Un descoido infantil
Cando un autor ou autora acada éxitos cos chamados best-séllers e, para máis aquel, se é con triloxías ou sagas, entendo que as editoriais lles metan présa cun novo libro, cunha nova aventura. Incluso algunhas ata penso que lles poñen prazos ó escritores ou escritoras. De aí que, ás veces, se cometan erros ou "descoidos infantís" na historia que se está contando.
Non digo o libro nin o autor para evitar un rexeitamento a tal novela (dáse a coincidencia de que está moi entretida), pero,

nela, un dos personaxes é policía local dunha vila, máis ben aldea, de moi poucos habitantes e que, antes de policía, foi o rapaz dos recados, o que significa que, tal como el confesa, coñece o lugar como a palma da súa man e, por suposto, ás persoas.
No desenvolvemento dunha investigación, nunha das pasaxes, tiña que ir a unha casa doutro personaxe e tivo que botar man dun mapa ou do GPS (agora mesmo xa non lembro ben) porque non sabía exactamente por onde caía a vivenda, nin que casa era. Chocoume o asunto, claro. E moito, ademais. Aldea ou vila pequena. Policía local. Neno dos recados. Camiños máis que trillados. Parolas cos veciños a darlles cun sacho. E nese momento, nesa pasaxe non sabe da casa.
Nos agradecementos finais case sempre asoma o típico amigo "corrector" que adoita ser o que vai lendo ou o que le o borrador antes de mandalo ó prelo e coa intención precisamente de atopar ou notar eses despistes que, en libros de 500 ou 700 páxinas, case é normal que acontezan. Aquí aconteceu, pois nin o corrector nin o autor se decataron dese descoido no devir dos acontecementos.