Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Testamento aberto (17)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 19 de diciembre de 2025
-A porta inferi. Erue, Dómine, ánimas eórum. - Entrou no despacho cantando este responso con voz grave, de Cura vello. Traía o brazo esquerdo en estribeira, pero sen xestos de dor, que máis ben puxo cara de broma, así que non me alarmei demasiado.

-Dándolles apertas ás vellas, ou eran mozas?

-¡Cómate nunca o demo! Veño directamente do Modelo, de facerme as curas.

-¿E logo...?

-Este venres chamei ás portas do inferno, e non me abriron! Debe ser que aínda non son rico dabondo...

-¡Segues sendo un lexionario, que te mofas da morte! ¡Anda, séntate, e infórmame, coma se lle deses a novidade ao teu Sarxento!

-Daquela, ¡sin novedad en la guardia: un moro muerto, y un legionario vivo!

-Non tes remedio... -Comentei, segundo tomaba asento no Chester, en ángulo co cliente.

-E menos mal que foi en venres, que hoxe, luns, xa irei ao nocturno. Neste país todos somos mestres, e ninguén vale para aprendiz. Tiña dous albaneis subíndolle un piso á estada... Eses parvos, que veñen de gardar ovellas, que nin por Maestría pasaron, non se daban entendido, así que saín de dentro para fóra, para facelo eu, con tanto brío que nin me agarrei aos tubos afianzados, e coa mesma..., ¡cataplum! ¡Desde a placa nova ao de abaixo! A miña sorte foi que caín encima dun contedor de area, do lado esquerdo...

-Se non podías ti, debiches encargar que me avisasen...

-Para que, que nin es Médico, nin o Banco unha Clínica Modelo... -Chanceouse. – Non teño nada roto, de milagre, así que vou disfrazado de manco de Lepanto, digo, de manco da Coruña..., pero hoxe miráronme, outra vez, e din que nas radiografías non se ven ósos rotos, senón mazaduras. ¡É a vantaxe que ten ser noivo da morte, que conservas a vida, por grandes que sexan os perigos!

-Despois do malo, como din en Mondoñedo, Laus tibi Christi!

-¿Eh? ¿Tamén estiveches no Seminario?

-¡Aínda non, pero fun sancristán, de cando en vez, na miña parroquia, en Montecubeiro!

-Daquela algo temos en común! Mira, podo escribir coa dereita, penso, pero mellor me fas un cheque, e eu firmo, para pagarlles no Sanatorio.

¡Sempre admirei aos lexionarios, pero desde que coñezo a fondo ao Xurxo, mais aínda!
-.-

Din os historiadores que aqueles primitivos puxéronlle a esta península dos nosos pecados, Hesperia, que significaba, Terra de coellos. Iso sería daquela, pois ao de hoxe cadráballe mellor, Terra de lebres, que corren máis! Aquí o que non corre, voa. ¡Terra de lebres, terra de especuladores, terra de galgos, que galgo tamén fun eu naquela ocasión! É o que ten vivir entre víboras, que nin as Evas resisten a tentación.

-¿Como te amañas para vir de mal xenio, co guapa que te puxeron aí abaixo, na perruquería? –Díxenllo así, o primeiro que se me ocorreu, ao ver que cerraba a porta con visible mala uva.

-¡Eses malditos promotores...! ¿A quen se lle ocorre facer unha torre na que o ascensor non para no primeiro?

-Amodo, rapaza, que por pícaros os teño, pero neste caso tiveron as súas razóns: Nos primeiros, que en Madrid chaman entresuelos, que iso veñen a ser, póñense oficinas, academias, etcétera, establecementos con entradas e saídas de xente que non lle doe maltratar os elevadores, e logo que o consumo e mailo desgaste dos aparellos é moi grande, repercutindo nos gastos de Comunidade das vivendas. Para vender ben, con prima e todo iso, os compradores dos andares seguintes cohíbense un pouco, así que, solución: Nos comerciais non deixarlles portas aos ascensores!

-¡Xa! E daquela, por esa vantaxe mínima, eu quedo sen perruquería, que me dixeron que andan en busca dun baixo, nesta mesma barriada, porque lles vai a menos a clientela, que a xente vaise facendo maior, maior ou máis señoritinga, e non queren subir escaleiras. ¡Co ben que me trataban...!

-¿Que buscan un baixo...? ¡Ai que ben! –E dinlle un bico, pero non mo agradeceu.

-¡Iso, o que me faltaba, que me felicites! Estes homes, como non precisades ser guapos, nin andar guapos, para gustarnos ás bobas...!

-Muller, acouga, que din que a ocasión a pintan calva, pero a miña..., a nosa, pode estar precisamente niso, nos teus pelos! Ti sabes que empeza a preocuparme isto de ter a Asesoría aquí, na propia vivenda, e iso que os veciños nunca protestaron, pero vai sendo hora de ampliar o negocio. Felisa está facultada para auditar contas..., pero, como, nestes quince metros do meu despacho?

-¿Que planeas, vello planeador, que non te cansas de voar, pero, o que ti mesmo dis: Quen moito abarca, pouco aperta!

-Teño un cliente no Banco a punto de pasar a Morosos, deses que lles abarcan mais os ollos cá boca, cun local nesta beirarrúa, nesta nosa, un local cerrado, que de tanto pedir por el desacreditouno, e xa non ten ofertas... ¡Quítame unha gravata, de aí do armario, que o vou visitar, agora mesmo!

-¡Ti tamén voas; iso será mañá, desde o Banco, ou abren o Xulgado pola noite?

-Déixame facer, que á volta cho explicarei...

...

¡E tanto que llo expliquei!

-Mira este papel. O señor accedeu a venderme ese baixo, escriturando a nome meu, quero dicir, noso, ou ao de quen eu designe, no prezo convido, que xa non é o que pedía inicialmente. Ese importe ingresámosllo nós, ti e mais eu, na súa conta do Banco, mañá mesmo, co cal desaparece a súa morosidade.

-¡Outro especulador, na propia casa, o meu propio marido, un home que non se cansaba de maldicir aos especuladores! ¡Deus nos ampare!

-Calma, muller, que o fixen por culpa dos teus pelos, pero tamén da miña Asesoría, que xa verás o cambiazo. Mañá mesmo falo coa perruqueira, que lle vou ofertar un troco: O noso local pola súa perruquería! ¡É o que se chama matar dous paxaros dun tiro!

-Vas ter que xubilarte, que estás perdendo facultades...

-¿Eu? ¡Xa verás, xa! Nese local do primeiro poñemos unha Asesoría contable-fiscal, que a vou denominar..., ¡xa o teño: Bona Fide! Á fronte da mesma, Felisa, Auditora de Contas, e todo iso; o local figurará como alugado... Eu paso á sombra, pero mantéñome de copropietario, de colaborador. ¡E Felisa, feliz, que así vai gañar máis, ela tamén!

-¡Deus nos valla: outro especulador!

-¿Que culpa teño de que esta terra das lebres produza especuladores en vez de produtores; que culpa teño, di? ¡Hai que navegar nas mesmas augas; ou navegar ou afogarse, pois o noso pan de cada día, o teu, o meu, o dos nosos fillos, xa non vén das agras de Rois, nin das de Bergland, senón deste páramo dos negocios!

-¡Xa que ti o dis! Arriscado paréceme, pero, doutras saímos!

...

Na primeira visita que nos fixo Xurxo baixeino ao primeiro e referinlle que o precisaba acondicionar, que lle encomendaba as obras se así lle conviña; mostreille o proxecto da reforma, o presuposto das obras, e todo iso. Para daquela xa ía sen estribeira, así que o felicitei efusivamente:

-Agora, o que dicían aqueles romanos, que co teu latín valo entender: ¡Cave ne cadas!

-A miña caída foi dobre, pois, en parte como consecuencia dela, dela e dese Madariaga, amén da miña casa, descoidei un tanto as obras da sociedade, e chéirame que están tratando de botarme, de substituírme por outro socio, pero disto xa falaremos, que ao de hoxe o único que teño é un cheiro a chamusco!
-.-

En cousa de dous meses: Fixemos os contratos, Xurxo rematou as obras de acondicionamento, amoblei, Felisa deuse de alta como única titular da Axencia "Bona Fide", contratamos un Auxiliar, que rematara Económicas en Santiago, con boas notas na teoría pero virxe nas prácticas, etcétera, etcétera. Mentres, a tensión de Xurxo cos seus socios, e a destes co Medulliense, fora a máis. Ata que un día:

-Cansei de loitar, cansei de discutir, que eu son louseiro, pero, de preitos, cero! ¡Vou ter que retirarme, e para iso, estafado, pois o que me dan non é xusto, co que subiron os prezos das vivendas!

Foi a propia Felisa, sen que lle tivese dito nada ao respecto:

-Don Xurxo, nosoutros, que estamos ao tanto dos seus papeis, ¿quere que nos encarguemos desas negociacións?

-¿Vosoutros? Mal o vexo, pois o socio A, o Axente, supéralle ao italiano aquel, aquel das maquías...

-¿Refíreste a Maquiavelo...? –Eu, nesta ocasión, petulante; polo menos, nesta! Pero Xurxo seguía expectante do que lle dicía Felisa:

-Mire como faremos: Vostede proponlles que pasará polo que eu diga, así que, sendo muller, o socio A, o Axente, rirase de vostede, e teño a esperanza de que me acepte como árbitro. ¿Que lle parece?

Xurxo:
-¿Onde firmo a orde, a encarga?

-¡Suai, suai, como din os mouros! E vostede, que estivo en Ceuta, entenderá diso. Meu pai andou por Melilla, en Regulares, e sempre di así, "Suai, suai; vísteme engorde que teño présa". Lévelles esta tarxeta, que é a da nova Asesoría, e dígalles iso, que vostede confía en min, e que pasará pola miña arbitraxe.

A tarxeta levouna, e presentóullela aos socios A e B, pois o C seguía en Suíza, sen mando en praza. ¡Encantoulles a idea: unha muller, unha novata, revisándolles as contas! Aos poucos pasouse pola nosa oficina, pola nova, o socio B, encantándose máis aínda ao comprobar que era un local novo, unha rapaza nova, un auxiliar coa barba emerxente... ¡Firmou o que lle puxo Felisa, tan á présa que nin se parou na cláusula onde se dicía que facultaba á Felisa, ou a un Perito taxador designado por ela mesma, ou polo propio socio Xurxo, que, en dúo co que designase aquel socio, procederían a valorar os inmobles pendentes de venta!
...

-¡Al-handulilah, exclamou Xurxo cando subiu ao meu piso para darme conta daquel encontro, daquel pacto!

Pero o Handulilah non foi doado de alcanzar pois o Axente non pasaba polas taxacións, que el non firmara, así que non se aviña ao pactado. Felisa foi ver ao propio Axente, e díxolle:

-Nin vostede, nin o irmán do socio B, oficialmente, pintan nada nesta Promotora, así que fará ben en aceptar o razoable, que razoable é a nosa taxación. Por vía xudicial, por amizade que teña cos xuíces, mal o vexo, que se expón a verse descuberto nas súas ilegalidades; ¡e menos mal que dá co Xurxo, que é un franciscano, pois, con outros que vostede coñece, e eu tamén, liquidaban entre os dous, e a vostede correspondíalle cero, ou menos que cero, co cárcere de por vida!

O Axente apeouse da burra, e Xurxo percibiu, segundo el, pola liquidación da súa parte, practicamente o dobre do que levaba invertido na tal sociedade privada. ¡Non fora mal negocio, pero tampouco o de seus socios, que moito máis lles axudara, el, a ganar, ocupándose da construción das últimas casas, en particular aquelas da Agra do Orzán, que se vendían coma churros.

Felisa cobroulle uns honorarios normais, pero el insistía en obsequiarnos con parte das súas ganancias, cousa que non lle aceptamos, por suposto!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES