Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os libros que lemos (2)

Sampedro, Pilar - jueves, 01 de enero de 2026
Recordar doe, dicía Herminio Barreiro. Ler determinadas obras, tamén, doe. Terra de sacrificio é unha delas.

Porque non só esta é terra que se inmola senón que determinadas persoas tamén son ofrendadas a un deus cruel. Castelao é un deles. Estuda o que non quere, casa coa muller que non escollera de primeiras, debe exercer de político cando seguramente o que el preferiría sería traballar na cultura como creador de literatura, arte, humor...

Un desgraciadiño con mala sorte porque só hai que volver os ollos á actualidade e confirmar que non acabou a mala sorte. Basta mirar como volven os seus restos a Os libros que lemos (2) Galicia, como se celebra o seu nome e a súa obra, as exposicións que se realizan. Doe, cada vez que alguén toca o seu nome doe, porque non hai maneira de sacar as mans dos fariseos dese templo. O mellor que se lle pode facer é non citalo, deixar que pase o tempo e que as xeracións futuras o descubran por casualidade como fixo a miña, que non deixaba de asombrarse con cada achado, que se emocionaba ante as viñetas e choraba ao ler o Alba de Gloria. Hoxe, ese discurso foi banalizado ata perder o contido orixinal, igual que o foi a derradeira lección do mestre.

Hai alguén que coloca as flores de defuntos na tumba de Castelao. Non son as institucións que lle deben a idea de patria ou autonomía nin as que deberían representalo. É unha man silenciosa, sen foto nin subvención. E nesas mans está o futuro, de habelo.

Doe ler Terra de sacrificio porque o outro personaxe tampouco nos semella feliz. Sentar nunha mesa "camilla" a falar cos máis novos, ir arengándoos ao longo da vida. Como Sísifo, volver a cargar coa pedra unha e outra vez, sen ser mestre. Sufrir o desengano de que non te sigan, de que queiran matar o pai igual que fixestes ti... O poder na escuridade, ir colocando as pezas, creando líderes que nunca acadan a excelencia (igual o país non dá para máis). Vivir de prestado como un "liberado" (deses aos que nunca respectamos suficientemente, porque o que ten valor é a política como servizo público, como entrega dos que teñen algo máis que dar), nunha casa que non é túa, nun partido que non é o teu, nun país que non se asemella á utopía que sementaron os vellos mestres. Saber que aqueles cos que te moves renuncian a erguer a patria, que aqueles aos que tes que contaxiar o amor polo país sempre o van considerar terra de sacrificio, que o van entregar a cambio doutras prebendas (leamos a Felipe González enviándonos a un franquista), que estás nas filas dos adversarios...

Doe, porque a Ditadura metíache o medo no corpo e despois non había maneira de sacalo, coma quen leva o demo dentro. O medo volvíache do revés de tal maneira que quedabas sen pel, sen defensa, á intemperie; diso poderían falar Cunqueiro ou Vicente Risco con moitos máis. O que fora branco volvíase negro e non había fortaleza para tanta maldade. Ter asistido aos "paseos" dos teus, ás torturas e os encarceramentos... non saber onde meterse. E só uns poucos resistían. No exilio exterior con dignidade, no interior na loita do día a día no que nalgunha hora caían e a maldita conciencia... coma un verme roendo. Por iso, polo medo, doe pensar en cando acusamos aos que viviron noutro tempo aínda que como de Toro non perdoemos que traizoen aos que o deron todo.

Doe non poder condenar como fai o personaxe autor, igual que doeu non poder salvar ao exiliado Antón Baltar en Un home elegante.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES