"Vellos son os trapos!" E os vellos..., que somos?
Campo Freire, Xaquín - jueves, 04 de diciembre de 2025
- "Mamá! Que fago con este trapo?" - "Déixao por aí que aínda presta servizos".
- E os vellos? - Déixaos tamén por aí. Mentres teñan pensión "poden prestar servizos".
Pois eu son vello, coma os trapos: eses mesmos que se gastaron servíndonos desde novos e agora queren tiralos e apartalos da vista. Si. Eu son vello porque a vida me chegou a esta etapa. E como tal, quero que me tratedes. Pero ollo á idea que temos da vellaría. Aí radica o problema.
Fun gastando a vida coma os trapos, o mellor que souben e puiden, cos defectos inherentes ao servizo. Co realismo dos trapos, gastados, pero non inútiles. "O esencial é invisíbel, salvo para quen ve desde o corazón", dixo o Principiño. Porque eses son os ollos do "sentido" das cousas que pasan no mundo e na vida. O mundo foi creado e vai medrando a cotío desde o corazón. Non se adoita ver a vida "con sentido" desde o pesimismo existencial.
Hai dous topónimos na xeografía española que me resultan altamente suxestivos: A "Cruz do Pouso", en Neda. Ou "Descargamaría", na Serra de Gata. Ámbolos dous están na cima dunha camiñada grande, levando consigo historicamente unha carga pesada para arranxar a vida. Moitas veces sen cartos e con bágoas. E, ás veces, de baleiro: porque, desta, non houbo sorte!
Eu xa cheguei á situación vital do "Pouso": Ollar cara atrás! Iso significa volver a ver todo o andado e contemplar tamén as diversas cargas. Parar. Pousar. Pensar. Agradecer. Perdoar e pedir perdón. E alentar con serenidade con quen chora. Sen resentimentos.
Vou fantasiar e perderme cara atrás na orixe dos tempos para ampliar as perspectivas. E, como aínda teño folgos, quero seguir subindo, paseniño, ata o Castro de Libunca, no Coto de Ancos: lugar de 'mouros' e 'encantos'. Alí, acocorado, beberei na Fonte das Tres irmáns: Laura, Ana e Laureana. E se hai lúa chea e é Noite de San Xoán, daquela, iso xa é para un dez.
Vou repasar as máis vellas tradicións da miña ancestral proxenie. Desde os nosos mitos seculares e dos arquetipos junguianos: ánima, ánimus, a sombra, a persoa e o si mesmo do inconsciente colectivo desas persoas. E, de dentro a fóra, intentarei asomarme á autoánalise das experiencias dun neno orfo e ver como fun atravesando a vida para a 'autorrealización' da que nos fala A. Maslow
No retorno, (sempre no "eterno retorno"), volvo de novo aos pés do Cruceiro do Pouso. E experimento que estou xa no 'descenso vital', que pesa máis do que a carga que arrastrei na subida, que esa xa está realizada.
O máis importante agora é traballar a esperanza. Non quero caer en: Alicia e o País das marabillas. Pero tampouco no Inferno de Dante, na Comedia. Quero manter A ESPERANZA con letra grande e esencial. Quero re-mirar todo. Vou re-pensarme desde varios miradoiros:
UNHA PRIMEIRA ATALAIA: A MIÑA IDADE PERSOAL. Xa chega o Nadal e tamén o Aninovo. Son os meus primeiros meses en calidade de vello 'institucionalizado'. Estou moi tranquilo! Teño esa sorte! Pero desde o "Pouso", tamén contemplo 'a convivencia' e no descenso que me acompaña van vir as perdas. Xa están aí. Saber desprenderse con visión gozosa e positiva do que tanto un quere. Diso xa teño experiencia sobrada desde moi neno, (xa non coñecemos á nosa nai), e logo fóronsenos indo tantos a quen lles debemos todo!
Estou a falar de familiares. E de veciños, amigos, compañeiros e compañeiras dos traballos, incluídos os conflitos. E falo tamén do apego a esas cousas que son só "chilindradas". Pero hai nelas significados tan fondos!
- "Avoa, para que queres esas fotos con eses vellos que xa ninguén sabe quen son". E vin esvarar un bágoa gorda daqueles olliños xa secos, que ninguén se ocupou en 're-secar'. Só as areas do chan das "Cruces do Pouso", tan duras e reais, pero acolledoras e compasivas. Elas foron quen de recoller esa lágrima e acariñala. E souberon gardala. Con que respecto!
"Et omnia vanitas". Estes días deume por volver á Biblia, ao Qohélet, o Eclesiastés. Un libro dun mestre de vida e sabedoría humana. Móvese entre un realismo crítico, un pouco escéptico, e unha esperanza que quere ser asisada para a vida propia e da súa comunidade: "Kai panta mataiotes". E tamén isto pode ser vaidade.
"Compañero del alma, compañero", dixo Miguel Hernández. Queres vir comigo? Espérote no "Cruceiro do Pouso" para falarmos xuntiños da grande esperanza que nos habita.
En entregas sucesivas seguiremos preparando as camiñadas do descenso: "esa escondida senda por donde han ido los pocos sabios que en el mundo han sido".
Cantos profetas do medo! Cantos "matarifes" da felicidade e da alegría dos débiles! "A nosa alma vai xa farta do sarcasmo dos satisfeitos e vai chea do desprezo dos orgullosos!" (Sal122).
Pois, NON! "Dade gloria a Deus e estade sempre dispostos a dar razón da vosa esperanza a todo aquel que vos pida explicacións da vida". (1 Pe 3, 15). "Racharemos cadeas que nos prenden e faremos fuxir a treboada. Falaremos de amor coa nosa xente agardando connosco a mañán crara". (Fuxan os ventos).
Vémonos! Unha aperta esperanzada. Xaquín.

Campo Freire, Xaquín