O Belén é un 'Totum' 'Ex Toto' da Valura
Otero Canto, Xosé - miércoles, 17 de diciembre de 2025
A poesía sempre é un insospeitábel xerro de auga que escorre pola cabeza dos autores debido a ese "impromtu" que xorde nas cordas musicais do noso cerebro e nas entelequias improvisadas, sen plans preconcibidos da nosa alma e o que escoita recibe eses contidos que semellan relampos na electricidade das palabras molladas de ideas, facendo que a electricidade se expanda moito máis polos sintagmas e proposicións poéticas dando un amplísimo abano de contidos que fan reflexionar ao receptor e mergullalo na auga limpa dos significados que ata agora cría inexistentes, pero que a partir dese momento converte a potencialidade significativa nun acto claro e sublime porque o poeta foi quen de descubrirlle esa verdade tapada e oculta que o lector cría inexistente, por iso a poesía é unha ferramenta quizais a única que fai descubrir as verdades.
E a verdade é que en Begonte emprégase a poesía en galego e en castelán para dar consistencia a un mundo que está moi vinculado ás estacións, ao cambio, ao día máis curto do ano e as connotacións que se foron atribuíndo ao longo da historia e das que temos coñecemento, son as saturnais romanas que se celebraban cun sacrificio no templo de Saturno e un banquete público seguido dun intercambio de agasallos; por iso, Catulo, un prestixioso poeta latino de finais do período republicano de Roma, dicía que era "o mellor dos días" porque nesta data adornábanse as casas con plantas e acendíanse velas para celebrar a nova chegada da luz ou o nacemento do "sol invictus", coincidindo co 25 de decembro ou solsticio de inverno.
Estas ideas aínda continúan hoxe cando proclamamos o nacemento do Neno que nace en moitos sitios, pero o nacemento que se fai en Begonte non ten parangón, porque é un pobo enteiro cheo de figuras que representan á nosa Valura, que traballan baixo os auspicios da electricidade e que o comandan uns argalleiros que o manteñen e melloran ao cabo dos anos facendo que o nacemento sexa un "totum" "ex toto", onde se van deixando miguiñas de corazóns, por parte dos creadores, en cada figura que se fai e dun sopro a esas figuras das máis distintas materias insúflanselles unha alma nos movementos non aleatorios senón acompasados que lles incardinan vida e nós sentímolas como se fosen as nosas fillas pequeniñas que vemos como traballan e se oufanan nos seus quefaceres sempre necesarios para o resto das inmortais figuras; senón dicídeme... que sería das figuras se non tivesen labradores, un muiñeiro, un panadeiro, carpinteiros, pescadores, malladores, teceláns, ferreiros, serradores ou lavandeiras... De que vivirían? Forman parte dun pobo valuro cheo de galegos traballadores con corpo e alma chamado O BELÉN DE BEGONTE, porque non soamente se moven senón que tamén senten, mirádeas ben e veredes como os seus ollos vos esculcan, aínda que non o apreciedes estanvos ollando e póñense todas ao compás intervindo nos seus traballos cando vosoutros as ollades porque ben saben que as queredes como sempre quixestes aos pícariños, son a súa representación, mais non teñen picardía nin fan trasnadas e realizan todo por amor a vosoutros, xamais lles oiriades falar mal de ninguén, nin botar un grito ou amañar un refreo da súa situación, tan só o sons acompasados dos seus movementos espéranvos no Belén de Begonte nos días de decembro e xaneiro de todos os anos e neste do agora xa chegaron ao quincuaxésimo.
Coma un bo pobo figurativo que o é, as figuras nacen, teñen uns pais adoptivos con nomes coñecidos como Rodríguez Varela, Domínguez Guizán; espalladores como Xulio Xiz e unha manchea de traballadores. As figuras tamén se reproducen porque os pais van mandando ao colexio as súas fillas para que cada ano exerzan ben os novos oficios que van aparecendo todos os anos levando unhas boas xeiras perante cincuenta aniños de nada, mais as susoditas figuras teñen de bo o feito de ser inmortais, primeiro van ao paro e logo xubílanse, mais nunca morren porque en traspasando os eidos das súas tempadas connosco fanse inmorredoiras cando pasan ao "trasmundo" ou ao mundo do alén que é o mundo dos mouros e mouras da nosa raza e permanecen nun encantamento continuado porque o seu corpo é incorrupto e dormen entre o silencio e a algarabía dos decembros e xaneiros pasando a formar parte do MUSEO DO BELÉN, de aí que non se lles poñan lápidas de feliz descanso no outro mundo porque seguen soñando na súa anterior existencia, conténtanse con saber que foron a creación dun soño para os máis cativos e para os que non somos tanto e permanecen tamén lembrando os seus amorosiños movementos nos recunchos emprestados e vivaces que nos lonxincuos anos tiveron a ben representar.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora