Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade 2025.
Celébrase hoxe, día 3 de decembro, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Unha xornada que nos convida a visibilizar a tantas persoas que sofren algún tipo de discapacidade: física, sensorial, intelectual, psicosocial, mental. Unha situación que afecta a máis de catro millóns de persoas no noso país, en torno ao 9 % da poboación. E xunto a iso, pretende interrogarnos sobre o tipo de sociedade e de Igrexa que estamos a construír para que todos se sentan plenamente integrados.
Desde a Igrexa trátase dunha realidade que nos debe preocupar. Son moitos os encontros e as visitas que vou realizando a asociacións e colectivos que traballan con estas persoas. Entre as moitas presenzas na nosa diocese, alégrame especialmente a do Hospital San Pablo en Mondoñedo e o traballo que as Hijas de la Caridad alí realizan. Xunto a este exemplo, tantas persoas e iniciativas que dedican tempo, traballo, imaxinación, voluntariado a esta loable realidade. Grazas!
Nos meus encontros comentádesme os vosos proxectos, esperanzas, logros. Sen dúbida, é moito o que se avanzou neste campo na nosa sociedade. Temos que agradecelo e alegrarnos por iso, sabendo que aínda nos queda moito camiño por percorrer. Nunha sociedade marcada pola meritocracia e un individualismo que exalta a «autonomía» absoluta, existen enormes dificultades para acoller a interdependencia e a fraxilidade humana. Por iso, entre outras cousas, fáltanos non pouca sensibilización cara a estes colectivos. Non temos unha mirada atenta que axude a integrar, acoller, promover. Entre todos, habemos de superar e vencer tantas barreiras que dificultan a moitas persoas poder participar e enriquecer a nosa sociedade.
A mensaxe de Xesús enraíza máis fortemente a inviolable dignidade de toda persoa, sexa como for a súa situación e estado. Cada persoa, cos seus dons e a súa historia particular -tamén coas súas fraxilidades-, é un agasallo único de Deus. A discapacidade nunca pode ser vista como unha carencia. Non se trata, por tanto, de compadecernos, senón de promover un camiño de xustiza que constrúa unha sociedade do ben común: nese marco, todos alcanzarán a plena inclusión desde o exercicio dos dereitos. O exemplo de Xesús no evanxeo, que se atopou con tantas persoas con discapacidade ás que volveu introducir no camiño e na comunidade, é un bo exemplo e semente para nós.
Nese sentido, gustaríame hoxe dirixirme ás persoas con discapacidade e ás súas familias: a Igrexa ámavos, e necesita de todos e cada un para ser a gran familia de todos. A Igrexa necesítavos e quere acompañarvos tamén no voso camiñar. O encontro con Cristo pode axudarvos tamén a descubrir un novo sentido e horizonte á vosa existencia que vos leve, como a todos, á plenitude e á felicidade. As vosas vidas de esforzo, sacrificio, valentía, entrega escondida, xenerosidade, solidariedade, alegría
son un testemuño de fe e unha brillante achega para a nosa sociedade que nos gustaría moito fomentar e animar desde a caridade en Cristo.
Tamén, neste día, sería bo que, como Igrexa, nos fixésemos algunhas preguntas: Facemos todo o posible para que todos, segundo as súas capacidades, poidan atoparse con Xesús? Suprimimos ou facemos o posible por suprimir barreiras de todo tipo na nosa comunidade: físicas, culturais, comunicativas, mentais? Escoitamos, acompañamos e acollemos ás asociacións e colectivos con discapacidade nas nosas parroquias? Adaptámonos ás necesidades das persoas? Son as nosas comunidades, de verdade, unha nai/familia que sabe acoller, acompañar, dar protagonismo e atopar un lugar para cada un dos seus membros? Estas preguntas poden ser un bo exame de conciencia que promova camiños de conversión sempre necesarios: na adaptación dos nosos templos, na catequese, na participación litúrxica...
A Igrexa quere ser fermento dunha nova sociedade onde se nos mire como persoas e non polas nosas capacidades. A esa tarefa anímovos.
O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol