Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A liberdade ten cancelas (3)

Rubal, Pedro - viernes, 26 de diciembre de 2025
Efectivamente, a tolerancia implica unha seriedade na persoa tolerante que non caracteriza á ADULACIÓN e a PARRESIA, que, segundo os Dicionarios da lingua española, o Espasa-Calpe e o Océano Uno (do Gupo Editorial Océano), coinciden en introducir que se APARENTA, que se din cousas tamén aparentemente ofensivas, cando se trata dunha liberdade excesiva da linguaxe, etimoloxicamente. É un termo que procede do grego parrehsia, de pan = todo e rehsis =locución, manifestación; pero traducido o composto significa, "dicilo todo", "falar libremente". Aquí as cancelas da liberdade ábreas o falante; pero as "aparencias" das definicións dos dicionarios parecen cuestionar a sinceridade de quen practica a "parresia", o que se opón a outras significacións.
O termo "adulación" deriva do verbo latino ad-ludor = chancearse; por metáfora, "adular", e este de ludo = finxir. A adulación, como gabanza esaxerada, antónimo da critica, e da parresia, da que tamén cabe dicir algo máis. E, en todo caso, preténdese afagar ao adulado, principalmente se se trata dun superior, para gañarse a súa vontade con fins interesados (Wikipedia).
O propósito do adulador non está en pensar o que di, senón en acadar o encollemento do ego do adulado, e non so polo seu raposeiro pracer de facelo, senón tamén polas ganancias que espera obter. O autor en Wikipedia cualifica aos dous de repugnantes e mediocres, que pululan e imperan nalgunhas organizacións. Sen dúbida, son dúas formas corruptas, cunha personalidade patolóxica, indignos de posuír as prerrogativas propias dunha liberdade que aldraxa, por manipulación, a súa personalidade. E, non obstante, ás veces, esta mediocridade acaba triunfando, deixando o verdadeiro personalismo relegado a mercé dun poder que lles permite a estes complementarios corruptos toda clase de libertinaxes.
O adulador logra que os xefes teñan unha boa opinión del e procura simular o desinterese por ascensos, compracente coas opinións deles – que moitas veces son unhas auténticas medianías –, pasa a unha mellor situación dentro dunha organización, incluso afanándose por ocultar as súas limitacións a hora de facer uso dun poder que supera as propias capacidades. E no suposto de que teña talento, fará uso del para aparentar, non para crecer como ser humano no emocional, espiritual e profesional. Deles dicía D. Enrique Jardiel que “algunas gentes son como capullo, por fuera seda, y por dentro sólo un gusano que se retuerce”. Así que o adulador aproveita as ocasións para exteriorizar o poder e o adulado cre que o ten, sen darse conta de que está reducindo o aprecio e hipotecando a consideración.
Este xogo no campo da adulación ven a ser como unha fonte xeradora dun amor propio, impropiamente aplicado. Procuro explicalo. Se lemos “Amor y mundo”, do filosofo catalán Joaquín Xirau, encontrámonos, entendendo o amor como ágape ou charitas, incluso no amor propio, se se concibe un a si mesmo como persoa, como un fin en si mesmo e coa súa propia dignidade e autonomía, CONDICIÓN NECESARIA para a entrega amorosa ao próximo; pero, aínda que o amante, adopta o punto de vista do amado, non hai alteración persoal, porque o amante inclúe o mundo do amado sen deixar de ser o que é el mesmo, xa que o amado non é un novo obxecto, senón un ser en si. Na adulación, a aparencia ocúltalle ao adulado a auténtica personalidade do adulador, que simula ser unha entusiástica copia daquel, unha imaxinaria sinerxía persoal. Aquí as cancelas da liberdade, abertas na PARRESIA, cérranse para a verdade e a autenticidade, na adulación.
Permítanme, pois, unhas liñas sobre a “parresia”. Na retórica clásica considerouse como unha maneira de falar con franqueza e incluso Michel Foucault, referíndose a parresia do Antigo Testamento, di que é unha actividade verbal mediante a que o falante expresa a verdade, e, non obstante o que pode suxerir a utilización do termo “aparencias” nalgún dicionario, como indiquei máis arriba, en este lugar, considérase que o falante usa a liberdade e elixe a verdade en vez da falsidade, non só con toda sinceridade, senón tamén con vontade de destacar o innegable da mesma, posto que a verdade para o que utiliza a parresia está garantida por certas calidades morais, que o obrigan tamén social e politicamente, aínda que haxa que sortear algún perigo.
Cabe pensar que impacto produce nos nosos tempos unha actitude persoal "parrésica", nesta vida tan dinámica e de incontables apuros, porque a serenidade non parece o paradigma no que estamos instalados. Interesa o éxito, como ao adulador, rápido e de efectos inmediatos: o desequilibrio de todos os aspectos da vida cerra moitas cancelas a liberdade, que a parresia loita por abrir á verdade; pero a verdade, que desvela as anomalías dos comportamentos sociais, de matiz moral e político, devén un obstáculo ao cerre das cancelas polas que a liberdade deriva en libertinaxe. Así quedan neutralizados os espazos do diálogo fronte a manipuladoras relacións de poder establecido, que persigue ao falante que elixe a franqueza en vez da persuasión, a verdade en vez da falsidade, a crítica en vez da adulación e o deber moral en vez do interese incluso propio.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES