Á lagoa de Cospeito viñéronselle engadindo nomes ao longo da historia, xa desde a noite dos tempos, nomes que nalgúns casos teñen moito que ver cos nosos devanceiros e cun protohistórico celtismo como máis tarde veremos.
Os nomes cos que se alcuma a devandita lagoa foron, entre outros, os seguintes: Veria, Verial, Valververde, Villaverde, Navalverde, Lamas de Agoa, Lamas de Goá, Santa Cristina de Veria, Santa Cristina de Lamas de Goá, Lucerna, Malverde e lagoa de Carregal.
Neste breve estudo pretendemos descubrir a evolución, etimoloxía e significado de "Carregal" cuxo termo ten moito que ver con "Carrizal", nome tamén dun barrio de cerca da lagoa de Cospeito que se acha concretamente na parroquia de Moncelos (Abadín) e que coñecemos como barrio do Carrizal, onde se supón que habería abundancia de carrizo(s) ou de carriza, así como "Carregal" que sería onde hai unha profusión de "carrigas ou cárrigas, ou carrizas", mais, que é a carriza? Segundo o Dicionario da nosa Real Academia Galega é un substantivo feminino cos seguintes significados:
1.- Carrizo.
2.- Vexetación formada por plantas da división das briófitas de ata uns cinco centímetros de altura, que se cobre como unha capa os lugares en que hai humidade, sobre todo as pedras, a casca das árbores, etc.
3.- (Phraguites communis) Planta herbácea da familia das gramíneas, con talos de ata tres ou catro metros de altura, follas planas e influorescencia ou panícula.
Ao ser un substantivo masculino "Carrizo", aínda que significa un paxaro de orde dos paseriformes de pequeno tamaño, cor parda, rabo curto e ás redondeadas, tamén ten o significado de Phraguites communis, de aí que nós podemos referirnos a esta planta tanto en feminino como en masculino: "carriza" ou "carrizo".
En canto á súa procedencia, a teoría máis común baséase en que o termo "Carregal" corresponde a espazos lacustres ou de albufeira onde se dá o(a) carrizo/a, nome que recibe unha cana silvestre dos pantanos ou das lagoas derivado do latín carex-icis, e dun latín vulgar *cariceum, segundo Corominas do que poderíamos sacar Carrizal.
No xornal "La Voz de Galicia" de 30-05-2015, Isabel Santos dinos que procede do latín *carricale, que á súa vez procede do devandito carex e parece ser a orixe de numerosos fitónimos, ou nomes de plantas como poden ser: Carracedo, Carrizal, Carragueiros, Carragal, etc., pero hai quen opina que, en territorio galaico a partícula "carr" sería prerromana e estaría ligada ao significado de "pedra, duro". Tal partícula, moi produtiva e difusa estaría presente en Carrucedo (Zamora), Carnac (Bretaña) e Carral e Carril en Galicia.
De aí que hoxe, talvez, a nosa lagoa de Carregal en Cospeito, o mesmo que a de Carregal en Corrubedo, posiblemente signifique "acumulación de terra e outras substancias" no fondo dos ríos e das lagoas e, quizabes por iso teña que ver co asolagamento da cidade valura de Veria onde, de verán, adoitasen ver pedras e outros materiais propios dunha cidade asolagada tal como nos contaba González Reboredo xa que "cando baixaban as augas podían verse as chemineas das casas e o campanario da igrexa", feito que nos parece insólito porque a cidade de Veria foi asolagada por Deus por non ser seguidores de Cristo e incluso noutra das lendas cando a Virxe María fala cunha valura de Veria sorpréndese de que non haxa ningunha igrexa en Veria porque adoraban a imaxes de madeira e de pedra que representaban ao deus Baal. Incluso o mesmo licenciado Bartolomé S. de Molina na súa Descripción del Reino de Galicia editada en 1550, este autor recolle que en tempos de seca poden verse no fondo do lago, pedras, trabes, ladrillos, olas e obxectos de ferro, esta circunstancia probaría que noutro tempo estivo habitada e de aí tamén viría o significado atribuído á partícula prerromana Carr- co significado de "pedra, duro", aínda que nós non creamos ningún

dos dous contidos porque as pedras, as cuncas, os ferros irían tiralos alí os veciños para desfacérense deles e con relación ao segundo significado de "pedra, duro", tampouco o aceptariamos, sobre todo referido á lagoa de Carregal (Cospeito).
O termo Carregal é polo tanto un fitónimo que fai referencia tanto en galego como en portugués a un terreo pantanoso (como é o caso da lagoa de Cospeito) no cal abunda a "cárrega" ou "carrega", planta gramínea tamén nomeada carriza, moi propia deste tipo de lugares húmidos ou brañas procedente do latín CAREX (de raíz *carric) co sufixo derivativo -ALE. Como topónimos temos na provincia de Lugo "O Carregal" da parroquia de Rocha no concello de Friol ou os "Carregal", Carregal de Arriba e Carregal de Abaixo na parroquia de Árbol (Vilalba), moi preto da lagoa de Cospeito ou lagoa de Carregal.
Esta teoría, quizabes a máis difundida, fundaméntase en que estes termos, incluso "carracedo", correspondente a espazos lacustres onde se dá e medra a carriza ou carrizo, e deriva do carex latino e a partir de aí xorde carricale que logo evoluciona a carrizal e carregal co sufixo -al ou -edo (Carracedo), que son sufixos indicadores de cantidade ou abundanciais. Tampouco esta teoría é moi adecuada para o eido galaico, onde a raíz Kar é anterior á chegada dos romanos e polo tanto de orixe indoeuropea e non relacionada co latín, por iso debemos partir dunha potencial orixe galega tal e como nos di o Dicionario Xerais da Lingua cando comenta as palabras "carrasco" e "carracedo", evolucionando as dúas da raíz prerromana Carr-, e sendo "carracedo" un lugar abundante de carrascos e segundo o Diccionario de la R.A.E tamén coincide en que carr- provén dunha raíz prerromana e "sirve para designar la mata de encina pequeña" e que "carrasco" e "carracedo" son palabras de orixe galega, sendo a segunda derivada da primeira.
Con todo isto, podemos concluír e constatar a existencia dese prefixo Carr- (Karr-) en toda unha serie de palabras o mesmo que en "carregal", o que nos leva a pensar tamén que en galego o termo "Carr" sexa unha contración de Ca-arr, que significaría "Casa dos Arr-", facendo referencia á tribu dos "Arros", de grande extensión na Galiza Norte e, se tomamos a palabra "carrasco", faría alusión a algunha particularidade dalgún lugar da terra dos Arros.
A orixe probábel do topónimo é o monte Carracedo por acharse en plena zona "Arra" que abranguería desde As Pontes ata os Ancares.
BIBLIOGRAFÍA
AMOR MEILÁN, Manuel.- Geografía General del Reino de Galicia. Vol.II. Provincia de Lugo, Casa editorial Alberto Martín. Barcelona (s.a)
CABEZA QUILES, Fernando.- Toponimia de Ribeira. Seminario de Onomástica da R.A.G.. Diputación de A Coruña.
CARRÉ ALVARELLOS, Leandro (1977).- Las Leyendas Tradicionales Gallegas. Espasa.Calpe. Madrid
CUBA, Xoán R.- REIGOSA, Antonio.- MIRANDA, Xosé (1999).- Dicionario dos Seres Míticos Galegos. Xerais. Vigo.
DORREGO MARTÍNEZ, F (2005).- Sobre os Valuros: Mito e realidade. Croa. 15. Castro de Viladonga. Lugo.
GONZÁLEZ REBOREDO, X. M (1995).- Lendas Galegas de Tradición Oral. Ed. Galaxia, Vigo. 2ªed. 1995.
GUÉGUÉS, Helder (1 de outubro de 2019) Léxico "carrega".
NAVAZA BLANCO, Gonzalo (2006).- Fitotoponimia galega, A Coruña, Fundación Barrié, páxs.174-175.
REIGOSA, Antonio (2010).- Guía Ilustrada da Galicia Invisible. Xerais. Vigo, 1ª ed,
VAQUEIRO, Victor. (2003).- Guía da Galicia Máxica. Galaxia, 3ª edic. Vigo.
La Voz de Galicia (30-5-24) Artigo de Isabel Santos.
Dicionarios: Corominas, Spes, RAE, RAG, Xerais da Lingua.