Déficit
Editorial - martes, 13 de octubre de 2009
Intuíamolo, pero o Gobernador do Banco de España veunos indicar a realidade pura e dura: Que o Estado español gasta 1.500 por cada 1.000 que ingresa, co que a realidade económica que colectivamente vivimos é de pura bancarrota.
Non podemos imaxinarnos cales son as contas do Estado, pero si podemos considerar unha situación así nas nosas propias economías, nunha situación que sería totalmente insostible.
Pois a economía dun país é a suma de todas as economías dos seus componentes. E o que todos estes componentes aportamos ás contas do Estado ten que ser cantidade abonda para pagar todas as obrigas que o Estado ten. Se os gastos sobrepasan ós ingresos, a situación eonómica nunca será viable, e está abocada á bancarrota.
A solución está en rebaixar a cantidade de gastos ou aumentar os ingresos. E se se dan os dous factores, mellor que mellor.
A solución perfecta é rebaixar os gastos, especialmente en temas que poden ser considerados supérfluos. A solución máis doada para os gobernantes, é aumentar os ingresos por medio de impostos que recaen sobre os xa abondo perxudicados pola crise.
O Goberno español optou polo aumento dos ingresos, pero ningún sinal existe de que simultaneamente rebaixe os gastos. Eso é máis difícil, pero dos gobernantes podemos e debemos agardar solucións imaxinativas e non tan só a solución máis doada, manque a quen manque.
Polo de agora, a situación deficitaria vai seguir, tal como denunciou o gobernador do Banco de España. É unha irresponsabilide absoluta dos gobernantes, que ou se poñen a traballar para dar solucións enxeñosas e de futuro, ou hai que empezar de novo, desde a base, para construir un edificio máis humano que nos albergue a todos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora