Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Retablo de Monforte

Rubia, Xoan - miércoles, 10 de diciembre de 2025
Dito así posiblemente non lles diga moito, agás aos veciños da fermosa capital da Ribeira Sacra onde estivo perante tres séculos unha das obras máis importantes do pintor flamenco Hugo van der Goes: A Adoración dos Reis que a doutora en Historia da Arte Carolina Camanyes adoptou este ano para felicitar o Nadal á xente do seu entorno mediante un fermoso e didáctico vídeo.

Poñámonos en antecedentes: Houbo un cardeal chamado Rodrigo de Castro e Osorio que malia non ser galego (nacera en Valladolid) tiña fortes vínculos con Monforte por O Retablo de Monforte ser fillo da III condesa de Lemos. Este prelado era un home ao que lle gustaba vivir con ostentación rodeado de serventes a máis de ser un impenitente viaxeiro amante da arte. Nunha das súas viaxes a Flandes en 1.588 mercou o devandito cadro que instalou nas dependencias do Colexio de Monforte A Nosa Señora da Antiga do que foi fundador, polo menos é o que se di porque tampouco hai certeza de si foi el ou outro quen trouxo a Mondoñedo a obra do senlleiro pintor flamenco. O que si parece constatado é que Rodrigo de Castro deixou nun documento o epígrafe de que: "non se podería empeñar, nin vender, nin sacar do Colexio da Nosa Señora da Antiga por pouco ou moito tempo canto constituíse patrimonio do mesmo como cadros, alfaias e reliquias". A vontade do cardenal pasárona polo arco do triunfo. O Colexio foi rexentado polos xesuítas ata súa expulsión pasando logo a se facer cargo a congregación dos escolápios que en 1913 caeron na tentación de vendelo coa escusa de que así poderíase acometer a restauración do monumental edificio de estilo renacentista e traza "herreriana" coñecido como O Escorial galego que se atopaba nun lamentable estado de conservación. O Reitor do Colexio decidiu buscar os recursos no mesmo colexio e atopounos na Adoración dos Reis de van der Goes. Co diñeiro recadado pola venda do cadro poderíanse facer moitas cousas. Nese intre era patrono o duque de Alba, tamén partidario de vender o cadro chegando a dicir incluso que el podía vendelo cando quixera sentíndose propietario cando en realidade non o era. Murguía e outros intelectuais entre eles Joaquín Arias Sanjurjo denunciaron en vano o alleamento do cadro que ao final e malia as protestas saíu de Monforte. De todo isto fala Juan Díaz Ferreiros nun boletín do Museo Provincial de Lugo.

A historia da venda é longa de contar pero a obra rematou en Alemaña, no Kaiser Museum de Berlín, por 1.200.000 pesetas e Galicia perdeu O Retablo de Monforte unha xoia moi importante do seu patrimonio.Todo isto fíxose coa oposición de gran parte da veciñanza de Monforte que se sentía, ela si, lexítima propietaria do legado que facía máis de trescentos anos estaba depositado no Colexio que fundara o cardenal Rodrigo de Castro.

Castelao chegou dicir que sentía estremecemento por deixalo saír de Galicia. Houbo unha subscrición pública na que participaron senlleiros persoeiros como Zuloaga, Joaquín Sorolla, Mariano Benlliure, mesmo Emilia Pardo Bazán e Ramón Menéndez Pidal pero só puideron reunir 76.000 pesetas e o cadro foise primeiro nun carro de bois a Vigo onde subírono a un barco, e de aí vía Hamburgo chegou a Berlín.

Que se puido facer para que o cadro non saíra de Galicia? Houbo certo desleixo naquel intre por parte do goberno de España para que iso non sucedera? Semella que si e que se puido facer máis. De Alemaña recibiuse no ano 1920 unha copia que está na actualidade no Colexio. O mesmo figurou esta condición no contrato da venda. O que non se consola é por que non quer.

A doutora Camanyes descubriume este fermoso retablo e espertou a miña curiosidade. É lamentable que non estea onde tiña que estar: en Galicia, en Monforte de Lemos, de onde nunca debeu saír, pero lamentarse non é suficiente. O alleamento da Adoración dos Reis de Hugo van der Goes non é un caso illado do espolio ao que, con máis frecuencia da desexada, se ve sometido o noso patrimonio. Habería que andar con máis coidado.

Aproveito a ocasión para desexar a todos os lectores /as de Galicia Digital o mellor para estas festas do Nadal e para os tempos vindeiros.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES