todas formas, considero que debemos dicir os nomes dos que temos presentes, nin máis nin menos que como se fai nos premios Goya ou nos Follas Novas. Lembralos é unha forma de agradecerlles o traballo que fixeron na reivindicación das pensións pero non só, porque a xente que aquí nos reunimos vimos maioritariamente doutras loitas.

Ademais de África Leira Sanmartín, militante histórica das loitas pola liberdade, a xustiza social e a solidariedade, unha muller que se caracterizou polo seu feminismo, a busca da xustiza social e as causas populares, na defensa da dignidade colectiva... que a levou a mil e unha batallas; ela foi a última, pero queremos lembrar tamén aos anteriores. A Ana Souto que foi profesora de Decoración na Escola de Artes Aplicadas Mestre Mateo e decoradora que colaborou a que os nosos espazos foran máis fermosos e útiles. Viña a estas concentracións con súa irmá, que continúa acompañándonos. Sempre creu que só coa loita conseguimos os nosos dereitos e con ela os mantemos. Non hai outra! Da mesma idea era Xoán Xosé Fernández Abella, mestre, organizador de xornadas de renovación pedagóxica en Ortigueira, cidadán sempre disposto a poñer a súa voz ao servizo da cultura e as causas xustas coma a memoria dos que pereceron baixo a bota do golpe de estado e a ditadura, poeta especializado na loanza das persoas dignas e xustas que fixeron máis grande este país. Acudía a canto acto cultural lle era posible e tamén apoiaba as reivindicacións coma os roteiros da memoria e os da dignidade nacional. Aparece en varias fotos e nunha delas levando unha pancarta.

Tamén nos deixou unha parella, Severiado Fernández Hervías enxeñeiro de camiños e funcionario da Xunta e a súa muller Julia Lema Bouzas profesora de Secundaria. Primeiro foise el e un tempo despois deixounos ela. Ás veces o amor, e a vida, son así e non podemos facerlle fronte.

Foise tamén María Salvado, mestra, psicóloga e pedagoga, militante nacionalista, militante da renovación pedagóxica dende o movemento Freinet e Nova Escola Galega, cofundadora da editorial e libraría especializada en poesía, Chan da Pólvora, a quen lembramos homenaxeando a Herminio Barreiro, o pedagogo que formou parte do grupo Brais Pinto e dou mostra da súa mestría na USC e o Ateneo de Santiago.

Seguro que hai máis dos que descoñecemos as razóns polas que non os vemos. De todos eles sabemos o seu compromiso coa loita das pensións e seguramente con outras que os trouxeron ata aquí porque certamente concentrámonos para mirar por nós e por todos os demais, polo presente pero tamén polo futuro.

Esta lembranza dos que non están, tan inocua, dou lugar a malentendidos e manipulacións, á crítica directa á persoa que unicamente quería lembrar aos que nos estaban... e puido levarme a desistir e pensar que todos os políticos son iguais, que a xente ou se reúne por ansias de poder e protagonismo ou por socializar... pero o santo dos días de diario non me deixou caer na trampa. Fíxome ver que todos e todas somos necesarios para mellorar o mundo e a crítica é a enerxía que leva ao nivel de excelencia a loita. Niso estamos!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES