Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Animosos animais. O infindo misterio do que hai

Cabada Castro, Manuel - jueves, 11 de diciembre de 2025
Levo algo dentro, moi dentro, alá no cerne dos meus adentros, non sei se nun cerebro que non sinto ou quizais nun corazón de carne que ben sinto bombear -cuco el e cantador: "ku ku, ku ku!"-... Non sei por que nin ata cando, mais o tal corazón canta vellos ecos, visións, fantasmas dun alentar que nalgún intre empezou e que dende aquela non semella querer deixar de facelo. Ai, se iso fose sempre así!
E namentres velaquí estou. Querería brida ceibe deixarlle ao pensar, ao falar, ao sentir. Mais quen podería afrontar de verdade unha tan grande tarefa? Dar voz a aquilo que nos forza, que nos leva -queréndoo ou sen querer- a pensarmos e falarmos ó xeito dos grandes dicidores, dos poetas, dos que senten e sofren, dos augures, dos videntes, dos sinxelos e pequechos... Sobre que? Pois arredor daquilo que alá moi fondo e baixiño nos fala sen falar e interpela sen ferir.
Onte vin e escoitei nas redes instrutoras o cuco cantar. Un cucar así, tan fermoso e sorprendente, ouvírao moitos anos antes, na miña case esquecida infancia, mais sempre a distancia e dende o agachado da súa emisión misteriosa -próxima e distante a un tempo- prenunciando primaveras. Ouvírate, si, meu cuco, mais nunca te vira. Ata onte. Fermoso es e sinxelo coma un pombo. Imaxinábate máis pequecho, cuquiño. Mais non! Estás ben tal e como es. Ben sei que así buscas quen te queira. Pra bailar, pra estares contento e crear descendencia.
Coido que non sabes que -aínda sen te ver- algunha vez de ti me namorei tamén. Foi así como de pequechos nos agochabamos en recunchos dicíndolle ó noso buscador iso mesmo que ti dis: ku ku! E pasabámolo ben. Grazas, cuco amigo! Por fin puiden onte coñecerte. E bendigo por iso os humanos de agora que nos poden amosar de preto, cos adiantos da técnica e os seus esforzos, marabillas tan fermosas.
E agora que á chencha me vén, digo algo verbo dos cucos do que tan ben me lembro. Pouco sabiamos daquela sobre o gran misterio da natureza, por máis que dela aprendiamos paseniñamente non poucos comportamentos que nos sorprendían. Foi así como onda aquel río rebuldeiro de Sabucedo das amigas troitas e ollando cara ó alto entre sabugueiros e salgueiros, nos decatamos dun pequecho niño máis apto quizais para unha chía escribideira ou un cirafollas. Estaba no alto dunha cativa ramallada. Era pequecho, mais viamos ben que enriba del había algo vivo que en principio non cadraba coa estraña pequenez do niño. El non sería un sapo ou algo semellante? Mais cando xa case nos dispoñiamos a botalo abaixo, decatámonos de que o que enriba do niño pousaba era unha ave grande e aniñada, desproporcionada en calquera caso ó tamaño do niño. Si, eras ti, pillabán cuco, que de ovo alleo alí naceras.
E así nós, contentos coma cucos -ao sabermos do alí ocorrido- deixamos o tal "ocupa" alí seguir, por máis que os inocentes pais dos expulsados e lexítimos fillos -desposuídos estes polo neonato do seu lexítimo dereito a medrar alí- ían e viñan sen parar e sen saber que demoños alí ocorrera para eles teren un fillo de tal grandura. Hoxe en día podemos ollar directamente nas redes como tan abraiante -e carraxento- espectáculo ocorre.
E as preguntas acugúlanse en min, en nós... Estamos ante unha natureza cega ou mecánica, ou más ben brincadeira e libre? Como puido xurdir no cuco -listo coma del proclama o refrán- un tal comportamento? Colocar sixilosamente o seu ovo en niño alleo e, tralo xurdimento da estraña e nova cría, acadar que esta mesma decida botar fóra da súa propia casa os anteriores e lexítimos propietarios que antes, espidos e inermes, alí estaban a rebulir...
Cómpre, así pois, abrir os ollos coma pratos para ver e pensar. A que chamamos -de maneira sempre imprecisa- natureza é un fondo de misterio, beleza e sorpresa que nos debería convidar a pensar e a delas tirar posíbeis e coherentes conclusións, por moi provisionais que estas puideran ser. E así pasarmos da ignorancia, do abuso ou da simple explotación comercial da natureza á admiración e respecto verbo da mesma. Cómpre, pois, aprender a des-aprender.
Foi así de feito alomenos -aquí e alá, antes ou despois- como a filosofía, as ciencias, a poesía etc. empezaron a andar polos seus propios camiños dende a admiración do inabarcábel ata unha comprensión máis ou menos coherente de canto á vista está. Unha tarefa que nin rematou nin seguramente rematará endexamais, pois tal día coincidiría co remate do estar aí da realidade e de nós mesmos como admiradores e interrogadores. Mais sospeito que somos nós os que teremos que cambiar, deixando de ver canto nos rodea e nos interpela e a nós mesmos como algo acoutado e limitado. Somos fillos do infinito, do superinfinito. E así parentes do infinito, do superinfinito, do absolutamente infinito de quen todo canto hai procede.

Ai cuco, cuquiño meu
Dende os fondóns do universo
velaí estás colgado do silencio
Do teu, do meu, de quen queiras.
Corazón do meu corazón

Ti e mais eu
e o universo tamén.
Sós estamos ou hai alguén?
Por min estás a chamar ku ku
Si, amigo, aquí estou

E a fiestra renxeu á beira
e aledouse a vella no van
Tamén ela ouviu ku ku

Por quen chamas, cuco meu?
E se non hai ninguén?
Canto porque quero,
porque te quero

Eu que sei! Igual hai alguén
E o alguén veu anda min
voando sen saber ben
se entre dous xurdirán tres

Como acceder, pois, a una comprensión aceptábel dunha realidade tan fermosa, tan diversa, tan pouco entendible en principio, tan amábel e ó tempo destrutora, tan semellante porén en si mesma no seu conxunto, no seu estilo "familiar" interno e na súa aparente incapacidade de relacionarse equitativamente con quen non é ela mesma? A escuridade, o misterio, o limitado e o que non o é... Velaquí un conxunto, un xogo, un desafío que afecta fondamente as nosas mentes.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES