Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O sacho

Rivas Delgado, Antonio - lunes, 01 de diciembre de 2025
Son o home que deixou caer o sacho sobre o lombo de Filemón, o home da Lucita, filla dos Prosmeiros. Estaba a moverme o marco do Outeiro Miau. E iso si que non. Que corte unha galla de carballo ou castiñeiro porque pasa ó seu eido e lle fai sombra, vale, déixoo correr; pero o marco é sagrado, é a esencia da miña propiedade. É o ser ou non ser das miñas posesións. O que é meu non é de ninguén. De ninguén.
Son o Eustaquio da Coronita, a muller de Servando de Nocelo, pertencente á parroquia de Baños de Molgas. Canto polas corredoiras da miña aldea e, cando procede, como é o caso de agora, fago que o sacho asubíe sobre o lombo ou a cabeza de quen corresponda. Son bruto coma un arado e nobre coma un cabaleiro... ata que me tocan as asaduras. Tan ben fago favores como os cobro. Entendendo a cobranza daquela maneira... dá igual sacho que fouciño, aixada que gadaña.
Máis dunha vez me quixeron levar preso, pero sempre lles amosei as causas xustificadas. Todas. É máis, algunhas veces a quen levaban preso era ó "mallado". Sempre fun coa cabeza alta e coa palabra xustiza escrita na fronte. Vese que algúns non saben ler e queren espertar ó can que dorme. Ten que ser o sacho o que poña a cada un no seu sitio.
Non sempre me queren dar a razón; mais unhas veces, ou ben pola ferramenta que leve nas mans ou ben polo discurso que lles solto (aburrido e longo como os días de maio), acaban sempre por deixarme en paz. Cada vez estou máis convencido que, aquí, onde vivo, a mellor linguaxe é a do sacho, o que impera é o sacho. E as ganas de usalo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES