Lemos teatro. Porque o teatro non só podemos velo como espectadores senón tamén lelo. Algunhas persoas facémolo así, acollemos ese xénero literario e lémolo igual que facemos coa poesía ou a narrativa.
Non teño moita sorte neste campo. Ultimamente hai moita obra publicada que non se pode dicir claramente que sexa texto teatral.

Por veces ata nos dá vergoña que iso de publique e máis se está premiada, porque dá unha idea un tanto grotesca do que se escribe e premia. Pero, semella haber unha convención silenciosa, de forma que cando falamos do publicado en galego tentamos non realizar unha crítica aceda para non desanimar a industria nin o lectorado. Unha e outro non precisan máis razóns para tirar a toalla. Por iso, quero determe naquilo que merece a pena, nas obras que destacan e que non só deben ser publicadas senón lidas, moi lidas, moitas veces.
Teño nas mans O proceso. Apaga o candil de Cándido Pazó e síntome feliz de poder dicir que é un gran libro, deses aos que accedemos moi de cando en cando. O autor é tan humilde que pide un prólogo para cada unha das obras. Para O proceso (no que recolle un momento da vida de Curros Enríquez) a Alonso Montero e para Apaga o candil (no que enfronta o final do Carlos O Xestal) a Xurxo Souto. Non podería escoller mellor, pero de verdade que as obras non os precisaban porque son verdadeiras xoias.
O proceso. Un sainete pouco divino detén a mirada no proceso xudicial contra o autor de Airiños da miña terra no ano 1880. O bispo ourensán Cesáreo Rodrigo publica un edito que ha de ser lido en todas as igrexas condenando o libro. O autor denunciado ante os tribunais por anticlerical e herético foi condenado na Audiencia de Ourense por ese libro que abre o noso Rexurdimento ao lado de Cantares gallegos. O título da obra de teatro, coa referencia a O divino sainete, que escribirá algo máis tarde, bótalle ironía a un feito que semella abrir portas á loucura cando a Igrexa se empeña en condenar ao escritor por uns textos nos que Deus ante o que ve no mundo remata dicindo "que o demo me leve", sen ter en conta que o simple feito de falar de Deus xa nos remite ao respecto pola relixión e xa non digamos outros poemas dese mesmo libro nos que esta aparece de forma absolutamente pura, para gusto popular.
O texto está escrito para poder ser levado á escena doadamente, para iso, unha serie de obxectos e un mostrador situados nun lado do escenario van facilitar a identificación con lugares e situacións. Pero tamén serán a desculpa para que os actores fagan avanzar a obra así coma o que o autor chama "a proporción alquímica personaxe-actor" que realiza intervencións nas que se desdobra pasando dunha a outra realidade e posibilitando moitas veces o cambio de escena ao tempo que moven os trebellos de atrezzo. Todo sucede diante dos noso ollos, ese cambio de escenario e de vestiarios, os comentarios sobre o relato, a transformación dun personaxe noutro. Cando unha obra está ben escrita e, por riba, introduce elementos dinámicos deste tipo, non só nos produce satisfacción como lectores senón tamén como espectadores que imos imaxinando o espectáculo e identificándonos co que alí sucede.
En Apaga o candil asistimos ó encontro do Xestal coa morte. Só dous personaxes en escena. Dous que se atopan e han de presentarse para marchar xuntos, pero o que sucede é que o narrador oral non quere morrer, crese con dereito a vivir algo máis, a que dalgunha maneira o tempo lle compense polas penurias pasadas. A súa foi unha biografía desgraciada, un ir e vir pola visión que el daba de Galicia e do seu personaxe, aplaudido por uns e deostado por outros, da casca amarga e diversidade non permitida, con tempos de silencio e retiro forzado... agora, cando semella que vai ter un certo éxito e recoñecemento chega a morte a buscalo, como se vai ir? Por iso lle vai contando contos para entretela, a modo de Sherezade vaille rabuñando un tempiño de conto en conto, pero a morte é peor que o sultán asasino e Carlos ao final ten que entregarse, tal como facemos todos no derradeiro instante no que deixamos de loitar e aceptamos ese destino mortal que nos leva ao punto de partida, ao non ser.
Dúas obras para ver e, mentres isto non sucede, para ler. Porque así como as exposicións de arte buscan a permanencia nos catálogos, as obras de teatro fano na publicación dos seus textos. E, cando este son bos, gozámolos e espertan en nós as ganas de que a peza sexa reposta e algún día podamos vela.