Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Estamos no Advento

García Cadiñanos, Fernando - lunes, 08 de diciembre de 2025
Estamos no Advento
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol no inicio do tempo de Advento

A chegada das persoas sempre vén precedida dunha preparación. Podemos pensar na familia que espera un neno, ou na cidade que prepara a chegada dun personaxe importante, ou no grupo de amigos que se reencontra tras un período longo sen verse... Con que mimo se prepara cada detalle, con que ilusión se desexa o encontro, con que ánimo se vive a espera que se transforma en festa!

Os cristiáns vivimos sempre na espera. A espera de Alguén importante que nos cambiou o corazón e co que desexamos atoparnos e estar para sempre, toda a eternidade. Así o expresamos publicamente cada vez que nos reunimos na eucaristía cando a asemblea aclama: Ven, Señor, Xesús! Móstrase así a esperanza do crente que está en camiño e desexa concluír o seu peregrinar.

Esta dimensión permanente na vida do cristián acentúase durante o tempo do Advento. O Advento é o tempo da espera, que se transforma en esperanza. É unha maneira pedagóxica de axudarnos a intensificar, nunha época, o que ha de ser sempre permanente. Este domingo, a Igrexa comeza o tempo do Advento. Catro semanas, antes do Nadal, na que entoamos comunitariamente o berro que ha de converterse nun desexo: Ven, Señor, Xesús!

Necesitamos, con urxencia, que o Señor veña e transforme o mundo, nos transforme a nós e renove a nosa Igrexa. É tempo de conversión e esperanza. A miúdo, o ruído e a présa dos nosos quefaceres diarios e o “presentismo” impídennos levantar a mirada, anhelar un futuro máis pleno e abrirnos á graza da súa vinda. Ese futuro que Deus, coa súa presenza entre nós que agora imos lembrar, xa inaugurou.

Por iso, este Advento do Ano Xubilar convértese nun tempo de graza e de profunda honestidade. É momento de facernos preguntas esenciais, aquelas que abren o horizonte de sentido da nosa vida e nos desafían á coherencia cristiá e humana: Entendo a miña vida como unha espera ao Deus que me ama? Desexo que Deus veña a este mundo para que o transforme e o renove? Onde poño a miña esperanza? Como traballo para que os desexos de plenitude que anhelo se encarnen neste mundo, especialmente entre os máis fráxiles e vulnerables? En definitiva, a quen espero e que desexo?

O Advento é o tempo do encontro. O encontro de Deus coa humanidade que se fixo historia, que vive no presente e que se proxecta no futuro. Por iso, miramos ao onte con gratitude, lembrando aquel primeiro encontro de Cristo co seu pobo, aquela vinda histórica de Xesús Neno: esa que visibilizamos nos beléns que estes días acostumamos montar con tanto agarimo e tenrura. Miramos tamén ao hoxe, sabendo que Cristo non abandona ao seu Pobo. El segue vindo e faise o encontradizo co que lle queira desvelar nos sacramentos, na súa Palabra e en tantos encontros que nos fan sentir a presenza de Deus entre nós. Momentos de fraternidade, de solidariedade, de paz, de xustiza, de verdade. Esteamos atentos, despertemos á súa presenza viva! E, finalmente, miramos ao mañá, pois o Advento prepáranos tamén ao encontro definitivo co Deus que virá, como Señor do Universo, para facer novas todas as cousas e renovarnos tamén na nosa fraxilidade.

Por todo iso, o Advento non son só as luces das nosas rúas e prazas. Non é o consumismo desenfreado ao que se nos convida nestes días. Non é a invitación á extroversión que se desencadea neste tempo. É o desexo de que exista luz no noso interior, de que acollamos a Luz que nos chega de Cristo, de que purifiquemos os nosos desexos con Alguén que calma a nosa sede. Deus fíxose carne para sandar, transformar e redimir a nosa humanidade. Por iso, Deus necesita ser acollido hoxe por ti e por min no hoxe da nosa historia para ser construtores do seu Reino.

Feliz e santo tempo do Advento!

O voso irmán e amigo,
Estamos no Advento
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES