Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 10 de diciembre de 2025
Un baleiro no que só hai silencio
Un gorro na cabeza. Un frío que pela. Un avión que voa (ó mellor é unha pega). A vista xa non é a que era. Queda no atallo un sapoconcho ou tartaruga botándolle unha carreira a unha lebre medio seca. Non todos os seres vivos somos perfectos. Hainos gordos, fracos, feos, guapos, serios e simpáticos. De todo hai na viña do señor, dicía aquel.
O señor Gervasio dicía que a flor do toxo é amarela e a da xesta branca, para acabar rematando que a do codeso tamén era marela. O señor Gervasio era listo. Por desgraza morreu no ano que deixou de vivir, sentenciou o señor Evaristo, que tamén era listo. Non sei por que o digo, cando sabemos que, neste país, todos somos listos. Moi listos. Os que máis, os políticos.
Un café sobre a mesa. Un sorbo que sabe a gloria. Un bolígrafo negro que, mira por onde, chora tinta negra. E Miguel Ríos cantando "Contra o cristal". Contra o cristal case peguei unha hostia o outro día porque non o vira. A vista xa non é a que era.
Unha tarde chuviosa. Unhas pingas de auga que mollan. Un ceo escuro. Un baleiro no que só hai silencio. Baleiro sentino cando me vin só, confesou o señor Gumersindo. O señor Gumersindo aínda vive e está só. Morreulle a muller cando esta deixou de vivir. Pobre, era unha boa muller. Daba ben os recados e sorría a todas as horas. Nunca lle fixo mal a ninguén e deixouse ir moi mansiñamente pola enfermidade que a atacou meses antes. O señor Gumersindo vén falar moito comigo. Ben sei que é porque se sente só e baleiro. O baleiro ten tantos significados que chega con poñer aquel que di que non contén nada.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora