Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os libros que lemos (6)

Sampedro, Pilar - jueves, 29 de enero de 2026
Hai uns días CCOO e a Fundación 8 de marzo organizaron en Santiago unha exposición e unhas Xornadas sobre o comezo da democracia. Na primeira sesión das Xornadas, presentou Alonso Montero o libro Escritos sobre a represión franquista do 1936 co subtítulo "O que escribiron os presos do franquismo e as voces que se solidarizaron (catro conferencias 2022-2023)".
Os libros que lemos (6)
Unha cita de Marcos Ana serve de pórtico:

"Mi pecado es terrible;
quise llenar de estrellas
el corazón del hombre".

Alonso Montero dedícalle o libro a traballadoras e traballadores que protagonizaron en Vigo, a histórica folga de 1972. O corpo do volume son catro conferencia que pronunciou na Guarda, nas datas en que os asturianos, parentes dos represaliados, se trasladan a Camposancos. Nestas conferencias atendíase a voz da Literatura porque bastantes prisioneiros deixaron testemuño da súa situación en cartas, poemas ou textos memorialísticos, ao tempo que tamén atende os textos doutros escritores sobre estes prisioneiros. O que se presenta non son as conferencias senón guións amplos nos que se recollen os textos citados.

Na primeira delas despois do recordatorio de Nazim Hikmer e Antonio Gramsci escritores tamén na prisión, unha consideración de Marcos Ana na revista clandestina Muro da prisión de Burgos, as Nanas de la cebolla de Miguel Hernández, a "Longa noite de pedra" de Celso Emilio Ferreiro, catro poemas da presa Josefa García Segret, dous de Evaristo de Sela, un de Diego San José e outro de Enriqueta Otero, un de Camilo de Dios, un de Rafael Báez, un de Jesús Redondo Abuín e tres de Marcos Ana, seguidos dunha bibliografía.

Na segunda conferencia atende ás cartas dos republicanos do Baixo Miño condenados a morte en 1936 e 1937, deténdose neste xénero e nestas circunstancias, no percorrido que tiveron, os temas relevantes e algún dos textos de Darío Álvarez Limeses, Camilo Carrero Lorenzo, Manuel Estévez Gómez, Brasilino Álvarez Sobrino, José Domínguez González e Josefa García Segret (non executada grazas ao informe do médico pai dos Álvarez Blázquez que si o foi).

Na terceira das conferencias céntrase en dous poetas fusilados en agosto de 1936: Manuel Gómez del Valle (cunha pequena biografía e o seu "Manifesto pastoril a los niños pobres del campo") e Federico García Lorca (pequena biobibliografía, Lorca e Galicia, textos de Lorca sobre os libros e Galicia, para rematar con textos poéticos sobre a morte de Lorca de Antonio Machado, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro e Luz Pozo Garza).

Na cuarta conferencia céntrase en San Simón: Da illa do amor (XIII) á illa da Morte (1936-1943) recollendo o título do poema de Paz Andrade dedicado a Álvaro Xil Varela. O poema de Mendiño ("Sedíame eu na illa de San Simón") en tres versións e o que escribiron os prisioneiros (Diego San José, Eduardo Pantaleón... así como fragmentos de 34 cartas e bibliografía destes autores.

Un libro que traballa a favor da memoria histórica e a memoria democrática. Unha homenaxe ás persoas presas e sacrificadas polas súas ideas políticas naquela inmensa prisión (e cemiterio) que foi España durante e despois da guerra, en palabras de Monserrat Carrera Leirós. Un esforzo para restituírlles a dignidade.

E porque tal como dicía Antonio Gramsci é necesario lembrarlles ás xeracións presentes e futuras o pasado e pedirlles: "Instrúanse, porque teremos necesidade de toda a súa intelixencia. Axítense porque teremos necesidade de todo o seu entusiasmo. Organícense, porque teremos necesidade de toda a súa forza."
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES