Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cultura no rural (I)

Sampedro, Pilar - jueves, 11 de diciembre de 2025
Como fixar poboación nun rural que se deshabita? Como pasar das palabras ocas aos feitos concretos, incluso das iniciativas institucionais ás do asociacionismo e da cidadanía en calquera das súas formas?
Moita mensaxe baleira, moita nova que oculta falsidade no sentido de que sabemos que iso non asenta poboación senón máis ben a bota fóra. Moito tratamento do rural como lugar inculto que só merece espectáculos nos que se rin dese estereotipo de galego, ignorante e brután, contra o que xa loitaran os exiliados e emigrantes galegos na Arxentina dos anos sesenta do século pasado.
Cultura no rural (I)	Por que seguimos a apoiar esa maneira de mostrar o peor de nós mesmos? Por que semella que só valemos para facer festas gastronómicas ou aquelas nas que facemos ricos aos donos das orquestras espectáculo?
Cando descubrín que a rapazada podía acceder, tamén á alta cultura, para min foi un gran acontecemento. Sucedeu hai moitas décadas e abriume un camiño marabilloso. A partir de entón cando asisto a festivais de colexios, nos que esta rapazada actúa seguindo as peores modas de cancións e bailes (disfrazados de máis idade, moi sexualizadas e con roupas bastante inadecuadas…) avergónzome. Como podemos seguir coa canción do verán cando podemos acceder a música clásica e músicos de renome que usan a nosa lingua con dignidade? Quen quedou atrás defendendo o indefendible, e sen que ninguén se atreva a dicirlle que o emperador está nú, que o seu comportamento non é coherente cos valores democráticos que, por lei, se traballan no ensino. O papel dunha TVG (que recolleu a vulgaridade nese empeño de igualarnos polo lado máis baixo da escala) detivo ese avance pola dignidade que tamén está gardado no popular, no tradicional, nos novos valores que xorden con voces propias...
De vez en cando descubrimos iniciativas que nos sorprenden gratamente. Chámame a atención o premio Ramón Piñeiro "Facer país" que entrega a Asociación Cultural Val de Láncara despois dunha reflexión na que participan outras asociacións que se vinculan ao redor deste galardón. Busco na rede algunha das súas entregas e podo ler declaracións de Sés que o recibe en 2023. Agradece o premio "por vir da veciñanza e do pobo lugués, de todos os homes e mulleres da aldea que seguen loitando contra o que homoxeneiza as identidades e culturas", lembrou o seu cambio a falar galego e como esa mera decisión de usar a propia lingua está totalmente politizada porque "O pobo galego permitiu que se nos fixera a pregunta de por que cantamos en galego, lexitimando que nos fagan ser estranxeiros na nosa terra", porque "É profundamente triste que pensar, cantar e soñar na nosa lingua deba ser premiado". Cando escolles ben, podes asistir á un discurso pleno de autenticidade, que lembra os daqueles da Xeración Nós que vertían verdade sobre a Terra. Xa vedes, ás veces pódenos salvar un premio.
Hai outras organizacións nas que nos salva todo o que fan. Estoume acordando do Legado Activo Beiras Cal. Unha organización que xira ao redor do herdo cultural do oculista e investigador Antón Beiras e a pedagoga Antía Cal. Hai veces que é mellor recoller as palabras tal como as escribe quen máis sabe (por iso citamos a pé de letra a súa definición no catálogo de Vigo Muras Serigrafía Galega 1971): Unha proposta de experiencias, participativa, aberta e no que poder desenvolver todo tipo de actividades que permitan conectar ás novas xeracións coa natureza e co acervo cultural do país. Este legado custodia a biblioteca, a colección de arte e a documentación científica que atesourou o matrimonio e busca facelo de modo que sirva de punto de partida para novas experiencias e actividades. Se continuamos lendo coñeceremos o que levan feito: recuperación no 2000 da película documental Pelerinaxe polos lugares rosalianos 1951 e, unha vez recobrada, divulgada na chamada Rescatada que por máis de tres meses se mostrou no Museo Marco de Vigo.
Publicáronse dous manuais pedagóxicos que estaban inéditos despois de setenta anos: O libro dos nenos de Antía Cal e A arte e a súa historia de Antía Cal e Antón Beiras. O primeiro deles é, sen dúbida, un dos textos fundacionais da pedagoxía galega do século XX, que fora galardoado en 1955 co premio do Lar Galego de Caracas. Unha verdadeira enciclopedia dirixida á infancia, que presenta o mundo e o país. Un limiar de Luís Seoane reivindica a labor de Antía Cal como pedagoga; ela declara que o obxectivo era que o seu alumnado se acercase ao que os rodeaba, a través da educación sensorial, e que coñeceran os ríos, as montañas, as vilas... en definitiva o mundo; e partindo desa premisa na que continúa crendo no momento da publicación (con 95 anos) afirma que a escola é unha fábrica de pensamento na que desenvolver a creación e a tolerancia. Un volume de 400 páxinas nas que a historia e a xeografía universal e galega se van poñendo en contacto para poder relacionarse e compararse.
A arte e a súa historia, tal como presenta a editorial (Laiovento, 2017) foi unha documentación creada para traballar cos fillos e o alumnado do Colexio Rosalía de Castro que Antía dirixía. Está escrito nos anos cincuenta e o orixinal (en cuartillas mecanografadas) estivo desaparecido ata que en 2017 apareceu nunha caixa de zapatos. A historia da arte dende o principio dos tempos ata a actualidade, dende o máis próximo ata o universal, sen perder nunca de vista o país no que estamos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES