Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sucesos incríbles (1)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 06 de enero de 2026
Sucesos incríbles (1)

Estes sucesos, ¡Incribles!, que aínda hoxe me sorprenden e marabillan, van especialmente dedicados á miña dona, Estrella Xosefina, compañeira de fatigas, de goces e de pesares, de tantas sorpresas e sobresaltos que sen ela, sen o seu afecto e os seus azos, teríame esboroado.

-o-

Tódolos debuxos desta obra son da autoría do meu excelso amigo Augusto Trillo Trillo, Maestro Nacional, un superdotado do debuxo e da imaxinación, que con só lerme
foi capaz de asumi-las escenas das miñas experiencias, ¡e retratounas fiel e gratuitamente!

-o-


Este é o soarego que me fixo

En canto entre vostede, lector afervoado, no terreo incrible, imaxinario e verídico destas Historias, encontrará detrás da porta, ou debaixo dela, que igual dá, este SOAREGO ou limiar. Non é palabra, que lle direi, amiga dos dicionarios, pero perténcelle ó caudal léxico de varias bisbarras do país, entre elas a que acobexou os saberes e a identidade de quen, magnánimo e desprendido, lles ofrece este apreixo de narracións, nas que quixo estrullar, axudado da fantasía, os segredos do noso pasado, aínda que sexa o de hoxe mesmo.

Neste limiar estou agora, e non sei se entrar, se quedarme, ou se saír fuxindo. Como convidado da casa, a miña obriga é pasar adiante, ata a lareira, e latricar con quen moi axiña gozará ó longo destas páxinas para ensumirse na riqueza ancestral do pobo. Non é o meu poñerme a loarlles, aínda que non estivera fóra de sitio, a calidade do aquí narrado, nin tampouco trazar, sintetizando, o que Xosé María leva feito no ámbito literario, nin moito menos esquematizar en fío curto o fondo e a forma dos relatos, de cada un deles.

Sei, ou presinto, que todos vostedes, os máis vellos e os máis novos, pasarano ás mil marabillas vendo de que maneira ese universo recreante dos que nos precederon se acugula de contido, real e fantástico. De como o seu devir histórico se estratifica na realidade cotiá, nos aconteceres periódicos, velados polo consciente comunitario, ou polo inconsciente colectivo, que deixaron en cada topónimo ou en cada encrucillada, de camiños ou de sentimentos, un fervor de leceres ou un tríscele de medos.

A narración, omnímoda por sinxela, áxil por xentil, avanza en primeira persoa e válese en boa medida do diálogo, da conversa, da comunicación. O que non lle impide entrar, pouco a pouco, na paisaxe, penetrar no conto ou na lenda, mundos máxicos e mitolóxicos, que tanto sostiveron a pura elegancia da nosa ancestralidade. A realidade e a ficción están sempre ben xunguidas, prestándose con lealdade ós intereses do puramente tradicional. Calquera monumento galego basta para evocar no relator, primeiro unha viaxe e logo un soño, do que non están ausentes nin a toponimia nin outras loanzas, que van desde o pasado dos mouros á lonxanía dos oestrimnios. E acotío, como cobertura, o humor.
Sucesos incríbles (1)
Recordo de cando eu era neno o asombro que me producía o ben que araba as súas leiras o señor Folgueira. No lugar da miña nenez non había outro veciño que dominara con tanta mestría o seu arado. Rompía o primeiro rego, axudado de alguén que lle chamara as vacas pola corda. Logo quedaba el só, e seguía, sen présas, acariñando o seu gando e ó mesmo tempo debuxando na labrada un ronsel tan xeométrico e tan pulcro que ninguén na aldea ousaba xulgar. Moi pola contra comentaban: que ben risca ese home! Sen dúbida, el era un ancestro, un tipo que reflectía en todo o seu quefacer o gusto estético que só o sabio é capaz de descubrir.

Ese home véxoo eu, e tamén o verán aqueles que lean este volume, en cada un dos protagonistas históricos que dalgún xeito entran ou centran estes relatos. Debúxase a eito esta Galicia que se ve atrapada polos xeitos modernos, sen por iso perder espontaneidade, vizo e exuberancia. O máis importante que hai neles, nas historias, reside no halo que o autor lles sabe imprimir ás sonoridades rítmicas que o espazo rural aínda contén. De aí que o narrador fale en presente, porque ninguén lle roubou a esperanza.

O todo, dicía Álvaro Cunqueiro, é unha pequena viaxe por entre a xentiña de nós. Afirmábao nunha das súas inmorrentes obras, nas que logrou substantivar con realismo a esencia de moitos personaxes. Palabras das que botamos man para definir este libro que sae polos camiños do mundo.

Nicanor Rielo Carballo
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES