O Tempo
Unha folla. Unha galla. Un caxato. Un bugallo. Unha belota. A raíz. O tronco. A rúa Bugallal en Baños de Molgas. Un carballo no parque das Mestras. O silencio por entre a copa da árbore. A calma na desembocadura do río Sor. O ruído na corrente do Arnoia e no reloxo da igrexa anunciando as horas. "O tempo é a cousa máis valiosa que unha persoa pode gastar". (Teofrasto)

Un libro. Un bolígrafo. Unha pluma. Unha páxina en branco. Un lapis. Un caderno. Unha goma de borrar. Unhas letras. Unhas palabras. Un letreiro no que se le Baños de Molgas. Unhas pingas de orballo que caen sobre o papel en branco. Unha liña. Un parágrafo. Un capítulo. Miles de versos. "Se amas a vida non malgastes o tempo, porque o tempo é o ben do que está feita a vida" (Benjamin Franklin)
Historia. Xeografía. Matemáticas. Lingua. Filosofía. Literatura. Relixión. Debuxo. Educación física. Química. Física. Materias que din, que ensinan. Poden os filósofos facer que os seus pensamentos bailen ó ritmo dos gatos negros? Pode unha operación matemática ser inexacta na zona dos Maragatos? E o cabo Fisterra ó Oeste. E o regato das Bouzas desembocando en Baños de Molgas. E o ora pro nobis de que todo vai e vén, de que todo o que entra sae e de que a luz brilla onde hai escuridade. "Un home que se permite malgastar unha hora do seu tempo non descubriu o valor da vida" (Charles Darwin).
Ciclismo. Baloncesto. Fútbol. Motociclismo. Tenis. Bádminton. Balonmán. Boxeo. Frontón. Atletismo... Deportes que ensinan como é realmente unha persoa. Deportes que se poden desenvolver en Baños de Molgas... á beira do río Arnoia. "Que insensato é o home que deixa transcorrer o tempo esterilmente" (Goethe)