Os comercios de ultramarinos no proceso de transformación da economía galega e a súa vinculación coa Terra de Melide
Vaamonde Rodríguez, Jacobo - martes, 16 de diciembre de 2025
Publicado no Boletín anual do Centro de Estudos Melidenses.
Fai uns meses, cando estaba rematando a miña investigación "El impacto de la actividad maragata en la economía y sociedad gallega" para o programa Stem Bach da Xunta de Galicia, e que despois obtivo unha mención honorífica no Premio "Stephen Hawking" de xoves investigadores, contactei co Museo da Terra de Melide na procura de imaxes sobre os ultramarinos existentes na vila de Melide.
Realizar un traballo sobre o ámbito comercial e arrieiro ten unha clara vinculación familiar. Así, de non ser unha investigación oficial, sería moito mais doado comezar dicindo: Son Jacobo, o neto de Javier do Aceiteiro. Desta maneira, non se necesitarían mais detalles para entender a vinculación do investigador con estes comercios e coñecer cal foi a motivación que me levou a realizar o traballo (pregunta que me fixeron na defensa do mesmo).
Cando comecei a traballar no que sería a miña investigación de historia, tiña unha palabra na miña cabeza: maragato. Sonábanme as verbas dun familiar naviego da miña avoa, de Eduardo Díaz Calvo, quen lle dixo un día a miña mai que era maragata. A pena de todo isto é que nin Javier nin Lolita estaban, e tampouco Eduardo, polo que recurrín a Juan José Rodríguez Mariño (Juanito) na procura de información. Así, na que sería a súa última "entrevista", relatoume a historia da familia, rexeitando a miña hipótese inicial: non eramos maragatos, senón de Castela.
Aínda así, decidín que o tema seguiría sendo sobre os maragatos. Primeiro, centrei o meu estudo na faceta arrieira, posto que, nunha época de moitas dificultades para o transporte de mercadorías, os oriúndos das terras da Somoza (Astorga) decidiron aproveitar o coñecemento dos camiños que atravesaban a súa comarca (moi montañosa), para emprender o negocio da arrieiría.
A confianza que proporcionaban e a exclusividade dos seus métodos leváronos a traballar na totalidade da ruta Coruña-Madrid e ramificacións da mesma. Así, este modo de vida estableceuse como o principal traballo dos astorganos no século XVIII. Nestes momentos, xa aparece una vinculación coa vila de Melide.
Obras como "Caminos de Benavente" describen a ruta duns franceses: Carlos de Lannoy, Antonio de Lalaing e outros viaxantes, quenes percorrían o actual Camiño Francés ata Compostela e paraban na "villa de Mellid", a "5 leguas de Ferreyros, antes de chegar a Santiago". Este dato reflicte que, mais ala da autovía A-54 e o trasego de vehículos que recorren a nosa vila na actualidade, Melide leva séculos sendo zona de paso de gran cantidade dos transportes da comunidade autónoma. E por outra banda, permite coñecer como o Camiño de Santiago leva décadas afectando a vilas como a nosa. Xa Frai Martín Sarmiento mencionaba que a ruta francesa ata o sepulcro do Apóstolo Santiago non era só para pilingríns, senón que servía como ruta de abastecemento comercial. E aínda que non puiden afondar e coñecer moitos mais datos sobre o tema, está claro que a actividade dos maragatos beneficiou a Melide e contorna, non só pola estadía na vila (para a que necesitarían camas e cortes), senón para realizar intercambios comerciais no transcurso da ruta.
No 1855 firmase unha lei que presenta as primeiras liñas de ferrocarril en Galicia. A pesares deste anuncio, ata a década do 1880 non se procede a abrir a primeira liña ferroviaria conectada coa meseta, entre A Coruña e Palencia (aínda en funcionamento). A posta en marcha desta ruta, que realizaba un trazado moi similar ao dos arrieiros maragatos, provocou unha decadencia total do sector.
Pero, a influenza positiva que habían acumulado estes transportistas en anos anteriores, sobre todo dende a apertura da Coruña coas Indias no século XVIII, non deixou que a forma de facer negocio dos maragatos desaparecese, senón que se transformou. Dito cambio fixo posible a creación dos primeiros comercios de ultramarinos en Galicia. Por exemplo, na Coruña, case todos os ultramarinos no 1900 eran maragatos.
O auxe deste sector e a mellora da economía maragata, ademais do espírito negociante destes, fixo posible a apertura doutros moitos comercios e almacéns, uns 400 na cidade herculina según Barreiro Fernández.
A medida que ía investigando sobre o tema, fun apreciando mais similitudes entre os métodos dos maragatos e os da miña familia. Para comezar, como falara con Juanito e no pasado co meu avó, xunto a información dun traballo do Centro de Estudos Melidenses, o nome de "Aceiteiro" ven polo traballo de transporte de aceite que se realizaba por parte desta familia dende Melide ata o Mosteiro de Sobrado, pero tamén pola importación do producto dende Xaén. Ademais, os ultramarinos foron "invención" maragata, e na primeira década do século XX case monopolizaban o sector.
Coincide que nesta data abren en Melide dúas tendas de ultramarinos, as primeiras da vila: Juanito e a Casa de Elisa (Aceiteiro), que van vender os mesmos productos que as tendas maragatas, como o bacallau, cacao, café, pimentón, fabas...
A posterior apertura de almacén por parte desta mesma familia tampouco queda sen vinculación, xa que outro dos comercios maragatos foi a venta de grao e pienso. Así, podemos comprobar que as similitudes son grandes, e que, no caso de non ser maragatos por zona, os Aceiteiros foron e son maragatos nas súas formas.
Pero as pesquisas realizadas no meu traballo non quedaron aquí. Ao falar de impacto no territorio, era necesario mostrar efectos mais alá do tecido comercial, aquí o aspecto social que se menciona no título do estudo. Froito da mellora económica das familias maragatas, os seus descendentes puideron acceder a una proveitosa educación, considerando a esta esfinxe como unha burguesía ilustrada. Como exemplo, destacou o caso de José Carro Otero, quen foi doutor en Medicina e académico. Pero, aproximando mais a nosa vila, Xesús Carro non só e unha rúa preto do antigo Centro de Saúde, senón que este, quen foi membro do Seminario de Estudos Galegos, era de familia maragata.
Así, podemos dicir que a cultura dun maragato tivo impacto directo na historia da nosa vila, colaborando na publicación do Terra de Melide. Pero, ao contrario que nos contos, a historia non acaba aquí. Nese mesmo SdE Galegos, colaborando na maior obra sobre a nosa comarca, estaba outro crego e fillo de ultramarineiros: Amador Rodríguez Martínez, o fillo de Elisa.
Cada paso que daba no meu traballo era un acercamento inconsciente a miña familia, que parecía coincidir cada vez mais coa miña tese.
Na vila de Melide é común o apelido Mato. Pois ben, Xesús Mato foi un crego e musicólogo, que pasou gran parte da súa vida sacerdotal en Paradela e que fundou Fuxan os Ventos. Mais, a súa familia, como recolle a investigación de Antonio Giz e Xulio Xiz, era maragata, asentada na zona de Melide e Boimorto.
Todo isto ensina que os apelidos que agora consideramos típicos e nosos, como Carro (con maior impacto na zona de Ordes e Santiago), Mato, Jato ou Calvo (de ahí as conservas que venden nos supermercados), teñen na súa maioría unha orixe maragata, implantada no noso territorio froito do seu asentamento definitivo.
Ao igual que pasou na literatura ou medicina, o feito de ser as familias con mais movemento das vilas tiña un efecto: acabar no Concello por cupo familiar. Así lle pasou aos Pérez Carro de Lugo, onde pola condición de máximos contribuíntes, José Pérez Carro ocupou o cargo de concelleiro da cidade da muralla.
E algo parecido ocorreu en Melide, posto que, o meu avó Javier, un pouco mais tarde, no 1974, entra no Concello de Melide por dita condición, ocupando o cargo de tenente alcalde e posteriormente, no ano 1976, o de mandatario da vila, cargo que os veciños revalidaron ata o 1987. Ademais, representou a vila e comarca na Deputación da Coruña, baixo a condición de deputado provincial durante dúas lexislaturas, acudindo a mais de 100 plenos e sendo un dos únicos melidenses en chegar a dito cargo na historia da vila.
Xa rematando, tanto a investigación como esta escrita, debemos facer fincapé na arquitectura, posto que os maragatos tiñan unhas casas particulares, como o resto da súa vida. A formación e disposición estas estaba diseñada para a arrieiría, con patios e soportais. Un exemplo desta arquitectura é a casa dos maragatos de Curtis, que conserva varias características. As casas dos ultramarineiros melidenses coinciden na súa peculiaridade, ao teren unha composición na fachada moi diferente a das casas tradicionais galegas, con pedra adosada pero decorativa, ornamentos... Este, posiblemente, é o legado mais visible na nosa vila, ao deixar unha pegada en vivendas tan pouco usuais como a da Ronda da Coruña 34 e Mateo Segade Bugueiro 39.
Así, dunha forma resumida, relatei como dende unha investigación baixo a miña condición de estudante acabei por coñecer o impacto dunha saga na nosa contorna e tamén abrir novas incógnitas sobre o meu pasado.
Poucos días antes de entregar ao meu titor a versión definitiva do traballo, fixen o maior descubrimento da investigación, ao darme conta de que o meu familiar Eduardo Díaz tiña razón, xa que o maragato era él, co Calvo que compartía de segundo apelido coa miña avoa Lolita. Por todo isto, podo resumir que, ao final, son algo maragato.
Agradecer enormemente ao Museo da Terra de Melide por teren ofrecido a posibilidade de contar un pouco como foi a miña investigación. Tamén a todos os colectivos e persoas que colaboraron no traballo. E como non, a miña familia, o piar de todo, pero aínda mais desta investigación.
Considérome unha persoa orgullosa das súas raíces, polo que só me queda adicarlle estas verbas, e todas as que pronunciarei ao longo da miña vida, a él, que dende a súa humildade non puido crear un amor mais grande pola familia e pola nosa terra, Melide!

Vaamonde Rodríguez, Jacobo