Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cultura no rural (II)

Sampedro, Pilar - jueves, 18 de diciembre de 2025
O legado Beiras Cal

Tal como comentabamos no artigo anterior, este legado mantén viva a memoria dunha familia de referencia no país, os Beiras Cal. Fíxoo coa recuperación dun documental, coa publicación de dous manuais, escritos en galego nos anos cincuenta, para que serviran á educación de fillos e alumnado. Posteriormente, realizouse a película A palabra xusta, dirixida por Miguel Piñeiro, ao redor da vida de Antía Cal. Os subtítulos: "unha casa, unha paisaxe, unha muller, unha mestra, Tita" avanzan o contido da obra. O título responde ao xogo que inventou na escola para que, ao remate da clase, que cada alumno/a escribise a palabra que sintetizaba o aprendido no día: a palabra xusta. Esa era a que escollían entre todas as que cada un deles escribira, traballando en equipo. A biografía feita película, cando conta máis de noventa anos, cunha vida plena de experiencias que parte da necesidade de transformar a realidade dende o amor e a educación.
A seguinte iniciativa foi a Audición - Performance da conferencia sobre Xelmírez que impartiu Otero Pedrayo (o 15 de xuño de 1952 no pazo de Xelmírez) e que que se puido escoitar na sala nobre do Refectorio do Pazo de Xelmírez e na praza do Obradoiro o 27 de xullo de 2021. Definido como "40 minutos dun discurso emocionante e épico sobre o home que situou a cidade de Santiago ao nivel de Xerusalén e Roma".
No ano 2024 comeza unha nova etapa. Recupéranse as imaxes para a exposición A malla de Pascual 1957, unha serie fotográfica realizada por Antón Beiras nese ano 57. Unha selección de 35 fotografías que mostra os traballo do campo na aldea de Muras onde nacera Antía Cal e onde pasaba o matrimonio as vacacións. Recoller a vida tradicional na aldea antes de que cambie, ese semella o obxectivo do oculista que pon a cámara ao servizo da defensa da identidade galega e da realidade rural. A familia decide que esa exposición debe realizarse no lugar das Aguias, en Muras, nun espazo que se rehabilita minimamente para que non perda a forza do pasado, de forma que sexa. Carlos L. Bernárdez fala dunha estética da dignificación e valoración do propio, do orgullo de recoñecer o mundo rural e as súas xentes, o documental e o social nun mundo compartido, un branco e negro cheo de matices. Unha gran exposición, nun marabilloso espazo, aberta en fin de semana (que é cando a xente ten máis tempo para visitala), en disposición de atender visitas que serán guiadas tamén pola neta do tal Pascual, da casa onde se realizou a malla. A colaboración da veciñanza, a alegría de saberse centro de cultura, núcleo dunha proxección na que se valora o pasado… porque unha mostra que podía terse realizado en Vigo lévase a Muras, un pequeno concello en Cultura no rural (II) vías de desaparición no que hai máis eólicos que habitantes pero onde un nós colectivo permanece, dende esa malla ata a mirada e a palabra que envolve as fotografías. Cando a xente lle pon nome a cada unha das persoas que aparecen nas fotografías e se establece o reto de adivinar quen é a moza que aparece no cartaz... algo se está movendo no rural!
Este ano, volveuse a producir o milagre cando deciden enmarcar Serigrafía Galega 1971, a colección que Álvaro Álvarez Blázquez crea (dende a súa empresa Serigrafía Gallega) para posibilitar a difusión e venda de obras de arte galegas a baixo prezo. Facer a arte algo máis popular e para iso xuntar aos mellores creadores do momento, que se prestan, a que coa técnica da serigrafía, se xeneralice algo máis a arte. Os irmáns Álvarez Blázquez ábrenlle a porta ao día, Álvaro dende esta empresa que realiza carteis, sempre que pode contando coa colaboración de artistas (Xohán Ledo, Luís Seoane, Virxilio…) e Xosé María dende a editorial Monterrey e Castrelos. Unha familia que, coma Prometeo, achega o lume creador, nun empeño titánico, para acurtar a longa noite de pedra. Agora, esta colección de gravados está exposta nas Aguias (Muras) ocupando coa serigrafías e os libros a palleira, o hórreo e o que foi mesón dos Cal. A rehabilitación, feita a pé de obra, limpando e organizando pero sen que os espazos perdan a súa esencia, faise contedor para que a arte chegue a onde os Álvarez Blázquez querían, posta ao alcance de todo o mundo. O legado Beiras Cal é iso, cultura plena de dignidade que nos conduce ao rural porque seica hai vida máis alá dos grandes núcleos e o país debe percorrerse, tal como dicía Avilés de Taramancos cando poñía a El Rei a esculcar o territorio ("recontou as pombas, as centeeiras, fixo conta das brétemas, das urces e de todo canto lle pode pertencer a un rei") ata coller o arado (e deixar que "abrollaran as cantigas de amor cando as palabras se fixeron pombas") porque a natureza pode producir milagres, pode facer que descubras a beleza e... amar a aldea igual que aquel rei amou a nosa lingua e nela cantou para que toda Europa a escoitara.
Pois ben, este verán o Legado Beiras Cal mostrou a quen quixo pasar pola exposición as marabillosas obras de Virxilio, Seoane, Mercedes Ruibal, Pérez Bellas, María Antonio Dans, Díaz Pardo, Xaime Quesada, Antonio Quesada, Ventura Cores, Xulio Maside, Xosé Luís de Dios, Vidal Souto, Sesto Novas, Ángel Sevillano, Prego de Oliver e Pedro Ruíz Bofill con Rafael Alonso, Laxeiro, Alberto Datas e unha selección de estampas de Castelao. Comenta Carmela Montero como os envolve o sabor do popular, o peso do noso barroco e o compromiso coa terra plasmado nunha pintura plana e de poucos matices na serigrafía.
Como nos explicaba Carmen Varela (a guía de luxo que nos acompañou) Beiras explicaba que ao non ser artistas, non quedaba outra que mercar arte e libros para apoiar a cultura do país, esa cultura que espallan máis alá dos circuítos das cidades, entregándoa en man.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES