Misión cumprida
Misión cumprida. E volvín polo camiño que fora. Na volta atopei espíritos malignos que se envorcallaban no bulleiro da indiferenza e demasiadas aves nocturnas que non tiñan ollos. Como sabían por onde voaban, non o sei. Eu ía cos meus pensamentos subido na carabela da inocencia, da inxenuidade. Aínda non me alcanzara a idade para saber que era a Perla Negra.

Á volta tamén pensei en que "a liberdade non é máis que a distancia entre quen caza e a súa presa", segundo di un poema de Bei Dao e que nomea Ocean Voung no seu libro "Somos un pestanexo radiante na Terra". Bei Dao é o alcume de Zhao Zhenkai, nado en China en 1949. Ocean Voung é poeta, ensaísta e novelista vietnamita-estadounidense que naceu en 1988. Eu estaba a cazar, libremente, o tempo que perdera no camiño de ida e no que levaba de volta.
Ó pouco souben que unha sombra me seguía desde o momento en que saíra o sol pola serra de San Mamede. Era longa como os días de maio e delgada como unha vara aguillada. Era negra. Pero non era a negra sombra de Rosalía de Castro; era a miña propia sombra. Quedei abraiado ó descubrir a súa forma: mal feita, chea de soños, quizais máis ben pesadelos, e de remansos pola zona dos xeonllos.
Misión cumprida. E xa de volta no punto de partida, sentei sobre a esperanza dun anhelo que latexaba con forza e demasiado ás présas. Din que estas nunca son boas, pero hai misións que se realizan ou non. Como hai devezos que xerminan, que grelan, moi paseniñamente, co tempo. Como hai ouleos que rebentan o silencio desde a leira do Caneiro. Agora deito para que a miña sombra sexa o meu leito.
A estrela azul
Non miro para abaixo. Tampouco miro para os lados. Miro para arriba. Miro á única estrela que hai no ceo. É azul. Todo o demais son nubes. Nubes negras. Grandes e pequenas. Na única abertura clara que hai alá arriba está a estrela azul. Sempre as vin brancas ou amarelas ou tan brillantes que non deixaban adiviñar a cor. Esta é azul. Está soa.
Eu tamén estou só. No alto do Outeiro Barbeiro. A uns mil metros ou un quilómetro -como queirades- de Baños de Molgas con dirección a Os Milagres. É noite pecha, pero intuíndo un ceo moi nubrado polo que só asoma unha estrela. De cor azul. Azul é a banda diagonal da bandeira galega. Azul é a calma e a serenidade. Azul é a confianza e a lealdade. Azul é a intelixencia e a fidelidade. Azul é o mar. Os soños son azuis.
Non quero marchar do Outeiro Barbeiro. Temo perder a perspectiva da estrela azul. Por iso me nego tamén a mirar cara abaixo. Nin quero mirar para os lados. Só para arriba. Nun momento dado tamén vexo o resplandor dunha luz en movemento. É branca. Adiviño un avión. Penso se desde ese avión se verá a estrela azul. Ó mellor non ven ningunha estrela.
Empeza a chover. Adeus á visión da estrela azul. Xa non hai ningún claro nas alturas. Xa podo mirar para abaixo. Miro cara abaixo para saber onde poño os pés. Marcho... amodiño, con parsimonia, moi devagar. Mentalmente despídome da estrela azul. Non sei se volverei ver unha desa cor. Azul é a ansia dun desexo. Azul é a canella pola que baixa a melancolía.