Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os libros que lemos (7)

Sampedro, Pilar - jueves, 05 de febrero de 2026
Hai uns días comentábame unha amiga a proliferación de libros sobre a maternidade, a súa necesidade por facer visible algo que normalmente estaba fóra da literatura, pero tamén o temor ante o que todos estes libros poden estar promovendo, no sentido de devolver as mulleres á casa, pechalas de novo no fogar convencidas de que esa é a súa máis importante misión. Os libros que lemos (7) Esta ensinanza traballouna moito o franquismo, de aí que as mulleres feministas que lembran e reflexionan, non podan deixar de comentar as súas dúbidas.

Ás veces pódense confundir pasos adiante con retrocesos, de aí a necesidade de prestar atención porque nestes tempos de especialización tan cruenta, non sacar a mirada do microscopio pode levarnos a historias que non desexamos. Por exemplo, nalgún momento feministas moi avanzadas pediron ou piden unha paga para as mulleres que quedan na casa coidando da crianza (ou do fogar) e a dúbida é se é xustamente isto o que desexamos que suceda, e tamén a inxustiza de que determinadas persoas teñen quen lles amañe os asuntos (pagados por todas nós) mentres outras teñamos que pagar do noso peto.

A que vén todo isto? Pois á necesidade de deterse e pensar valorando a parte positiva destes textos (que fan explícita a situación das mulleres no embarazo e a crianza, fan públicos os seus problemas para a reconciliación, devolven o privado á esfera pública...) pero tamén o risco dunha manipulación ou dun autoconvencemento manexado por forzas que non dan a cara.

O último que me chegou ás mans é esta novela gráfica, Mamá de Glòria Vives, traducido por María Alonso Seisdedos e publicado por Embora.
Dise na presentación editorial: "Por moito ou pouco que te prepares, por moitas ou poucas que sexan as túas expectativas, por moitos ou poucos casos que coñezas, non podes facer unha idea exacta do que é converterse en nai.
Glòria Vives cóntanos (como mellor sabe: debuxando) a súa experiencia desde que naceu Júlia, a súa primeira filla, como foi o seu segundo embarazo e o nacemento de Abril. Como son os días cun bebé, as noites, que pasa coa parella, coa decoración do salón, como cambian as túas lecturas, a túa forma de vestir… Todo!
É un libro próximo, cun gran sentido do humor, moi tenro e, sobre todo, un libro no que te ves reflectida como nai. Se o es, é imposible lelo e que non se che escape un sorriso lembrando as túas propias vivencias. Se non o es aínda, é unha boa forma de coñecer a realidade. Ao final, demóstranos que ser mamá non é como cho contaron. É mellor."
Unha novela gráfica para contar o día a día dunha nai, dende o embarazo ao parto, dende o talle 0 ao 24 e volver comezar no 0. Os cambios no corpo e na casa, o encontro das diferentes xeracións, os bos e os malos momentos, as percepcións dos avós, todos os descubrimentos da pequena, os seus avances no movemento (reptar, agatuñar, gabear, camiñar...) e na linguaxe. A fera que pare, o instinto, a volta ás orixes para poder dar a luz.

Marga Tojo xa nos ofrecera Maternidade fóra de catálogo no que recolle o seu día a día. Tamén ela escribiu un libro marabilloso Cara de velocidade no que pasa a poemas a relación con esa nena que a acompaña. Con el conseguiu o premio Orihuela, cando a súa corporación municipal respectaba a Miguel Hernández e Kalandraka escollera esa cidade para un premio de poesía infantil que produciu tan bos libros.

Tamén María Canosa (por lembrar só un par de títulos) escribira O lado do que dormes no que mostra o prezo de ser muller con dous fillos, un home, unha hipoteca, un traballo...
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES