Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Testamento aberto (20)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 30 de diciembre de 2025
-Desta vez foi a pita a que atrapou ao zorro!

-A min fálame en cristián, que xa non estamos en África!

-Non sei se haberá máis cristiáns hoxe en día en África que en Europa, pois os de aquí estamos volvendo ao paganismo, en mil aspectos!

-Di que o teñas que dicir, ou cala, que estou lendo no periódico, nada menos que El Progreso, o diario dos que progresan. ¿Non che soa iso que din agora de que, España va bien?

-Muller, as túas tamén son metáfora, pero aló vai, todo dentro! Mira se é listo o noso Xurxo que, nunha tacada, botou en criada, en administradora, en..., en querida!

-¡Víase vir!

-Pois eu, non tanto, que ben me sorprendeu que a autorizase a dispoñer da súa conta.

E faleille dos vapores daquela sidra. Contaba que se rise, ou se escandalizase, pero nada diso. ¡As mulleres, que as ven de lonxe, tanto se levan gafas coma se non!
-.-

Para Miguel Delibes a sombra do ciprés era alargada, máis para min menos que a do longueirán Xurxo, que ata se me apareceu no Hospital Abente y Lago, nada máis saír de reanimación, no mesmo corredor. Nada nos dixemos, que aínda non estaba eu para conversas, pero ben notei que me seguía de par da cama rodante. Despois quedouse no corredor, ou se quedou ou é que retornou, pois á media tarde, estando comigo a muller e mailos fillos preguntoulles desde a porta se podía pasar, se non molestaba.

-Mira, ho, que me dixo esta mañá Felisa que te ían operar, así que, nada máis comer, vin para aquí, aínda que dubidando se traerche un ramo de laurus nobilis ou unha coroa fúnebre... ¡Optei polos loureiros, e aquí os tes, para celebrar o teu trunfo!

-¡Noivo da morte tiñas que ser!

-Agora sono da Manuela, que é máis alegre! Máis leda e máis afectuosa cós meus comilites, que só lle falta collerme no colo, como facía miña nai, pero, cos meus quilos...!

A miña rapaza, a todo isto, díxolle:

-Xurxo, que Deus che conserve ese humor, que mentres o temos é que hai saúde!

-Mira, muller, aquí o teu marido perdeuna precisamente por pasarse de macho, que alí en Suíza sempre se dixo que os pólipos da vexiga, e tamén iso da próstata, véñennos aos homes por mexar de pé...

-¿Que dis?

-Si, muller, que por iso non evacuamos, e quédannos areíñas ao miccionar. Pero tamén lle pasou por ser de Montecubeiro, que é unha terra de toxos, por dentro e por fóra. Agora o que lle farán vai ser unha sesión de herbicidas..., para que non se lle reproduzan, que sei dalgún caso!

Algo tiña que dicir eu, por máis que tivese poucas ganas de falar, pero co Xurxo diante, coas súas chanzas, é imposible permanecer calado:

-Grazas polo loureiro, pero os romanos, cando tomaron a Meda, o Medullius, cos ramos daqueles loureiros fixeron coroas; ¡coroas, e non ramos!

-¡Xa estás ben, así que, vou marchar!

Cando se despediu dos meus fillos:

-Voso pai é tan reservado que nunca me fala de vosoutros; ¿que sodes, ou que facedes?

Contestoulle Pedro Paulo:

-Son, e estou, de Arquitecto na Xunta.

-¡Compadézote, pois, tal e como puxemos Galicia, nós, os promotores, enderezar o urbanismo ao estilo do centro de Europa vai custar Deus e axuda! ¿Ti, rapaza?

-Son Economista, e traballo nun Banco.

-¡Deus, no que vos metestes, ou no que vos meteu voso pai! ¡Este home é máis arriscado que un lexionario, e iso que non estivo na Lexión!

-Estiven máis arriba, e tamén voluntario; tres anos: Nada menos que de mecanógrafo no Consejo Supremo de Justicia Militar!

Non dixo máis nada, deixou o ramo na mesa auxiliar, e foise.
-.-

Non sei cal dos dous deixou antes de ir polo Club da Caixa, que ata debemos ser simultáneos, cando diso non me decatei. Efectivamente, a min receitáronme ¿herbicidas?, xa non sei cantas semanas; téñoo nos papeis, pero prefiro non lembrarme desas molestias. E a continuación, de abandonada que tiña a finquiña para aló me fun; coa dona, por suposto. As donas que non se levan con un a todas partes deixan de ser donas, e sería inxusto degradalas, quitarlles o mando, tanto que fan..., ¡algunhas!, polos seus maridiños.

Estivéramos dubidando se invitar para uns días ao Xurxo, que así volvía, se non á Meda si á bisbarra, pero a miña rapaza, ¡Deus que prudentes e que comprensivas son as mulleres!, negouse, rotundamente:

-¡Se quitas ao paxaro do niño, a súa paxara vai morrer de pena, e non é cousa de que a leve consigno, nin eu acepto ser alcaiota!

-¿Por...? ¿Por non casar...? ¡Diso hai tanto, lamentablemente, que só nos falta axuntar irmás con irmáns, como fixeron os fillos de Adán!

Eu non caera na conta, pero ela coñecía ben o tema, que a informaran no Club da Caixa: Manuela non podía casarse, ¡nin de viúva!, porque, ao pedi-las últimas vontades, descubriuse que o marido, o marido legal, en vista das súas desconfianzas, deixáraa usufrutuaria por días de vida si, e só si, permanecía viúva. Como nudos propietarios, os sobriños del. Ben pícaro debía ser aquel promotor multimillonario pois, deste xeito, deixoulle unha trapela para que tivese que vivir arrimada, en pecado! Sempre se dixo que, onde as dan, as toman, amigo Sancho.

Pasado aquel verán, e reincorporados á Coruña, pregunteille á nosa Felisa polo vello cliente e amigo:

-Vén pouco, que anda mal, e incluso lle ten levado, aquí Adolfo, algún papel para firmar, á propia casa.

-Pero sigue coidando nel a súa Consuelo, ou xa non?

Felisa, que é pouco menos beata cá miña dona, miroume un tanto escandalizada, así que tiven que corrixir:

-Muller, xa sei que se chama Manuela, pero o que dixen non é nome senón adxectivo. ¿Cóidao, ou non, que teño as miñas dúbidas, porque iso deles, para min, é máis ben un préstamo usurario? ¡Dígoo por se hai que auxilialo!

-Polas trazas, parece que seguen amigos. ¡Pero mellor estaban casados!

Non lle contei o noso segredo, máis ben para non desacredita-lo cliente. Pero aquel mesmo día chameino por teléfono:

-¿Xurxo, podes recibirme, que hai moito que non nos vemos, e contaríache novas do noso Castroverde?

-¡Ai, ho, como te botaba en falta! Se podes non deixes de vir, pero, os dous, que así, diante delas, non falamos de picardías!

Fun, fomos, pero non nos gustou o que vimos: Xurxo estaba desmellorado, algo así como se lle fixesen a cirurxía antiestética! Mais non afondamos no tema, por se non tiña apetencia de contarnos os seus problemas, fosen os que fosen. Se necesitaba algo, coa confianza que tiñamos, xa nolo diría el, motu proprio, pero, ou non quixo, ou non lle resultou oportuno facelo diante do seu Consolo..., da súa Manuela!
-.-

Saín, saímos, da súa casa, ¡da súa, non, da compartida!, máis ben abatidos. Parecía que nada lle faltaba, e tamén o contrario.

-Logo parece unha vaca cando a muxen con exceso...

-¡Animal!

-Muller, ti, como estiveches pouco na aldea, que podes opinar dos animais! ¡Dígoo en bo sentido!

-¿Que poderíamos facer..., se non fala? Hai que inventar algo que sirva para telo connosco unhas horas, e daquela sonsacalo.

-¡Encoméndocho a ti, periodista frustrada! Pero, con independencia diso... Daquela que se caeu e rompeu o brazo, atendeuno o doutor Vega, don Benigno, o de Río de Castro...; poderíamos falar con el, pero, co puritano que é, tratándose dalgún segredo profesional..., nada, que nada, ou pouco, pescudaremos!

-Pode ser algo de enfermidade, pode; acaso secreta... ¡Como non fose que lle quedase algunha avaría interna, ademais da ósea! Esa Manuela..., tan sospeitosa que me resulta...; ¿e se lle inoculou algún tipo de enfermidade oculta, que a levase consigo, que a trouxesen de Venezuela? ¡Mira que o seu home morreu prematuramente, e nin se sabe de que!

-Adiviños non somos, e médicos tampouco; nin médicos nin psiquiatras, que tamén pode ser anímico, de tantas que leva pasado, en tódolos aspectos. O mellor será facer por velo a miúdo, e tirarlle da lingua, pois algo necesita, ¡iso seguro!, e algo lle poderemos valer, por máis que é moi cabezón, nada menos que un lexionario!

O caso é que lle tiñamos aprecio, e cando se aprecia a unha persoa debelútrese un na impotencia de querer axudar, no posible, e se me apuran, ata no imposible.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES