Saúde mental
Editorial - jueves, 15 de octubre de 2009
O pasado sábado vense de celebrar o Día da Saúde Mental, abordado como un problema pendiente, un tema sangrante, dentro da sanidade galega.
Calquera outra enfermidade está perfectamente recoñecida como tal na sociedade, ten acollida nas familias, e os afectados son conscientes da evolución da súa afección. Porque todos somos coñecedores de síntomas e realidade, non existindo máis limitación nas súas expresións e publicidade que as que estableza cada enfermo.
As enfermidades mentais, son outra cousa moi diferente. Para empezar, calcúlase que a metade das persoas aqueixadas por un trastorno mental non reciben asistencia médica.
A loita que se entabla en cada celebración deste día mundial está na asunción por parte dos enfermos e das súas familias da existencia da enfermidade, superación da conciencia social da diferencia dos enfermos mentais do resto dos enfermos, e unha cada vez maior mentalización das institucións sanitarias sobre a realidade da problemática das familias e dos individuos.
As asociacións de familiares e enfermos mentais de Galicia veñen prestando axuda a uns mil enfermos, traballando na rehabilitación e mesmo consecución de traballo estable para os rehabilitados.
Cada celebración anual desta e doutras conmemoracións representa cadansúa badalada na conciencia de todos nós. A da saúde mental ven de soar de novo para que todos teñamos en conta este grave problema.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora