A liberdade ten cancelas (1)
Rubal, Pedro - viernes, 28 de noviembre de 2025
Abordar toda a problemática da "liberdade" da persoa humana non é unha tarefa lixeira, posto que incluso conceptuada como a posibilidade de realizar acción libres considérana, os que lle dedican tempo ao seu estudo, como unha concepción contraditoria, porque non se concibe a existencia de accións libres se previamente non hai liberdade para realizalas.
En todo caso, eu quixera escribir algo desta temática, que considero necesaria para ocuparme da "tolerancia", así que vou arriscarme a facelo rastrexando algunhas ideas desenroladas por autoridades nesta materia, e consultando un traballo de Gustavo Bueno, sobre o que informarei máis adiante. Lembren que a Revolución francesa incluía a "liberdade", coa "igualdade" e a "fraternidade", como principios fundamentais da xestión política, que, neste noso tempo, os políticos utilízanos ata tal extremo na propaganda, que esquecen a praxes. E sacalos dos seus límites inadecuadamente comporta facelos caer na indesexable trivialidade.
Talvez pareza estraño, pero non hai un concepto da liberdade que poda aplicarse a todos os casos, precisamente por isto, o uso do termo liberdade -que é o que nos ocupa aquí- é mester adecualo conceptualmente ás esixencias de cada caso, posto que non é unívoco, evitando aplicar unha crítica impertinente; e tamén se consideran dous tipos diferentes de liberdade, incluso en algúns textos de carácter didáctico, a "liberdade a quo" ou LIBERDADE-DE, e a "liberdade ad quem" ou LIBERDADE-PARA, aínda que non son máis que dous "momentos" dun mesmo concepto de liberdade: O momento PARA supón o DE. Son dous momentos que se implican mutuamente, xa que non pode dicirse, por exemplo, que unha persoa ten "liberdade-de" expresión, se realmente non a ten "para" a expresión. Para que se entenda mellor: Non é fácil coñecer a miña "liberdade-de" se non se sabe "para" que a quero. Se estou libre de trabas, estareino "para" algo.
A idea dunha liberdade persoal fai referencia ás diversas categorías nas que se manifesta. En todo caso, esa liberdade persoal, implica a causalidade, que é o que arrastra á responsabilidade, posto que a persoa pode evitar a imputabilidade e desembarazarse de toda clase de arrepentimento. Así, pois, esta liberdade cabe definila como a capacidade de facer o que, polo mero feito de facelo, constitúese nun elemento configurador da personalidade nunha sociedade de persoas. E, consecuentemente, di G. Bueno que a culpa corresponde á persoa e o arrepentimento ao individuo, en canto que ven a ser un sentimento psicolóxico, e a culpa está vinculada á causalidade persoal en función de cómo se exerce.
A liberdade xera poder. Pode afirmarse que é un poder fronte a outros poderes, pero determinados, posto que non ten sentido pedir liberdade se non se sabe que tipo dela se require. E reparemos nisto, porque se o entendemos así o que realmente queremos dicir é que non se trata dun poder fronte o poder en xeral, senón a un poder, ou poderes, moi concretos. Tamén aquí G. Bueno di o seguinte: "A persoa só é libre na medida en que os seus actos poden ser interpretados como episodios integrables dentro dunha traxectoria global dotada de sentido ideolóxico propio", traducido ao galego, pax. 257, da súa obra "El sentido de la vida".
Por outra parte, a persoa non pode considerarse con profunda liberdade se fai un uso arbitrario do poder derivado da mesma, no seo da sociedade, con comportamentos "anómicos" e arbitrarios, posto que o horizonte impersoal nin tan sequera recibe coa necesaria intensidade a execución dos seus actos máis necesarios para o cumprimento do propio destino, para cuxo obxectivo é pertinente este tipo de liberdade.
Pero a liberdade ten moitas modalidades, e xustamente por isto, non pode considerarse como un atributo unívoco. Depende da súa vinculación ao horizonte antinómico, entendido como unha orde natural na que impera a "causa eficiente"; ademais hai un horizonte persoal, operatorio, no que actúa intereses a modo de "causa final". Polo tanto, non se poden descoñecer eses dous horizontes, o IMPERSOAL, o das causas eficientes, e o PERSOAL, o das finais.
Aquí fai alusión G. Bueno á doutrina estoica, que parte de que só podemos controlar o que temos dentro de nosoutros, controlando os nosos impulsos, emocións, a mente e as decisións, e evitando o externo, que corresponde ao dominio do impersoal e está suxeito as causas eficientes. Isto na filosofía antiga; pero na moderna pode tomarse como exemplo a Kant, quen sitúa a antinomía da liberdade na oposición dialéctica entre CAUSALIDADE NATURAL e CAUSALIDADE PERSOAL, entendendo esta como causalidade libre; e explícao formulando unha TESES, máis ou menos, así:
A causalidade, segundo as leis naturais non é a única que opera en todos os fenómenos que constitúen o mundo, senón que tamén opera a causalidade libre. A ANTÍTESES queda así expresada: A liberdade non existe, dado que todo ocorre no mundo real e faino coas leis da natureza. ¿Cómo se acada, pois, a SÍNTESES?. Seguindo a Bueno, caben 4 saídas, que non constitúen unha rigorosa sínteses, porque parten dunha combinación epistémica que quebra o razoamento dialéctico; pero pode deducirse en cada unha das seguintes saídas:
a/ .- Declarar a antíteses verdadeira e ilusoria a teses: Esta saída é determinista, e non permite a imputabilidade dun delincuente, por exemplo, posto que desaparece a liberdade persoal, e leva a substituír cárceres por hospitais. Caben posturas nazis.
b/.- Declarar falsa a antíteses e verdadeira a teses: Caemos na arbitrariedade dunha causalidade libre, nun indeterminismo.
c/.- Declarar verdadeiras as dúas, teses e antíteses: O determinismo causal mantense nos FENÓMENOS e a causalidade libre, nos NOUMENOS, quedando a liberdade reducida a ilusión transcendental.
d/.-Considerar erróneas ambas, teses e antíteses: Resultan inadecuadas, xa que a relación entre causalidade e liberdade non é antinómica, senón conxugada. Neste caso a liberdade non se reduce a causalidade, e esta conxugación é posible, porque ambas non pertencen a mesma liña de realidade ontolóxica.
Por suposto, no horizonte persoal, a antinomía á liberdade non está establecida como un termo cósmico, é dicir, como unha causalidade natural, senón entre a actividade operativa humana persoal e outros termos opostos tamén persoais, ou, polo menos, operatorios. Aquí a antinomía pode formularse entre a actividade da persoa humana e actividades doutras persoas humanas, se estas poden dificultar esa liberdade. Neste caso, a liberdade humana quedará comprometida non por unha causa impersoal, senón pola causalidade final, teleolóxica, doutras supostas persoas superiores aos homes. E cando estes teñen a impresión de obrar libremente, de acordo cos seus plans e intereses, será cando están obedecendo aos plans desas outras persoas superiores.

Rubal, Pedro