Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Pemento de Mougan

viernes, 09 de octubre de 2009
Cando me invitaron a pregoar a Degustación do pemento de Mougán, comentei que tiña idea de que xa se celebrara este ano. E respondéronme que si, que o Concello celebra unha festa para honrar ó pemento mouganés, e logo os de Mougán fan outra multitudinaria en plan “todo gratis”, churrasco e pementos, tendo só que aboar a bebida que acompañe esta celebración.

Pois empezamos ben, pensei eu... Bo ten que ser este pemento para que en lugar dunha festa anual se lle fagan dúas, unha o concello como producto senlleiro, e outra os productores, admiradores, devotos... Algo debe ter de especial o pemento de Mougán. E aceptei sen dubidalo que se daquela sabía pouco, algo fun aprendendo nestes últimos días. Aparte que a invitación me chegou a través dunha querida compañeira de moitos anos na radio en Lugo, á que nunca saberei dicir que non.

Así que empezo... E empezo por dicir que como La Voz de Galicia anunciou hai uns días que eu ía a ser aqui o pregoeiro, Cabado, o vendedor de prensa que hai diante do edificio onde estivo o Gran Teatro, encargouse de ilustrarme antonte: Así que vas a Mougan... Oe, que ricos son eses pementos, riquísimos, e non pican. Vale.

Por outra parte, eu gosto de ir de viños por Lugo, centro ou arredores. E hai uns días, no “Ciento un vinos” que está no fondo da praza do Campo chamoume a atención a relación de tapas que van relatando para que un escolla o que máis lle apeteza: zorza, paella, ensalada de pasta e ...¡pementos de Mougán!. Acabáramos: O pemento mouganés conquistando a capital con nome propio. Si, señor. Así se traballa.

E logo resulta que me visitan dous dos organizadores desta festa e me levan unha bolsa -bolsísima- de pementos de Mougán para que os probe e saiba de que falo. Repartín cos meus fillos, e aínda tocamos a ben deles, que puiden degustalos media ducia de veces, polo que coido que empezo a saber de que falamos cando falamos dos pimentos de Mougán. Si, señor.

Agora xa non me extraña que tomedes a peito a súa celebración. E que desde hai doce anos vos xuntedes tal noite coma esta para celebrar as vísperas do Santo Anxo e da Virxe da Mercede dándolle gusto ó corpo, celebrando como sempre se celebrou en Galicia a todos os santos que no mundo houbo e a todos os productos da terra ou do mar: cun xantar –cunha cea, neste caso- que faga historia.

Cando eu era pequeno, e fai xa moito tempo, aínda nas aldeas se falaba de “sacar a barriga de mal ano” para falar de comidas festeiras, acontecementos senlleiros que había que recordar. Afortunadamente aqueles tempos pasaron, pero por moita abundancia que agora teñamos -que temos- ninguén rexeita a oportunidade de facer festa gastronómica, especialmente cando como neste caso hai tanto que celebrar.

Pero centrémonos en Mougán... A min góstame coñecer directa e previamente o terreo que piso e como primeira medida busquei en Internet... Aparece Mougán nunha páxina denominada “tu tiempo.net”, e o único que me enseña -e non é pouco- e un punto (Mougán) no mapa mundi. Mougán, aparece alí como o centro do mundo. Estaba ben, pero eu quería outra cousa.

E vin por aquí antonte, recoñecer o terreo. O primeiro que atopei foi unha placa nun monolito na que aparece o Presidente da Xunta cando era Conselleiro, inaugurando a estrada.

Metinme co coche polas vías que hai doutro lado da carretera, atopei un cruceiro, pasei por xunto á igrexa, ata que me dixeron que a festa se facía aquí neste sitio e aparquei tranquilamente á beira da estrada, dirixíndome á casa que me quedaba máis cerca. Diredes que son ben parvo, pero eu non quería dar este pregón sen plantarme no medio dunha plantación de pementos de Mougán, velos, tocarlles, e falar deles cos que os cultivan.

Pois aquí atopei a Manuel Vega e Carmen Vigo, que resultaron ser os pais dun dos ramistas desta festa, e tratáronme como se eu fose da familia, ou amigo de toda a vida. E leváronme á horta ver as plantas dos pementos en plena produción, e entrei no seu invernadeiro onde teñen uns fermosos pimentos dos que xa pican porque eso de estar ó calor faille ferver a sangue a calquera.

Inda conversamos sobre a familia, sobre os pementos, sobre Mougán, e déronme a imaxe perfecta do que é unha xente que sabe acoller ó que chega de fóra, a xente que agarima un cultivo como este voso pemento, e o único que me queda e pedirlles –agora que xa temos confianza- que non nos aseñoremos, e nos tratemos de ti, porque neste primeiro contacto tratámonos de vostede en todo momento.

Gracias, Manuel e Carmen, amigos, pola vosa acollida en Mougán, e por abrirme as portas físicas dunha plantación caseira do pemento de Mougán. E tamén, pola bolsa de pementos que me obrigástedes a levar.

Nos medios informativos fálase de vintecinco productores de pemento, en plan profesional, pero seguro que colleitadores sodes todos os habitantes da parroquia e das limítrofes, que neso sodes xenerosos, e ben sei que acolledes os do contorno. O pemento de Mougán, así, é o pemento das terras do antigo condado de Pallares, do actual concello de Guntín de Pallares, e ben podedes estar satisfeitos por disfrutar deste producto senlleiro de grandísima importancia económica, social e cultural.

As cifras de hai un par de anos falaban de cen mil kilos ó ano de pementos que saen de Mougán hacia os catro puntos cardinais. Pero quen controla esto, quen acredita canto divino pemento sae daquí e a donde chega?. Co pouco que nos gusta declarar canto facemos, a como o cobramos, onde o vendemos, e sobre todo canto destinamos a agasallar a todos os amigos que polo mundo hai, que eu teño bo exemplo do trato que comigo tivéstedes. En fin, que tamén aquí pode haber moita economía sumerxida como din que hai polo mundo adiante, polo que falar de cifras é sempre moi relativo.

E este ano, que polo que vin aínda hai moito pemento nas plantas, porque agosto e setembro foron meses calorosos, aínda queda moito traballo que facer pero tamén moita festa que celebrar, e neso estamos.

O pemento de Mougán non coñece fronteiras. Aquí se produce e aquí se consume; e en Lugo, e veñen de Lugo e contorno a mercalo aquí, e de todo Galicia, e a saber polo mundo enteiro. Pero temos que abrir novos horizontes e chegar máis lonxe. E compartir con todos os que queiran degustalo o que aquí tedes, temos, que verdadeiramente é algo especial.

Non encontrei ningún picante, pero si atopei un sabor característico, moi especial. Os pementos son carnosos, abundantes, saborosos, gordiños, con carne que se pode disfrutar, deleitarse con ela, saborear... E se, como cremos, o pemento ten o sabor do terreo, ten que ser esta unha boa terra xa que o sabor resultante é familiar, amistoso, caseiro, gratísimo ó paladar.

Atopei hai uns días ó voso Alcalde, Jesús Carreira, en Lugo; e hoxe outra vez, e quedamos en vernos esta noite. E nin o outro día nin hoxe o felicitei, pero fágoo agora. Felicidades, Alcalde, por gobernar unha terra coma esta, a do vello condado de Pallares, chea de historia e de futuro; na que nacen productos coma este pemento, que merece festa, e fai que todos os habitantes do concello poidan presumir de algo xenuíno, con nome propio, que prestixian unha parroquia e o seu contorno, que son froito delicado con importante rendemento económico e social. E noraboa, Alcalde, polo labor do Concello de Guntín na promoción deste produto senlleiro.

Volvamos ó pemento... Verdadeiramente é especial e diferente. Non é “escuchimizado” como estou acostumbrado a outros pimentos. E no caso deses outros pimentos, os que son gordiños son sospeitosos, e de picar poden deixar o paladar rabeando para un par de horas.

Os de Mougán, gordiños... veredes que falo das cousas de comer con naturalidade, expresivo, porque eu comendo disfruto. E os vosos pementos están ¡para comelos!.
Eu dos pementos só deixo o rabo, que xa de pequeno me acostumbraron a que non é comestible, pero mentras os que están ó meu lado escollen as sementes pequeniñas unha a unha, eu considéroas sabrosa parte do pemento e fágoas a honra con todo o entusiasmo de que son capaz.

Por certo, ocórreseme que o voso pemento parece como se estivese vivo... Xa sei que está vivo, e máis estando na planta, pero é que tira para arriba como para asomarse por riba das follas, como se non pesara, como se a punta buscase o aire más fresco, o calor do sol, a primeira auga que caia sobre a terra. Que auga precisan e agradecen estes sempre sedentos pementos mouganeses.

Chegados a este punto da historia, xa algo andado o século XXI, coido que é momento de honrar, ou alomenos ter un recordo ós grades do vello convento de Mosteiro que das Américas, do cálido México, trouxeron aquel producto tropical fermoso e saboroso.
E do mesmo xeito que foron os frades os que aclimataron as vides da Ribeira Sacra e gracias a eles disfrutamos do riquísimo viño das ladeiras do viño, hoxe temos pementos que viñeron de máis aló do mar descoñecido, que se aclimataron nesta terra e dela tomaron o nome: pemento de Mougán. Non porque fóra exclusivo desta parroquia senón porque naqueles tempos lonxanos de comunicacións inexistentes, vese que Mougán era o centro dunha entrañable comarca e de todas as parroquias do contorno traguían sacos de pementos, e carros cheos de sacos, para desde Mougán achegalos ós grandes núcleos de poboación, lugares xeitosos para a súa venda e consumo.

Quen les ía a dicir ós frades, que seguro plantearon o tema como un experimento, que ían causar unha verdadeira revolución, que daría lugar a festa e riqueza. E que aquel produto, verde aínda que madura en bermello, se ía degustar nas mellores froitas só ou en compaña, frito, en tortilla ou acompañando as carnes tamén ben xeitosas e saborosas deste país, porque nos tempos de hoxe que gostamos de comer ben, un bo pemento casa practicamente con todo.

E eu imaxino os vellos frades buscando os mellores recunchos para sementar os pementos, rezando a san Gregorio -que é aló polo doce de marzo e debe ser medio patrón dos pimenteiros-, mesmo creando un refrán, afirmando con seguridade “Polo San fregorio, bota o teu pimentorio”...

E os frades, como logo labregas e labregos, remangando a saia de estameña regando nos pementos, protexéndoos do frío e das xeadas, porque ¿a quen lle gusta a xeada?. Ós pementos tampouco. E os frades, antigos cultivadores, farían con paus uns entramados de madeira para cubrilos con palla e impedir que a xeada fixera das súas.
Os frades desapareceron hai séculos de Mosteiro. Pero quedaron os pementos. Gracias ós frades e a Deus.

Pero deles aprendéstedes a coidar estas plantas especiais de froito tan sabroso, que hai que acariñar hasta para recoller os froitos, un a un, á man, docemente. Deixando un par de días entre collida e collida para que a pranta se repoña. E tan xenerosa é a planta que me entero que pode empezar a dar pementos polo san Xoán, pasando pola sega, por agosto, setembro, e aínda segue.... pero que vos vou dicir eu, se ninguén coma vos para saber cal é o momento, día e hora para poder recollelos sen mancar a planta.

E en fin, como a colleita do pemento vai rematando eu tamén vou rematando este meu pregón... Eu imaxino os vellos frades, con todo o tempo do mundo por diante, acariñando os pementos que ían dar semente para o ano que ven. Coma vós, premendo nos pementos xa bermellos para recoller os que se van destinar á produción da semente... E cuidar esta semente como o mellor tesouro, gardándoa en lugar seco, para que seque e sexa tesouro seguro para o ano seguinte. E en marzo, todos os marzos, volver a empezar.

E como supoño que xa vos está tardando pasar da teoría á práctica, de falar do pemento a degustalos, rematarei, que se unha imaxe vale máis que mil palabras, un pemento de Mougán vale máis que canto levo dito á hora de conquistar un paladar.
Fagamos festa ó pemento de Mougán, que merece a nosa atención e culto. Comamos pemento de Mougán, para degustar algo diferente, sumamente agradable, finísimo agasallo ó paladar.

Felicidades mouganases, e convosco a todos os habitantes do concello de Guntín por este producto singular que vos da nome, borrando fronteiras, abrindo camiños, ampliando horizontes.

Dicía Cunqueiro que Galicia, a súa lingua, merecía e ía ter mil primaveras máis. Mil anos seguros de gloria. O mesmo desexo para o voso pemento: Mil primaveras máis para sementalo; mil veráns para degustalo, para disfrutalo; e mil outonos para festexalo. Amén.


Texto do Pregón da Degustación do Pemento de Mougán (25.9.2009).

Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES