Segunda carta aos begontinos
Núñez, Pablo - lunes, 01 de diciembre de 2025
Xesús de Nazareth e da Chaira
Casa do carpinteiro
Avenida de Lugo, s/n
27373 - Begonte do Belén
Benquerido amigo:
As promesas son débedas, e como che prometera, non deixo pasar máis tempo sen que saibas de min. Cando falamos antes da primavera, escollín facelo por carta, e xa que o método preferido por San Paulo foi do teu agrado, aquí van as miñas novas.
Neste San Froilán recibimos visita de moitos veciños do Belén, que aproveitaron o bo tempo das patronais luguesas para desgustar o polbo e a carne ao caldeiro. Foi o caso da señora Magdalena e a súa irmá xemelga, que atopei polo serán do Domingo das Mozas, de conversa co Pelúdez e familia. Falaban, moi animados, das vindeiras vodas de prata da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Seica vai haber unha grande festa a finais de novembro, e quedamos todos en chamarnos para as celebracións, e máis para darlle unha fonda aperta á velliña polo seu aniversario. Será unha boa ocasión para ver aos amigos antes de que se achegue o frío, e nos asedien os temporais e os trens de cicloxéneses explosivas. E logo din que non cambiou o tempo con semellantes nomes... Soamente nos falta o furacán Herodes!
Despois de despedir á familia de máis sona na cidade, convidei ás xemelgas a tomar un café e un chocolate na Rúa Montevideo. Candelas con leite para elas, e o chocolate... Xa sabes, para o máis larpeiro! (Aquí é onde Lali e Arturo porían un deses emojis. Pero eu polo momento, négome a pintar nun papel cariñas que sorrín, ou un gato moi simpático chiscando un ollo. Novos tempos, meu amigo, pero segue medrando leña verde...)
Dona Magdalena contoume que está moi leda co agasallo do zoqueiro, pois asegura que nunca tivo unha gadaña cun corte tan fino e preciso. «-Leva a herba coma se fose queixo. -comentou a súa irmá». Mentres estivemos de parola e me puxeron ao día, demos conta de media ducia de freixós, e dúas porcións xenerosas de bica vilalbesa e máis torta de Guitiriz. Logo do café e o chocolate, collemos calor, e cor nas meixelas, cunha cunca (pequena) de augardente de herbas de Portomarín. Elixir de deuses, con perdón do xefe.
Foi un verán complicado. Tanta calor e humidade, provocaron unha barbaridade de lumes, sobre todo cara a Ourense, pero tamén polos vales do sur e da montaña. Ata houbo que pedir a Pilatos que cedese lexionarios para reforzar ás brigadas e mesmo á UME. «Vaia tristura ver como as lapas devoran as fragas e ata os fogares da nosa xentiña!» Co fermosa que é a nosa terra, e a dor que nos deixan imaxes tinguidas de cinza, bágoas e desolación.
Tampouco van ben as cousas na contorna do outro Belén. As nenas e nenos da nosa aldea xuntaron xoguetes, material da escola e unhas poucas moedas, para enviar aos pequenos palestinos a través de Unicef e da Cruz Vermella. Oxalá cheguen a onde teñen que chegar, xunto coas medicinas e demais axuda humanitaria, sen cruzar no camiño con francotiradores ou drons de última xeración e malas intencións.
Non haberá no mundo a forza e as ganas de parar a guerra? Achégase o Nadal, a festa máis importante de todas as festas, e sería fermoso ver voar a Pomba da Paz cun varelo de oliveira polo ceo deste, e de calquera outro recuncho do planeta que necesite iso mesmo: A PAZ.
Non todo van ser bágoas e tristura. Magdalena relatoume a máis rabiosa actualidade, como dicía Quintero a nivel nacional, ou Felipe Iglesias dende as ondas lucenses. Por certo, andamos a celebrar os 90 anos da radio en Lugo, cun fermoso libro de Paco Nieto, no que rende homenaxe ás emisoras desta provincia, e como non, aos profesionais que fixeron e fan maxia neste marabilloso medio. Libro con agasallo incluído, unha extensa escolma de intervencións radiofónicas de Trapero Pardo, co seu inesquecible "bon proveito amiguiños", que xa forma parte da historia social e cultural galega. Fagamos forza para que a Real Academia Galega conceda un ano destes, un Día das Letras Galegas para este chairego de ouro. E fagamos forza para que o noso Belén sexa declarado de Interese Turístico Nacional. Logo xa iremos a por recoñecementos fóra das nosas fronteiras.
Ti máis que ninguén, benquerido Xesús, coñeces este interese nacional (e internacional) que desperta a nosa aldea. Comezan os magostos, e co recendo das castañas no ar, chega tamén o inconfundible aroma a Nadal. O desexo de percorrer o camiño ata dar co mural de Diego As, que sinala na dirección adecuada. Que recordos trae ver a ese neno da man do seu avó! Non puido dar Diego cunha tecla mellor. Ao parar diante do mural, e coa ledicia no peito e o corazón tamborilando, sinto de novo a man dos meus avós apertando na miña. «Ay, meus avoíños! Cantos nadales fun no voso colo, ou enriba dos ombreiros ata chegar ao templo de todos os nadales! Que acertado tamén ese segundo mural no propio edificio...».
Por se fose pouco, e sen esquecer os Anacos de Lorenzana en cada parroquia e camiño, nesta edición estamos de estrea. Unha estrea por partida tripla. Temos noria no Belén! E noria de cabalo, para que a besta mova o enxeño mecánico, e os baldes recollan a auga que tanta faltiña nos fai. Este verán tamén foi de seca, e xa me ten preocupado o cambio climático que uns negan e outros desprezan.
Collendo cara o castelo, construíron unha casa coma a de Corral. Unha verdadeira e preciosa xoia, e un merecido recordo para o xenio que esculpiu con mestría, e acadou un merecido recanto na historia chairega. Noria e casa-museo son obra dos artesáns Chomin e Ricardo S. López.
A terceira estrea faime unha ilusión especial, e estou seguro de que tamén sentirás o mesmo. Trátase dun Belén dentro do Belén, unha sucesión de escenas do noso nadal e costumes, que van cambiando ante o atento ollar dos nosos particulares Reis Magos da Chaira: Varela e os irmáns Domínguez Guizán. «Non me digas que non é unha idea do máis orixinal, froito do maxín e a habilidade de Ero Telmo Vázquez Cabrera. O de Trécola.» De verdade que quedei abraiado, igual ata coa boca aberta, ao ver esta peza artesá que fará refulxir (aínda máis) o anexo do museo.
Co permiso dos veciños e amigos de Vilalba, en Begonte tamén temos o noso Paseo dos soños. Onde mellor que na chaira para soñar e soñar...? Xa case estou convencido de que en vindeiras edicións, Mato terá tamén unha figuriña de seu, como falabamos na carta anterior. Do que, sen dúbida se aledarán o serrador e máis o zoqueiro, e penso que toda a nosa comunidade.
Coido que non tardaremos en vernos e saudarnos, pero xa sabes... Se recordo algún outro conto, escríboche sen falta. Unha aperta, meu amigo. E un bico tamén. Vémonos.

Núñez, Pablo