Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A liberdade ten cancelas (2)

Rubal, Pedro - viernes, 12 de diciembre de 2025
Estamos vivindo nunha época, no Antropoceno, na que a persoa humana ocupa un lugar tan importante que é capaz de introducir sorprendentes modificacións nos sistemas naturais, xerando consecuencias dun alcance que fai poucos anos nin eran imaxinadas. Polo tanto, os conceptos de liberdade e tolerancia, que, sen dúbida, van ter un papel decisivo, ben se merecen unha breve atención, principalmente as intolerancias, posto que estamos chamados a valorar contextualmente, non só as decisións, senón tamén as indecisións, persoais, e dos poderes, dimanantes da diversidade integrante do mundo, que hai que supoñer que necesiten extremar a súa aplicación funcional, nun difícil xogo das actitudes tolerantes e intolerantes, seguindo criterios conxugados e concorrentes que aseguren a defensa dunha Humanidade, seguramente definida de novo.
A TOLERANCIA, esa capacidade de expresar o punto de vista propio sen ferir os sentimentos das persoas que posúen outras opinións, pode entenderse como integrante da liberdade, posto que, no caso da persoal, a antinomía, como se explicou na Parte 1 deste artigo, está constituída por outras persoas capaces de poñer obstáculos, que, se son clarificadores xustifican a tolerancia, e se son estratéxicos, invitan a intolerancia; pero nun contexto político a tolerancia tamén está vinculada á democracia, como fundamento do respecto debido a outras persoas no seu pertinente papel de interlocutoras na defensa representativa de intereses comunitarios, aínda que ten un campo de aplicación moi limitado e máis ben propagandístico, como afirma G. Bueno na páxina 279, na o.c.
Este catedrático sostén que a tolerancia no é a medida da ética, senón que é esta a que debe medir a tolerancia. E para comprender ben isto ofrece o exemplo dun caso: Se alguén expresa a súa opinión -ven a dicir- sobre os meus defectos, considerados verdadeiros, hai unha certa intolerancia, pois se non o fixera así estaríamos na presenza dun caso de tolerancia, pero ética, que é a que mide o alcance da súa xustificación. É dicir, a ética non xustifica todas as tolerancias, posto que non todas elas son xustificables nin ética nin moralmente, e incluso nin filosófica nin cientificamente. Pero debe terse moi en conta o que nos di Dietrich von Hildebrand, como exemplos de xustificables, na súa obra "Moralia" que o moralmente relevante e o bonum commune: a paz entre as nacións, a orde pública, a tranquilidade do Estado, a seguridade pública e, sobre todo, a xustiza da Constitución e das leis estatais, E Kierkgaard considera que o ético é verdadeiramente a fe na expiración eterna. E engado isto pola súa aplicación na valoración política.
Así pois, a tolerancia, como integrante da liberdade, tamén ten cancelas, xa que non se xustifica a tolerancia de todo, en cuxo caso, conceptualmente, habería que considerala impertinente. É que non pode desconectarse da verdade; a mentira é intolerable, aínda que se tolere, porque tolerar o intolerable (caso da mentira) equivale á ADULACIÓN, e, non obstante, pode facerse, como se comproba diariamente. Velaquí porque debe ser a ética a que controla as cancelas non só da liberdade, senón tamén da tolerancia: Xa que tanto se pode ser tolerante como intolerante, se só cabe a medida ética.
O concepto de tolerancia, ás veces seguramente con outra denominación, ten unha historia interesante, na que non entro, aínda que direi algo que faga pensar na súa importancia. Hai autores que teñen en conta a diferenza entre a tolerancia relixiosa e a civil, pero en ambas existen matizacións relixiosas. A relixiosa mantense dentro de coordenadas morais e histórico culturais, non metafísicas. Atravesando estes límites, pasa a ser branda, incapaz de modularse como boa ou mala segundo os contidos da conciencia moral e non o metafísico da persoa libre. O concepto moral da tolerancia está na loita contra o fanatismo relixioso do Antigo Réxime, con Locke, Voltaire, Diderot, etc.
Parece que antes da historia da tolerancia no "orde essendi" (en lo que es esencialmente) está a historia do seu concepto no "ordo cognoscendi", se ben o seu concepto moral ideolóxico non implica a súa correspondencia empírica. A tolerancia só pode confirmarse nun contexto entre persoas, nos contextos nos que aparecen a xustiza e a caridade. Desta maneira, a tolerancia e intolerancia, foron aparecendo neste contexto: A tolerancia de opinións consideradas erróneas polo próximo, debido a que poden danar a alguén, nas súas opinións, nos xuízos e nos actos, os únicos aos que se aplica a pertinencia, deveñen eticamente inaceptables.
De todo o que levamos explicado sobre a tolerancia, creo que está suficientemente claro que a súa concepción esixe unha situación de reflexión da intolerancia previa. Isto percíbese dentro dun contexto social de matiz político de carácter democrático, onde a tolerancia está chamada á neutralización de tendencias a suprimir a acción das persoas que manteñen posicións políticas, principalmente, pero tamén científicas, morais, filosóficas... opostas ás do tolerante; e, por suposto, a mesma tolerancia relixiosa está baseada no grao de intolerancia das relixións diferentes.
Pero hai que considerar que non procede reducir ese poder de neutralización da oposición, no caso político, sobre todo se leva consigo a supresión da mesma capacidade de neutralización, debilitando os efectos adversarios, aínda que non sexa máis que para refutalos. Así ocorre en caso contrario, con frecuencia, cando se leva a exposición por outro camiño, incluso en plan fanfurriñeiro, para evadirse da irracionalidade, ou por falta de recursos propios, mediante unha asignación atributiva ao adversario, con descaro incoherente e impropio na situación.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES