Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Da República Literaria Galega (II)

Requeixo, Armando - viernes, 09 de octubre de 2009
O dreamteam infantoxuvenil

Os galegos temos o inveterado costume –talvez habería que dicir mellor andazo– de autoodiarnos pensando que todo o foráneo é por definición sempre mellor. Así acontece tamén coa nosa literatura, pois un escritor nos nosos lares é sempre un ninguén ata que dende máis alá do Padornelo alguén con máis sensatez e amor propio nos fai ver as xemas que nos enzoufamos coa lama do desprezo e a ignorancia.
E vén isto a conto porque se cadra haberá quen se decate aínda agora de que a nosa literatura infantoxuvenil non só é das mellores da Península –aí están para demostralo os numerosos premios nacionais que os nosos autores teñen acadado–, senón que a súa calidade é só comparable coas mellores plumas de Europa e do mundo.

Non é, por tanto, hipérbole ningunha afirmar que boa parte diso que algúns con orgullo denominan a «actual idade de ouro das letras galegas» asenta a súa razón de ser, xustamente, no extraordinario cultivo da escrita dirixida inicialmente ao lectorado máis novo, pois é desa canteira de onde se teñen tirado algúns dos mellores títulos das últimas décadas en Galicia.

Os moitos congresos, xornadas e simposios, a publicación de monográficos de revistas xerais e especializadas, o seu espallamento polos medios de comunicación (prensa, radio, televisión, internet…) e, sobre todo, o feito de que os nosos autores sexan reiteradamente traducidos a múltiples linguas dá idea de ata que punto a produción infantoxuvenil galega suscita un enorme interese e se consagra pola súa indubidable calidade.

Para demostrar a veracidade do que afirmo non cómpre máis que lembrar dúas circunstancias que falan abondo claro da importancia e relevo desta escrita: de hoxe nun ano, polo setembro do 2010, Santiago acollerá como sede organizadora a celebración do congreso bianual da IBBY, a International Board on Books for Young People, o máis importante organismo de literatura para rapaces. No marco das actividades que nesa xuntanza terán lugar, as galegas e galegos verán como na súa terra se reúne a Asamblea Xeral da institución, se entregan o Premio Hans Christian Andersen e o Premio Asahi Reading Promotin, ademais de facerse públicos os libros que comporán a Lista de Honra do IBBY.

Na mesma liña, merece aplaudirse tamén a candidatura dos nosos autores (Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e, pola parte galega que lle toca, Juan Farias) ao moi prestixioso Astrid Lindgren Memorial Adward, considerado con xustiza o Premio Nobel da literatura infantoxuvenil, galardón que dende hai uns anos vén convocando o goberno sueco. Que tres dos nosos creadores estean propostos para tal distinción evidencia o que non cansarei de repetir: a literatura para mozas e mozos en Galicia brilla incomparable, enchéndonos de orgullo e lembrándonos, máis unha vez, que a nosa escrita merece que deixemos de descoñecela.

Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES