Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As máxicas danzas da outonía

Otero Canto, Xosé - viernes, 26 de diciembre de 2025
Xa principian os mantos de follas que abrigaban as árbores e que agora sacoden tinguindo de cores as verdes herbas que caladas se van prestando aos seus desexos de formar teitos enriba delas, semellando tellas que cinguen e cobren en multitude, paseniño, mais cunha efectividade absoluta.

As máxicas danzas da outonía A melancolía céibase prendida das árbores, que pintan coa brocha do outono as fragas e os eidos, dando a volta desde o noso comezo para facer da vida círculos cíclicos de beleza e sabedoría dunha terra repetitiva que nos ampara e sorprende nos outonos reencarnados en abatemento e tristura.

Sempre nos chamaron a atención as árbores e a súa capacidade para mudar en temporais reloxos. Temos que ver como desde as súas neuronas arbóreas son quen de medir cunha precisión extraordinaria o tempo que se resolve en estacións. Quen llelo di? Con quen dialogan da natureza para sabelo? Onde están eses sensores estimulados polas súas neuronas de árbore que lle fan sentir o frío e a calor e aínda máis, terán tamén sentimentos?

Deben telos ao correr diante do vento que as arrastra, ascende e eleva mantendo a algunhas levitando e contravindo as leis da gravidade, erguéndoas coa forza das súas etéreas mans cando elas cheas de ledicia, reloucan abanándose en suspiros e en namoros antes de chegar á terra, revolvéndose e sendo donas de mil xogos e aconteceres que entre os dous, vento e follas, sen que ninguén llelo saiba, van concertando engordiño. O vento, pillabán, failles as cóxegas e entre estas deligras elas rinse sen parar cun riso involuntario de pracer e gustosas de que o vento as namore sacándoas a bailar en máxicas danzas de outono servidas polo acariñar e bo facer do livián vento saltareiro e picarón.

Outras follas caen mainas como góndolas no seu fluír, discorrendo cara a unha nova eternidade. Balandros que en ondas son quen de seguir o compás nas alturas dunha bailada sinxela e acaída no repouso sementado dos séculos, onde a eternidade nos fai acenos e nos chisca o ollo porque cada folla é un ollo da nosa terra que ve desde a súa ocular forma estar procedendo dunha maneira desconsolada á súa total destrución, non sen antes facernos galanos do seu exemplar suicidio que se delonga sempre en mantos de virxinal existencia.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES